O Concello de Carballiño extende a súa programación cultural a xaneiro
NADAL
A idea e facer que sexa un mes de actividade que xere vida na vila para usuarios e comerciantes
Este ano, o Concello do Carballiño estende a programación de Nadal durante o mes de xaneiro para que a veciñanza poda seguir desfrutando de actividades e propostas culturais para todos os gustos e idades. A idea é facer que o mes de xaneiro sexa un mes de actividade que xere vida no pobo e que usuarios e comerciantes se poidan ver favorecidos por isto.
O humor, o teatro e a maxia serán os protagonistas das próximas semanas na vila. “Despois do éxito de participación nas actividades das semanas de Nadal, convidamos á poboación do Carballiño e do resto da provincia a que se acheguen á vila a desfrutar do que temos preparado para este mes”, apunta Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
Onte, día previo ao inicio do curso escolar tralo descanso de Nadal, as familias puideron divertirse na pista de xeo da Praza Roxa, activa desde o pasado día 31. A entrada desta actividade foi totalmente de balde cos patíns incluídos.
A programación continúa o próximo mércores, día 14, coa obra “A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica”, de Tanxarina títeres. Trátase da adaptación dunha novela de Carlos Labraña na que se combinan marionetas, narración e música, e se reflexiona sobre valores como a amizade ou o traballo en equipo. A actividade, impulsada desde o servizo de Normalización Lingüística, levarase a cabo no Auditorio Municipal para alumnado de Educación Primaria.
Xa o domingo 18 será a quenda do humorista Agustín Jiménez. O coñecido monologuista visita O Carballiño con “Generacional”, un show no que presenta con moito humor algunhas das diferencias actuais entre pais e fillos, desde o uso das redes sociais ata a música favorita. A cita terá lugar no Auditorio Municipal, ás 19,00 horas. As entradas xa están á venda a través de giglon.com.
O Festival Máxico de San Juan Don Bosco porá o broche de ouro ao mes de xaneiro. A esperada cita, que cada ano congrega no Carballiño a centos de afeccionados á maxia, levarase a cabo os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro. Como é habitual, haberá obradoiros e actividades de maxia e ilusionismo para público infantil e adulto, ademais de galas e comidas de confraternización.
Deste xeito o transito entre as datas festivas de Nadal e Carnavais está repleto de actividades, para que a vida social e cultural do pobo se manteña sempre activa, e sirva para que a costa de xaneiro dos comerciantes e hostaleiros da vila sexa máis levadeira .
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último