Yago Nogueira, brigadista de Oímbra: “Estivemos case unha hora escapando no monte desde que nos queimamos”

ENTREVISTA

O axudante de brigada, Yago Nogueira, foi valente no accidente rexistrado no lume de Monterrei e tamén agora que fala do que pasou en primeira persoa.

A cicatriz máis dolorosa que pode deixar un incendio está gravada na pel de Yago Nogueira Almeida (Bousés, 2006). Con só 18 anos, non dubidou en unirse a unha brigada forestal en Oímbra. O que non sabía era que viviría a peor vaga de incendios da historia de Ourense e que o custo sería tan elevado.

"Se poidera, volvería a combater os lumes", di Yago Nogueira, o brigadista víctima do lume en Oímbra (Monterrei).
"Se poidera, volvería a combater os lumes", di Yago Nogueira, o brigadista víctima do lume en Oímbra (Monterrei). | C. Rivas

Yago, o brigadista víctima do lume en Monterrei relata o vivido:

“Se puidera volvería apagar os incendios"

"Abraseime todo o corpo”

“Gañeille ao lume porque el está apagado, eu sigo aquí”

“Baixei de Bousés a Oímbra e vimos que cada vez había máis fume negro e máis fume negro. ¡Daba medo!”

“O capataz dixo: ‘¡Corred!’… Estivemos unha hora escapando polo monte desde que nos queimamos ata que nos atoparon”

“Agora Bousés, que era tan bonito, vese todo negro. En catro anos estará todo verde, pero no quinto volverá o lume e o negro”

Se puede ver el vídeo de la entrevista completa AQUÍ:

Yagp sumouse ao equipo con outros dous mozos, Lois e Cristian. Xuntos compartiron unha loita a vida ou morte contra un dos maiores megaincendios que arrasaron a provincia o pasado verán. O lume estendeuse demasiado rápido e quedaron atrapados. Os tres foron rescatados por outros bombeiros e voluntarios de Protección Civil cando xa non podían máis. Non desistiron ata atopalos. Pero Lois e Cristian xa tiñan o 15 por cento do corpo queimado e Yago, o 60 por cento da súa pel abrasada.

Hoxe cúmprense oito meses daquela fatídica tarde do 12 de agosto que deixou a todos sen alento. Durante este tempo, Yago loitou máis duro que ninguén para recuperarse das súas lesións e reaprender todo co apoio da súa nai Susana, que o acompaña nesta entrevista, e do resto da familia, amigos e médicos.

A súa historia é serena e, sobre todo, positiva e profundamente comprometida, especialmente coa súa terra.

Pregunta. O primeiro, como estás, Yago?

Respuesta. Yago: Moi ben, moi ben. Teño claro que o accidente vai ser un parón moi grande na miña vida, que me cambiou a forma de vela, de actuar nela e comigo mesmo, porque teño que aprender a facer todo de novo.

P. Foron meses de moito traballo contigo mesmo

R. Y.: Estiven tres meses ingresado no hospital, un mes e medio en coma e outro mes e medio esperto, pero tiña moitos medicamentos e estaba como durmido. A miña cabeza ten esquecidos esos momentos na Unidade de Queimados do CHUAC, que foron os máis duros. Viñen para casa cunha vendaxe na cabeza e feridas na espalda e nos brazos, pero en dous meses xa estaban cerradas e sen dor. Desde aí xa foi aprender a ser mais autónomo, a andar, a falar e ata a respirar. Logo foi xa todo normalidade.

P. Cantas veces reconstruíches o que aconteceu aquel fatídico 12 de agosto? Por que estabas alí?

R. Y.: Desde pequeno, desde os doce anos, sempre estiven traballando por aquí co tractor e buscando para gañar diñeiro no verán. E tiña un amigo na aldea, Fabián, que estaba nas brigadas e dicíame: ‘Cando teñas a maioría de idade métete conmigo e ensínoche dese mundo’. Xusto cando cumprín 18 anos fixemos as probas para entrar a unha brigada municipal de novatos. Eramos catro axudantes que apoiabamos á brigada que estaba en primeira liña de extinción. En realidade, a miña brigada era máis para ir desbrozar camiños que para apagar lumes.

Yago, coa funda de brigadista.
Yago, coa funda de brigadista. | C.R.

P. Que saíu mal?

R. Y.: Xa nos avisaran de que o monte ía arder bastante ese ano. Nese día eu estaba libre, non tiña que traballar. Comín coa miña familia e xa vin que empezou arder. Falei coa miña brigada para dicirlles que xa que era no noso concello e íamos a axudar. Eran sobre as tres da tarde e o capataz falou co distrito para deixarnos os medios e darnos de alta. Baixei de Bousés a Oímbra e vimos que cada vez había máis fume negro e máis fume negro. Daba medo! Cargamos o coche e arrincamos cara ao lume. Nós subiamos no coche, só coas fundas e sen casco. Só sabiamos que ardía nunha aldea, pero non onde estaba o lume. Aquel día íamos acompañar á brigada pero non chegamos.

P. E como os alcanzaron as lapas?

R. Y.: Entramos nunha pista e o lume xa se abalanzou enriba noso. Recordo que estaba falando cun amigo, metín o móbil no peto e o capataz dixo, ‘¡corred!’. O recordo que teño é saír dunha viña e entrar no monte. Logo, xa verme practicamente sen funda e a pel colgando. Abraseime todo o corpo.

Así quedou o vehículo dos brigadistas, devorado polas lapas.
Así quedou o vehículo dos brigadistas, devorado polas lapas. | La Región

O lume envolveu a traizón o coche de Yago, Lois e Cristian

Un tractor, unhas faíscas, dous focos e, a partir de aí, chegou o desastre. Vendo que o lume gañaba forza, Yago reuniuse cos seus amigos, Lois e Cristian (23 e 25 años), en Oímbra. Vestiron a funda de bombeiro, cargaron o equipo na camioneta e dirixíronse cara Casas dos Montes. O lume gañara terreno e virulencia. Non ían por libre. Eles quedaran en reunirse coa brigada á que ían axudar nesa zona, pero unha lingua de lapas e o fume atrapounos nunha pista, preto da capela de Santa Ana.

As altas temperaturas e a desorientación fixeron que fuxisen cara ás viñas e ao monte. “E se se tivesen refuxiado dentro do vehículo?”, dinlles algúns veciños. Nunca se saberá. O que proba a foto, que tamén mostraron á familia despois do suceso, é como quedou o coche, completamente calcinado.

R. Estivemos unha hora escapando polo monte desde que nos queimamos ata que nos atoparon. Chegamos a unhas pedras e o capataz perdera a emisora e só tíñamos o meu móbil. Colleumo o capataz porque eu non podía, tiña as mans en carne viva. Xusto quedou ese anaco do traxe, pero non daba baixado a cremalleira.

P. Coñecer a zona e ter o teu teléfono foi clave para salvar a túa vida e a dos teus dous compañeiros, es consciente diso?

R. Y.: Si, estabamos no medio do monte. En chamada co 112 co meu teléfono, eu intentaba darlle información e dicíalles: ‘Mira, eu son deste concello e seite guiar. Estamos nunha pedra e se colledes uns prismáticos ides ver un reflexo e a nós ao lado, que estamos berrando e saltando’. Dixo o meu amigo, que foi o que nos rescatou, que vira o reflexo e xa viñeron dereitos.

R. Nós iamos tres no coche. Dous escaparon para un lado. O outro puido saír á estrada e tamén deu aviso de onde estabamos.

R. Atopáronnos xa cando estabamos a punto de entrar en shock. O meu capataz estaba tendido nunha pedra e eu estaba xa que non podía máis coa dor. Escoitamos un bombeiro e sacáronnos de alí a pé feito. Non había coches, tivemos que dar cen mil voltas e eu díxenlles que xa non podía máis, que estaba a punto de desmaiarme. Saímos cara Urxencias de Verín deitados no maleteiro dun vehículo forestal. Iamos todos queimados e gritando que me durmiran, non podía da dor. Logo xa espertei na Coruña. (Faise o silencio e a súa nai, Susana, levántase para beber un pouco de auga nun intento de disimular a emoción, pero sen abandonar o seu sorriso permanente, mentras mira polo ventanal da cociña desde onde se divisa todo o val de Oímbra cara Verín). O último que dixen antes de que me durmisen foi que chamasen á miña mai.

P. Susana, non sei se algunha vez escoitaches ao teu fillo contar todo o que viviu deste xeito, de corrido.

R. Susana: Si, pero teño que traballalo. Eu estaba traballando preto del ese día e, dóeme tanto! Estar alí ao lado e non saber…

P. Susana, como foi esa chamada que nunca deberías ter recibido?

R. S.: Sabía que foran axudar e naquel intre chamoume Fabián, o capataz, para que baixara a Urxencias. Pregunteille enseguida: ‘É Yago? Queimouse? Si, pero baixa tranquila’. Unha enfermeira amiga tamén me díxo: ‘Tranquila, vai agora en helicóptero á Coruña’. Á Coruña! Aínda mo deixaron ver, vendado de pés á cabeza, e marchamos todos detrás del.

P. Sentístesvos apoiados polas autoridades? Poderíase ter feito algo doutro xeito?

R. Y.: Eu síntome acompañado, pero si penso que houbo algo que puido decidir se eu morría ou vivía. Chamamos ao 112 e estivemos case unha hora sen saber nada. Hai un incendio moi grande e van bombeiros para alá, pois ten medios xa alí, ambulancias, helicópteros e coñecemento de onde estamos.

P. Poderíase ter feito algo doutro xeito?

R. Y.: Ese incendio foi provocado, pero foi o destino. A min tocábame que me pasara algo. Se ao mellor non fora iso, poderíame pasar outra cousa.

P. Es relixioso, Yago?

R. Y.: Si, toda a miña familia.

P. Dis que foi provocado.

R. Y.: Si, porque aparte das moitas probas que o din, estaba moi claro.

P. Iso doe máis?

R. Y.: Non, non me doe máis. De feito dáme pena, porque eu cando me despertaron dixéronme que o lume provocárao un home dun tractor que estaba desbrozando, un día de 35 graos, e saltou unha chispa. Dixéronme que o meteron dous meses no cárcere e que o está pasando fatal, pero dáme pena porque era un mandado e case mata a catro persoas e provocou un dos incendios máis grandes de toda Galicia. Un foco converteuse en 500 focos.

P. Décheste conta de quen é?

R. Y.: Eu si que o coñecía de vista, porque fora porteiro dunha discoteca.

P. Estás a falar dunha discoteca, é aí onde che gustaría estar as fins de semana?

R. Y.: Non, debería estar traballando aquí na casa, cos meus.

P. Que secuelas tes?

R. Y.: Son dependente, dependo da miña mai. Xa podo ducharme só, pero necesito dela para pór o traxe de presoterapia, que tardamos media hora (Susana, que lidou con el para poñerllo antes da entrevista, bota a mirada ao ceo), e para facerme un Cola Cao ou a comida. Pero o resto xa o podo facer. Logro asearme e botarme a crema, pero non é como os coidados que me da ela. Limitacións si que teño, pero cando estea ben vou acabar de estudar, quero traballar, conducir o meu coche, ter a miña casa e ser independente.

P. E a túa mente xógache malas pasadas?

R. Y.: Non, o que pasou non me martilla a cabeza. O único que me mataba eran as orellas, algo importante para min. Os dous primeiros meses estiven cun gorro incluso na casa. Pero chegou un punto no que dixen, para que taparme se vou ser o que son. Empecei a coller confianza e cheguei a un punto no que me dá igual, e a quen lle moleste que non mire.

Yago Nogueira, no balcón da súa casa, desde onde ve o val de Oímbra que tanto defendeu.
Yago Nogueira, no balcón da súa casa, desde onde ve o val de Oímbra que tanto defendeu. | C.R.

P. Tes medo ao lume?

R. Y.:Non. Se puidera, volvería.

R. S.: Non! (grita a nai, de súpeto).

R. Y.: A min encantábame ese traballo, a adrenalina, o momento de sentirte como un heroe porque ti vas a axudar. Cando saías de apagar o lume aplaudíate a xente. Era incrible!

R. O accidente pasoume, pero non o teño presente na miña vida. Eu seguirei pelexando por Bousés, porque eu son e quero vivir aquí. De feito cando me sacaban sangue na Coruña eu dicíalles: ‘Tede coidado con ese sangue, non o desaproveitedes que é dun de Bousés’.

P. Que lle dirías a un bombeiro novo coma ti, comprometido coa protección da terra?

R. Y.: Que teña coidado, que non se arrisque. Que deixe, que é máis importante unha vida que unha casa, que se arde que arda, pero é mellor escapar, porque pouca xente vai meterse por ti ao lume. Tiven sorte que estaban meus amigos, xente coma min, de aldea. Aquí todos somos irmáns e foron a por min.

P. Susana, para ti, para o teu fillo menor, para a avoa… Ese lume arrasouvos a todos.

R. S.: Si, a todos, pero xa vedes que somos xente optimista. É duro, el nunca tivo medo de nada, e ter que coidalo, ao meu fillo de 19 anos... pero o obxectivo é que sexa independente. É un loitador. Teño que atendelo, pero doulle grazas a Deus porque podería ter sido peor. É como é, optimista, pero iso cambioulle a vida cen por cen. Cada vez necesita menos de min, pero si que me necesita. El é o primeiro en dicir: ‘Estou aquí, tocoume isto, pero estou’. E se estás tes que loitar.

Contenido patrocinado

stats