Teoría do caos

Publicado: 25 oct 2026 - 02:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Parte do traballo de ser pai parécese o dun escravo recollendo algodón en Alabama a mediados do século XIX. Un león de peluche, un hipopótamo de peluche, unha medalla, unha moto do tamaño dun móbil, un bote de cola, cola, unha guitarra da Patrulla Canina, Ironman, Capitán América, Hulk, papeis, acuarelas, tres coches diminutos, un camión dun metro de longo, un bote para facer pompas, dous contos, xices de cores, un SuperZing con cabeza de machada, e así a colleita dunha semana polo chan do dormitorio.

Anda en Twitter a broma dun tiburón branco sacando a cabeza da auga para cazar unha presa invisible e alguén puxo que pisara unha peza de Lego. Ás veces bárroo todo coma tras unha inundación por lama. Un fillo é unha tormenta que dura dezaoito anos; e máis vale empezar cedo a amar o descolocado, o roto, o pintado, o pegado.

As paredes teñen feridas, adhesivos e pegadas. Na entrada hai un burato na parede, e logo unha mancha de pintura azul, e unha raia negra que vai do salón o dormitorio, de cando un avión tivera dificultades para despegar de lado. Tentas traballar e na axenda que tes sobre o escritorio aparecen pintadas. Un crítico falaría de imaxes disparatadas; de alusións o pecado, á transitoriedade da vida e á loucura do home. O mesmo que dixeran do Bosco.

Lévase mellor se empezas a pensar que sempre quixeches ter un chimpancé ou un orangután como Clint Eastwood en Duro de pelar. Especialmente se adoita camiñar polo respaldo do sofá mentres intentas ler, e un cadro enorme do Brasil cae coa esquiña sobre a túa caluga, e pensas que a dor non sería maior de quedarmos sepultados baixo unha avalancha de favelas.

Pero non estamos tan ben feitos, ou non estamos feitos para a xenerosidade, porque non existe o amor de pai ou o amor de nai porque os fillos producen pracer.

A única maneira de saber se queres ter fillos é téndoos. A mera observación do próximo, por moito que sexa un sobriño, é disuasoria. Mesmo causa de abortos espontáneos por ataques de pánico. Moitos estarían dispostos a someterse a unha operación para ter outro nariz, pero ninguén a mirar antes a reportaxe dun cirurxián abrindo os ósos da cara coma un centolo.

O meu psiquiatra dicíame antes de ser pai que o medo pasaría, porque temos un cerebro primixenio, de cando eramos lagartixas ou algo así, e que espertaría en min unha especie de instinto de protección. Ata agora non sabía que falaba da miña protección. Pero non estamos tan ben feitos, ou non estamos feitos para a xenerosidade, porque non existe o amor de pai ou o amor de nai porque os fillos producen pracer. Por iso non hai relación máis tóxica ca dun pai cos fillos. Non che convén, pero estás enganchado. Certifícano as olleiras, a roupa vomitada, o pelo que pouco a pouco desaparece da cabeza para mudarse a destinos insospeitados.

Algún día estará todo ordenado e morrerei de pena. Non sei que prezo pode acadar en Sotheby’s un prato partido pola metade que Lauren Bacall lle lanzou a Humphrey Bogart, pero moito menos do que chegarías a pagar ti porque a túa cunca favorita non estivera aínda intacta.

Contenido patrocinado

stats