50 ANIVERSARIO
Medio século de tradición o son das gaitas no Irixo
50 ANIVERSARIO
Álvaro Penedo e Sela Taboada non comparten teito, pero desde que cumpriron os tres anos a Banda de Gaitas e Danzas do Irixo é o seu fogar común. Alí formáronse como músicos e hoxe continúan como docentes desta agrupación que este 2026 celebra medio século de actividade practicamente ininterrompida. Os seus máis de 60 integrantes reuníronse esta fin de semana para ultimar os preparativos do espectáculo do 2 de maio, no Auditorio Manuel María do Carballiño, co que queren render homenaxe ao percorrido da banda e a todo o que construíu desde a súa fundación na década dos 70.
“A banda é xa unha parte de min”, asegura Penedo. Taboada pensa o mesmo: “Non podo entender a miña vida persoal sen ela”. Este sentimento compartido transmíteno agora aos seus alumnos, que van desde os tres anos en diante e se reunen cada sábado nun local social anexo ao colexio do municipio, en horario de mañá, no que se imparten clases de distintas disciplinas: gaita, percusión, canto e baile tradicional. “Aquí case todos son multidisciplinares. Calquera persoa interesada pode anotarse e desde o primeiro día poderá iniciarse nas modalidades que queira”, explica Taboada, mestra de gaita xunto con Penedo, tamén director da escola, e ambos codirixen o grupo con outros cinco profesores que completan o equipo formativo. Para acceder á agrupación basta con pagar unha cota mensual de 10 euros por alumno maior de 8 anos.
Coa conta atrás para o festival cada vez máis cerca, Penedo e Taboada aseguran que o resultado estará á altura do tempo que investiron na preparación; pero recoñecen o seu nerviosismo ante a presenza dun público…“especialmente esixente”. “Invitamos ós profesores que formaron parte da agrupación ao longo dos seus 50 anos de historia. Eu estou cos pelos de punta”, confesa Penedo. “O obxectivo da actuación do sábado é tamén render tributo a quen pasou por aquí nalgún momento”, explica Taboada. Compartirán escenario con antigos integrantes que regresan para a ocasión e con nomes coñecidos da música tradicional galega.
Tras un período de declive despois do 2010, Penedo e Taboada decidiron volver levantar a banda. “Moita xente foise por motivos familiares ou laborais. Nós quedámonos, pedimos axuda e empezamos case desde cero, cos instrumentos en caixas e os traxes en mal estado. Agora somos máis de 60 membros…Quen o diría”, lembra Penedo cun sorriso. Desde entón, o esforzo foi constante, e Taboada exemplifícao ben. Cada fin de semana, ela viaxa desde Madrid para asistir aos ensaios. “Porque me gusta moito”, di. Unha dedicación que o expresa todo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
50 ANIVERSARIO
Medio século de tradición o son das gaitas no Irixo
FIESTAS LOCALES
O Abanico: que foi daquela sala de festas no Irixo?
Lo último