MUNDIAL 2026
Todos con "LA ROJA"

A Festa da Palabra tomou un ano máis a Ínsua dos Poetas

CULTURA GALEGA

Dende a organización subliñan o éxito do evento que promociona a lingua e cultura galega

Premiados e organizadores da Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas.
Premiados e organizadores da Festa da Palabra na Ínsua dos Poetas. | Martiño Pinal

A Festa da Palabra, celebrada este sábado na Insua dos Poetas, cumpriu todas as expectativas da organización ao congregar arredor de 300 persoas nunha xornada que volveu converter este lugar do Carballiño nun punto de encontro para a cultura galega en xeral. A cita volveu a reunir a escritores, poetas, escultores, músicos e representantes do ámbito cultural chegados de diferentes puntos de Galicia, nun evento no que se cumpriron tamén as previsións da Fundación Insua dos Poetas coa asistencia da totalidade das persoas e entidades premiadas nesta edición.

Durante o acto entregáronse os Premios Insua dos Poetas 2026

Durante o acto entregáronse os Premios Insua dos Poetas 2026, que distinguiron á escritora Fina Casalderrey, na modalidade de Literatura; á Sociedade Galega de Historia Natural, en Medio Ambiente; ao Club Ciclista Maceda e ao editor Bieito Ledo, pola súa contribución á Promoción da Cultura Galega; a Arturo Lezcano, na categoría Galicia Exterior; ao xornal dixital Praza Pública, en Medios de Comunicación; e ao empresario Alfonso Medela, na modalidade de Música. Todos os galardoados estiveron presentes para recoller o seu recoñecemento, un feito que a organización destacou como un dos grandes éxitos desta edición.

Un dos momentos máis esperados da xornada foi a inauguración do monumento dedicado á lírica galego-portuguesa medieval, unha homenaxe ao extraordinario esplendor literario que viviu Galicia entre os séculos XII e XIII. A nova escultura foi moi ben recibida polos asistentes e pasa a formar parte do patrimonio da Insua dos Poetas.

O presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, explicou que a homenaxe nace coa intención de achegar ese legado ás novas xeracións. “Creo que hai que apelar á valía da lingua galega no sentido de que as novas xeracións saiban, coñezan que están ante unha lingua cunha gran raíz histórica, unha das máis literarias durante os séculos XII e XIII. Estivo presente na poesía das cortes da Península, tanto de Portugal como de Castela, e pervive no século XXI; polo tanto ese era o obxectivo”, afirmou.

O presidente da Fundación, Luis González Tosar
O presidente da Fundación, Luis González Tosar | Martiño Pinal

Tosar mostrouse tamén satisfeito co resultado do monumento inaugurado, asegurando que “quedou moi ben” e confiando en que a Fundación poida seguir promovendo iniciativas deste tipo no futuro. Ademais, puxo en valor o esforzo que supón organizar un encontro destas características. “Non é fácil congregar a estas persoas de toda Galicia, do ámbito da cultura, escritores, escultores, xente da creatividade. Non é unha festa gastronómica, é unha festa da palabra”, destacou, reivindicando o carácter exclusivamente cultural da cita.

Por último González Tosar incidiu na necesidade de dar “un empurrón cultural” ao uso do galego en todos os ámbitos da sociedade.

Contenido patrocinado

stats