O que arde e o alcalde ignora

Publicado: 04 jun 2026 - 01:11
David Alvarado
David Alvarado | La Región

O 30 de maio ardeu por completo un edificio histórico da Ponte. O propietario do inmoble presentara denuncia hai un ano sen obter resposta. A asociación de veciños do barrio levaba meses avisando ao Concello. Comerciantes da entorna afirman que “era a crónica dunha morte anunciada”. A única reacción municipal foi un post do alcalde en Facebook atribuíndo o sinistro á “actividade okupa”. Porén, o movemento okupa ten historia, formas e obxectivos propios: como acción colectiva, con asembleas, lóxicas de autoxestión, centros sociais abertos á veciñanza e fórmulas organizativas cooperativas á marxe do mercado inmobiliario. Quen habitaba o número 1 de Vicente Risco atopábase en situación de exclusión social extrema, con adiccións, sen outro lugar ao que ir. Alén de inmoral, chamalos “okupas” é un acto cunha significación fondamente política.

Cada vez que algo falla na nosa urbe sempre hai un culpable externo, ben a Xunta ou o Estado. A propia inacción do rexedor -cargada de vitimización- devén denuncia contra terceiros. Neste caso concreto, axústase o medo para activar o marco da inseguridade. Cando ardeu a Casa de Baños, tamén usada como refuxio por persoas sen fogar, Pérez Jácome lanzou a mesma mensaxe e apuntou contra a lei española en vigor. Dous incendios, dous posts, ningún protocolo de intervención. A Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local contradí este relato con claridade, pois os municipios teñen competencias directas en servizos sociais, habitabilidade e saúde pública. O Concello de Ourense non precisa permiso de Madrid ou Santiago para intervir nun inmoble en risco nin para atender a quen máis o precisa. Non falta a normativa ao respecto. Falta a vontade de asumir responsabilidades e atallar evidentes carencias e desafíos.

Os datos dispoñibles sitúan a magnitude real do problema moi lonxe da emerxencia que se pretende proxectar á sociedade. En 2025, rexistráronse 14 usurpacións de inmobles en toda a provincia de Ourense, con oito persoas detidas ou investigadas. Unhas cifras modestas que contrastan co nivel de alarma social xerado. A desproporción non é casual nin inocente. O xeógrafo Alexander Vasudevan documenta en “La ciudad autónoma: una historia de la okupación urbana” como a criminalización indiscriminada deste fenómeno serve para tapar o debate sobre as causas estruturais certas -exclusión social, drogodependencia, ausencia de recursos públicos-. Ese temor beneficia ás forzas da dereita e ultradereita que converten o suposto caos en argumento electoral, e tamén a quen, como Pérez Jácome, goberna sen políticas sociais dignas e precisa desviar a atención cidadá.

Noutras cidades medias, os contratempos adoitan abordarse preventivamente

O 7 de decembro de 2025, a Policía Nacional atopou o cadáver dun home de 45 anos nun edificio abandonado da avenida das Caldas, a escasos 50 metros do inmoble que ven de arder. Persoa sen fogar, con adicción á heroína, sen ningún familiar que reclamase o seu corpo. A resposta municipal foi tapiar o recinto e non volver. Namentres, o noso cuñado omnisciente organizaba o programa de Nadal e aprobaba nun pleno extraordinario o pagamento de 600.000 euros en iluminación. O pasado sábado, mentres os bombeiros traballaban no incendio, o Concello promovía a Feria del Paripé, oito horas ininterrompidas de tardeo con ambiente andaluz. As cidades teñen dereito ás súas festas. O que non se sostén é substituír política social por circo e espectáculo para logo proclamar que o problema é dos outros.

Noutras cidades medias, os contratempos adoitan abordarse preventivamente. Vitoria-Gasteiz mantén equipos especializados de atención a pé de rúa para colectivos en situación de vulnerabilidade. León opera protocolos de intervención en inmobles en risco mediante convenios co terceiro sector. Valladolid ten en marcha desde 2018 coa Fundación Intras e a Concellaría de Acción Social un programa “Housing First” para persoas sen fogar con seguimento individualizado. Este modelo, avaliado en até oito comunidades autónomas pola organización Hogar Sí, demostra que proporcionar aloxamento estable a persoas vulnerables reduce o problema de forma sostida e a menor custo que a xestión ulterior da emerxencia. En Ourense non existe ningún programa deste tipo. O orzamento municipal de 2025 destinaba apenas 1,7 millóns de euros a gastos de natureza social, o 1,5% do total. Trátase polo tanto dunha elección política, non dunha limitación técnica.

A veciñanza pregúntase agora cal será o seguinte edificio en sucumbir, quen resultará damnificado e a que custo. A presidenta da Asociación de Veciños Ponte-Canedo xa identificou alomenos dous puntos máis en situación de risco no barrio. CCOO esixiu explicacións polo operativo do sábado, con só sete bombeiros de garda cando a xefatura comprometera un mínimo de once, e co camión escaleira aparecendo media hora tarde. A policía científica ten aínda que determinar a orixe exacta do lume. O que non precisa investigación é a cadea de omisións previa: denuncias ignoradas, avisos desatendidos, persoas vulnerables desamparadas polo Concello e un rexedor que enarbora como única política pública a arroutada en redes e a busca de culpables distantes. En Ourense a acción municipal redúcese a xestionar comunicativamente a culpa, sempre allea. A irresponsabilidade como método e estilo de Gonzalo Pérez-Jácome.

Contenido patrocinado

stats