CULTURA E GASTRONOMÍA
Medio Rural e o festival Espírito Ribeiro avalan a calidade diferenciada galega
CULTURA E GASTRONOMÍA
O Campo do Cabalo de Laias, en Cenlle, acolle esta fin de semana a sexta edición do Festival Espírito Ribeiro, unha cita na que viño, música e gastronomía se unen nunha proposta que pon en valor a calidade e a identidade do territorio.
O viño da Denominación de Orixe Ribeiro, unha das cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia, é o gran fío condutor dun evento que combina viño, gastronomía e música para ofrecer unha experiencia arredor da calidade e do territorio. A proposta complétase coa presenza de produtos artesáns amparados polo selo Artesanía Alimentaria.
Espírito Ribeiro pon tamén de manifesto o valor da colaboración entre concellos para sumar esforzos, reforzar a capacidade de promoción e ampliar o impacto das iniciativas que se desenvolven no territorio. Unha cooperación que permite proxectar con máis forza os recursos e singularidades que comparten e contribuír conxuntamente a facer territorio e reforzar a súa identidade.
Ese espírito de colaboración esténdese tamén ás políticas impulsadas pola Xunta de Galicia, sumando ámbitos como o turismo, a artesanía e a promoción agroalimentaria arredor dunha mesma iniciativa. A confluencia destas actuacións permite multiplicar o seu impacto e proxectar unha oferta na que música, gastronomía, produtos de calidade e territorio se reforzan mutuamente.
Neste contexto, o festival convértese nunha oportunidade para achegar os produtos ás persoas consumidoras a través de experiencias que permitan coñecelos, degustalos e, especialmente, identificalos coa súa orixe e co territorio que os fai singulares. Espírito Ribeiro exemplifica así as posibilidades de sumar viño, gastronomía, música e territorio para reforzar a promoción da calidade diferenciada galega e achegala tamén a novos perfís de consumidores.
A Consellería do Medio Rural participa nesta edición co obxectivo de poñer en valor uns distintivos de calidade que desempeñan un papel fundamental na xeración de valor engadido. Estes selos permiten identificar produtos cunha orixe e unhas características diferenciais, ofrecen garantías de autenticidade e calidade e contribuyen, ao mesmo tempo, a fortalecer as explotacións e industrias agroalimentarias e a manter actividade económica no rural.
As denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas van, polo tanto, máis alá dunha garantía sobre a procedencia ou as características dun alimento: preservan patrimonio agroalimentario, reforzan a identidade das producións e contribúen a crear valor nos territorios nos que nacen.
Galicia é unha potencia na produción agroalimentaria de calidade diferenciada. Conta cun total de 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, o que a sitúa entre as comunidades autónomas con maior número de distintivos deste tipo. A estes cómpre engadirlle tamén a produción ecolóxica e a Artesanía Alimentaria.
En conxunto, estas producións acadaron en 2025 un valor próximo aos 746 millóns de euros, un 5,6% máis que no ano anterior, consolidando a evolución ascendente rexistrada nos últimos anos. O sector vitivinícola, con 379 millóns de euros, e o cárnico, con máis de 175 millóns, son os que máis contribúen ao valor total, xunto coa produción ecolóxica.
O Goberno galego mantén un firme compromiso con estas producións, que se concreta este ano no Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado con máis de 10 millóns de euros, preto de 2 millóns máis que no ano anterior.
A través deste Plan, a Consellería do Medio Rural impulsa accións destinadas a promover a calidade diferenciada, incrementar a súa visibilidade, favorecer a identificación destes produtos por parte dos consumidores e mellorar o seu posicionamento nos mercados. Estas actuacións desenvólvense tanto a través de iniciativas propias como mediante a presenza en eventos de ámbito autonómico, nacional e internacional.
Espírito Ribeiro responde precisamente a este obxectivo: que o consumidor coñeza, identifique e valore os produtos galegos de calidade diferenciada e que ese recoñecemento se traduza en maior valor para quen os produce e para os territorios nos que nacen.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CULTURA E GASTRONOMÍA
Medio Rural e o festival Espírito Ribeiro avalan a calidade diferenciada galega
UNIÓNS AGRARIAS
Preocupación por los daños del jabalí en viñas de O Ribeiro
CONVOCAN NUEVAS MOVILIZACIONES
La posible fusión sigue agitando o Ribeiro: "Non van saír, pero penso que nos oíron"
Lo último
PULSO ENTRE GOOGLE Y LA PRENSA
La prensa francesa denuncia el uso de sus contenidos en los resúmenes de Inteligencia Artificial