O viño galego, un sector que se consolida cada ano

FEIRA DO VIÑO DO RIBEIRO

A Xunta reforza o apoio á promoción do viño galego coas Catas de Galicia, que batiron récord de participación

Feira do Ribeiro
Feira do Ribeiro | La Región

Galicia conta con máis de 10.000 viticultores e preto de medio milleiro de adegas, así como cinco denominacións de orixe -das cales catro están presentes na provincia de Ourense- e outras cinco indicacións xeográficas protexidas que producen produtos de alta calidade que levan o nome do territorio a todo o mundo.

A Xunta de Galicia realiza un importante traballo para apoiar ao sector para afrontar os retos do presente e do futuro e para avanzar cara a unhas operacións máis modernas, competitivas e sostibles. Nesta liña, os orzamentos do 2026 inclúen achegas específicas para o sector vitivinícola dotadas cun orzamento de 12 millóns de euros anuais. Este investimento contempla achegas para a reconversión e reestruturación de viñedo e para fomentar a comercialización e elaboración de produtos vitivinícolas e a súa promoción en terceiros países; así como para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión de viñedos da Ribeira Sacra.

Medio cento de mostras

Do mesmo xeito, o Goberno autonómico tamén traballa para impulsar produtos agroalimentarios diferenciados e de alta calidade. Por iso, este ano amplíase o apoio neste ámbito a través do Plan “Degusta a Calidade Diferenciada de Galicia”, que incrementa o seu orzamento ata os 10 millóns de euros.

A través deste Plan apoiamos a participación de produtores galegos en eventos internacionais, e reforzamos a promoción en Galicia coa organización de mercados, respaldando moitas feiras gastronómicas de concellos e mesmo con accións nos centros educativos.

A proba desta boa saúde do sector vitivinícola maniféstase en cada edición das Catas de Viños de Galicia, que avala a calidade dos viños, licores e bebidas espirituosas de Galicia, un bo exemplo do traballo realizado ao longo do ano. Nesta liña, a edición de 2025 bateu récords ao rexistrar 500 mostras -cen máis que o ano anterior- de 176 empresas gallegas.

As Catas son “un apoio para dar a coñecer produtos pequenos”

O viño tinto da adega Cotarelo foi distinguido co Acio de Bronce na categoría de Viños de Colleiteiro e Pequenas Adegas nas Catas de Galicia 2025, un recoñecemento recibiron con satisfacción e como un impulso ao traballo diario. “É unha alegría. Que sexa un premio que recoñeza a calidade do traballo, ao final, é importante”, sinala Benigno Ríos, que destaca o valor destes galardóns para o sector vitivinícola artesanal.

O produtor subliña que este tipo de premios supoñen un reforzo anímico e profesional, que lles “axuda, motiva cada vez máis e xustifican que estamos facendo viños de calidade”. Avalados pola elaboración coidada e a evolución do produto, están animados a seguir traballando con novas técnicas, como o uso de barricas de 300 litros, co obxectivo de avanzar en calidade. “Estamos probando este ano para ver que pode saír de aí, buscando tamén sacar o tinto de Ribeiro con dous ou tres anos de crianza”.

Sobre o papel do certame das Catas de Galicia, Benigno Ríos destaca a súa importancia para os pequenos produtores, para os que constitúe “un apoio fundamental, unha zona de promoción das marcas e para dar a coñecer produtos que, sendo tan pequenos, ás veces non se coñecen”. O recoñecemento nun concurso deste nivel supón, engade, “unha visibilidade bastante importante” para adegas de pequena escala.

Javier González na cata
Javier González na cata

“É un recoñecemento ó esforzo, a delicadeza e o traballo”

A adega Ramón do Casar foi recoñecida nas Catas de Galicia 2025 co Acio de Bronce Branco na categoría de Viños de Elaboracións con Madeira polo seu viño Ramón do Casar Nobre, un dos proxectos máis consolidados da bodega. Javier González, representante da adega, valorou o premio como un respaldo ao traballo continuo do equipo, tratándose dun “recoñecemento importante que avala o esforzo, a delicadeza e o traballo que se fai na bodega e un viño premiado sempre se traslada tamén ao mercado”.

O Ramón do Casar Nobre mantén unha evolución positiva dentro da adega, cun incremento notable de produción. “Empezamos en arredor de 2.500 botellas e agora estamos preto das 10.000. É un viño que está creando tendencia e ten o seu propio mercado”, explicou. Sobre o papel das Catas de Galicia, González destaca o seu valor como escaparate do sector vitivinícola galego. “É un premio de referencia a nivel autonómico, unha iniciativa moi importante que conta co apoio da Xunta e contribúe á divulgación dos viños galegos e da súa calidade”. As Catas de Galicia consolídanse así como unha plataforma clave para a visibilidade e recoñecemento das pequenas e medianas adegas galegas.

Cesar Fernández
Cesar Fernández

Un longo traballo de impulso das variedades senlleiras

Bodegas Cunqueiro foi distinguida co Acio de Ouro na categoría de Viños de Variedades Senlleiras polo seu viño Máis de Cunqueiro, un recoñecemento que pon en valor o traballo con variedades antigas e de difícil cultivo. César Fernández, representante da bodega, explicou que estas castes “son variedades moi antigas que se foron abandonando porque dan pouca produción e son moi difíciles de cultivar, aínda que son moi boas”. Segundo sinala, trátase de viños que forman parte dun patrimonio vitícola en risco de desaparición, con moi poucas plantacións na actualidade.

No seu caso traballan con torrontés, unha caste que, segundo Fernández, “moita xente descoñece que é unha variedade senlleira”. No caso de Cunqueiro, levan máis de 26 anos traballando con ela, mesmo antes de que formase parte das Catas de Galicia. De feito, son unha das poucas elaboradoras desta variedade en España, o que fixo que o torrontés estea hoxe fortemente asociado á marca.

En canto ao papel das catas e concursos, César Fernández agarda que co tempo vaian reflectíndose máis no impacto comercial. Se ben agradece os premios como recoñecemento ó traballo realizado, lamenta que o mercado hoxe estea máis influenciado por estratexias de márketing ou por prescriptores internacionais. Con todo, confía en que no futuro este tipo de iniciativas poidan gañar relevancia dentro do sector vitivinícola.

Contenido patrocinado

stats