Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
A morte do papa arxentino -ben porteño, nado no barrio de Flores- colleume enferrado a fondo na lectura dun interesante ensaio de Carlos Granés, Delirio americano. Trátase dun recoñecido antropólogo colombiano que reflexiona, nun groso volume de quinientas noventa e pico páxinas, sobre a historia política e cultural de América Latina -eu prefiro Iberoamérica-. Cando me caeu nas maus, animoume a lelo a recomendación introdutoria que o autor coloca como guía de lectura. Transcribo o parrafo que me engaiolou: “Desfrute coa fantasía amable e fabulosa dos creadores latinoamericanos, tome nota das nefastas consecuencias do ensoño dos políticos, e albisque que nunca nada é puro, porque moitas veces acontece que os delirantes van da mau nutríndose, retroalimentándose mutuamente, como parte dunha mesma cadea de ADN.”
Outra morte, a do papa Francisco, sería unha magnífica ocasión para poñer os pés e as veas de Latinoamérica nestes vintecinco anos do S.XXI
Interesoume como iberoamericano, que o son, e como humilde seguidor das letras do centro e do sur daquel inmenso anaco do mundo ó longo do pasado século. Entre os que se contan, non poucos, escritores e artistas de estirpe galega. Hai un versos finais, premonitorios, de José Martí no seu Abdala, que sempre me conmoveron: “...que doce é morrer cando morre/ o que loita atrevido por defender a patria!”. Este sería o preámbulo do que trata a parte primeira (1898-1930), un continente na procura de si mesmo -arredor de si, diría Otero Pedrayo-: o americanismo e a presenza das avangardas. A análise comeza polos poetas modernistas, continuadores de Martí, que acabaron, case todos, tentados pola política. Unha estirpe, a dos poetas, que en todos aqueles países, desde Arxentina a México, foi politizándose cada vez máis e, ó mesmo tempo, sementando o que Granés chama a loita de Calibán contra Ariel; o antiimperialismo, o antianquismo. Resulta ser este un traballo de investigación que captura a atención, unha amena e rigorosa análise sobre a liaison da cultura, o capitalismo e a política de doada lectura, moito máis que algunhas novelas. Comeza co falecemento, en combate, dun poeta, José Martí e remata coa morte, na cama, dun político, Fidel Castro. Quedei satisfeito e aclarei varios dilemas despois de debullar este fresco que amosa e demostra como o populismo e o indixenismo, fenómenos xenuinamente iberoamericanos, tocaron e afectaron as prácticas políticas e culturais, non só dos estados coloniais, España e Portugal, senón da totalidade de Occidente.
Outra morte, a do papa Francisco, sería unha magnífica ocasión para poñer os pés e as veas de Latinoamérica nestes vintecinco anos do S.XXI. Quíxenlle trasladar este pensamento a Atheán. A idea da cultura ó servizo da nación, o enorme luscofusco boreal, do que tantas veces falamos coa miña amiga, a brasileira -galega polos catro costados- Nélida Piñón, un solpor que ela transformou, marabillosamente en A república dos sonhos. Mais Atheán, o anxo incorpóreo, non me respostou ás mensaxes. Comprendín, perfectamente, a súa enorme carga de traballo, constante labor nestes momentos, no que se apagou a vida do pontífice máximo da cristiandade, xefe do estado Vaticano, primeiro papa de América, toda ela, un home de palabra amante das palabras.
Queríalle contar a Atheán que tiven a sorte de compartir con Jorge Mario Bergoglio unha tardiña expléndida de outono, no triplex de María Esther Vázquez -tamén filla e neta de galegos- en Bos Aires. A súa devoción por Borges levouno a María Esther. Cando estivemos, o anxo e máis quen escribe, na cidade do Prata, María Esther xa finara. Ensineille, desde un taxi, o edificio onde a escritora, poeta, narradora e excelente biógrafa de Borges, morara durante décadas. O tráfico -alí non se di tránsito- e o conseguinte cabreo do taxista, apgaron o meu relato. Tempo haberá de falar con Atheán. Desta e doutras excelencias literarias. Tempo haberá...
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Aquí no dimite nadie
Fernando Ramos
HISTORIAS DE UN SENTIMENTAL
Lembranzas de Otero Pedrayo no centenario da Guía de Galicia
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Blas de Lezo
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
El récord Guinnes que espera Lugo
Lo último
INCIDENCIAS POR LLUVIA Y NIEVE
Ourense, al límite ante la llegada de la borrasca Leonardo: lluvias constantes, ríos desbordados y embalses llenos
CITA AUTONÓMICA
Un estreno con grandes sensaciones del piragüismo gallego