Opinión

OUTRO FERVOR AO POLBO/PULPO

Argimiro non andou fino. As Academias son, por sorte, algo ao resgardo do poder e ao que non se deben dirixir os políticos máis que para faceren consultas, pediren orientación e daren cartos. Os políticos non están para suxerir palabras. Imaxinan ao Concello de Ourense pedíndolle á RAG a inclusión 'claudiar', triste verbo 'noso'? Ou a rexouba na RAE se algún político suxire 'miembra'? Ademais, as prescricións lingüísticas non son feitos democráticos: son do poder-sabedoría encarnado nas Academias. Que pode mellorar, sempre, pero a suxestión dos seus pares, que para iso son reunións de expertos. Pero o dereito a decidirmos asembleariamente palabras, non existe. 'Alcolito' ou eucalipto? 'Périto'? Non é cousa nosa. Coa lingua hai que ter moitísimo coidado. Mórdémola, sen querer, queimámola coa sopa, e de andarmos con ela fóra da boca, sécasenos. Que é o que lles está pasando ao galego.


Dito isto, permítanme falar algo do bicho, aínda que non sexa académico. Do grego -a través do latín- polypus, derivarían varias palabras en galego. Claramente dúas. Por unha parte un cultismo, ou sexa unha forma que non evolucionou nada, pólipo (na gorxa, p. ex.) e por outra un vocábulo patrimonial, ou sexa, moi gastado, alí onde máis se usaba, na Galicia costeira, polbo.


E creo, que tamén debeu existir outra: un semicultismo, nunha posición intermedia de evolución, sen sonorizar ese pe, onde se usou menos a palabra, no interior (de Galicia e Portugal) e sería polpo, tamén con o inicial moi pechado.


E creo que existiu por varias razóns. Primeira, polas referencias de dicionarios ou vocabularios galegos do tema (Cuveiro Piñol, 1876; Filgueira, 1923 e Ríos Panisse, 1977). Segundo porque o dicionario de sinónimos de Porto Editora recolle 'polpo' como sinónimo do que eles grafían 'polvo'. Terceiro, porque o dicionario Corominas sinala 'la forma pulpo también existió en portugués (Pantaleao d'Aveiro, 2ª mitad S.XVI, RL XVI, 98) , pero hoy quedó anticuada en beneficio de pôlvo, gall. polbo...'. E cuarto, por referencias orais de uso no norte, en xente maior.


E existindo a forma polpo, é probable que se transformase a 'pulpo' nesta zona interior onde pechamos tanto o o semipechado que o convertimos en u, (irmau, huxe, cuciña...). E así, pulpo incluso, podería ser unhas das formas propias do galego e, daquela, ser un galeguismo máis no vocabulario do peixe e marisco en castelán, compañeiro de vieiras ou zamburiñas, por exemplo.


Dous datos. No 'Dicionario de dicionarios da lingua galega' aparecen as 3 veces polpo, 21 veces polbo, desde o Padre Sarmiento (que tamén recolle pulbo), 12, polvo, e 37 pulpo, desde Pintos (1865) a Constantino García (1985).


E no 'Tesouro informatizado da lingua galega' -onde está transcrita unha boa parte da literatura galega- aparecen 235 mencións a polbo e 197 a pulpo. En fin, a temperá intrusión do castelanismo 'polvo' (s.XIV) xa General Estoria e na Crónica Troyana debeu facilitar tamén a difusión do 'pulpo'. O polpo-pulpo, dialectal portugués, sería porén, varrido pola forma 'polvo' pola preeminencia das falas da costa fronte ás do interior, en canto se refira aos produtos do mar e sen o 'reforzo' do 'pulpo' castelán.


Dúas racións, sempre mellor. Dous sinónimos? Non o sei.

Te puede interesar