Apadeiro de ánimas

HISTORIAS INCREÍBLES

Apadeiro de ánimas
Apadeiro de ánimas | La Región

Santos na aldeia.

Choran as ánimas polo camiño mentres a néboa borracha de viño baila a danza da morte. Nos nosos fociños.

Ánimas vellas: as súas lembranzas penduran das tellas e limpan as caveiras con brancos farrapos nos primeiros días de Tódolos Santos.

Que tristes lembranzas se gardan nos nichos e cantas esperanzas... Convertidas en bichos.

E menos mal que sabemos que o Pai Eterno deixarase fitar. Por un buratiño que hai no altar.

Que fixo un meniño cun alfinete que atopou na saia dunha muller que é a Virxe bendita que tanto nos quer.

Os probiños defuntos brincan sen parar: o u á, o u á. Coa Santa Compaña que nesta noite miramos rezar.

Miudo mundo.

Bolboretas de cores, cabaliños do demo, saltóns, grilos... ras, lagartos e lagartixas xorden, viven nas herbas. E fitan cara o cornizó das espigas.

Nestes días é cando se enchen os vales de sol, toupas, beizos, e miles de formigas.

Chegada a noite, esa vella tola, pendura do ceo un queixo de bola. Flores roubadas, fiollo e algunhas parvadas.

Santos. Auga bendita. Vales de bágoas, ánimas que perden o camiño e xa non poden tornar ao mundo da fantasía no que vivimos nos, matinando que é posibel o amor eterno: paxaros, bolboretas e salaios.

Ladeira.

Casiñas, pequenas meniñas, escadas, barroncas e cascadas. Verde inmenso cheo de silvas. Onde dormen as fadas.

As sombras agáchanse baixo as arbores, mentres raposas baixan polas corredoiras e cheiran os ventos baixo os piñeiros bravos, que enchen, ocupan as ladeiras.

Peitos de pedra, mulleres XL. Tombadas no solpor. Montes. Miro como chorades. Cegas, toupas, Sen ollos, fontes.

Serpes de polvo, brandos camiños, berces do vento, fentos. Tetas de terra, cadeiras vivas, paxaros no vento, sombras durmidas.

Chegada a noite, esa vella tola, pendura do ceo un queixo de bola. Flores roubadas, fiollo e algunhas parvadas.

A noite con ollos de fogo verá que Ti non eras un sono.

Voráxine.

Aparafusar, achegar, equilibrar, limpar, engraxar, diagnosticar, amañar, poñer a punto... Máquinas e homes e nenos e mulleres. Confesar, rezar, pregar, meditar, parolar, pode que falar, poñer en hora o corazón.

Ao fin, mecánicos somos de medos ancestrais. Amañadores de medos.

Hantavirus.

Quebran as nubes. Estoupan e tronan. Espantallos e homes que inician liortas. Estupor e coraxe vello. Apocalíptico selo, sangue vermello, tempo tremendo. Latexa meu corazón ateigado de medo. Estupor e coraxe vello. Loucos os homes chimpan a felicidade que era un sentimento en forma de ave. Estupor e coraxe vello. Unha pomba no ceo din que perdeu o norte e ferida de bala rebenta no chan a súa barriga de morte.

O cuarto do ferro.

A miña mamá pasa o ferro na branca camisa para que o meu papá vaia guapo a misa. E vótalle amidón, cancións infantís, bolas de cores e limón. Cando se decata de que a estou a mirar, colle un puño de sorrisos do seu delantal e vótamos por riba, e son anacos de seu corazón, beizos vermellos, miles de bolboretas amarelas pousadas nunha roseira.

Os seus dedos na miña meixela son un canto de reiseñores, unha brisa de mar que filtra pola xanela. O ferro da mamá é un tren que sube e baixa cargado de vapor cun cable, cordón umbilical, que se vai detendo cha-cha-cha no apeadeiro do amor.

O mundo ven sendo só un cuarto do ferro. E nos só uns nenos que agardamos os beizos de Deus cos que nos bicará calquera noite ou calquera mañá.

Contenido patrocinado

stats