O biopic sobre Springsteen

¡BUONE VISION!

Publicado: 07 nov 2025 - 00:50
O biopic sobre Springsteen.
O biopic sobre Springsteen.

Os biopics sempre tiveron un lugar especial dentro da produción cinematográfica. As ficcións sobre os músicos poden considerarse case un subxénero. Hai biopics musicais que adoptan un estilo máis convencional e que teñen igualmente unha calidade indiscutible. É o caso de Amadeus (1984) de Milos Forman - aínda que o cineasta reinventou as vidas de Mozart e Salieri -, ou En la cuerda floja (2005) de James Mangold sobre a relación entre Johnny Cash e June Carter, así como Control (2007) de Anton Corbijn, un retrato en branco e negro do ídolo dark Ian Curtis, ou como a miniserie Pistol (2022) creada por Danny Boyle e Craig Pierce. Ao longo dos últimos tres anos asistimos á estrea doutros biopics na mesma liña, como A Complete Unknown (2025) sobre Bob Dylan ou One Love (2024) sobre o ‘rei rastafari’ Bob Marley. Ao igual estreáronse outros biopic menos logrados como Elvis (2022) de Baz Luhrman, María Callas (2024) de Pablo Larraín ou Back to Black (2024) de Sam Taylor-Johnson, só por citar algúns.

O filón dos biopics musicais parece non ter fin. Incluso empezan a tomar como protagonistas aos artistas viventes. É o caso do último Deliver Me From Nowhere, estreado recentemente en salas de cine, sobre Bruce Springsteen. O director de thrillers Scott Cooper é o encargado de dirixir a adaptación cinematográfica do relato de Warren Zanes sobre a gravación do álbum Nebraska de Springsteen. A película segue a ‘The Boss’ cando era un mozo músico nos albores da fama mundial, tratando de reconciliar as presións do éxito acadado no 1982 despois da xira de The River mentres se atopa acosado polas pantasmas do seu pasado. Gravado nun vello casete de catro pistas na súa habitación en Nova Jersey, ‘Nebraska’ reflicte un período transcendental da súa vida e a súa loita contra a depresión…

Springsteen: Deliver Me From Nowhere é unha película imperfecta. E quizais xusto neste carácter incompleto e defectuoso consegue transmitir o auténtico espírito dese momento introspectivo e depresivo na carreira de ‘The Boss’

O filme sitúase no territorio do convencional. Sérvese do branco e negro para relatar o pasado do protagonista, e a cor polo presente. Aínda así, en xeral, o filme resulta bastante sombrío, completamente depurado dos excesos que caracterizan as vidas das rockstars. A película retrata o período máis escuro da carreira de ‘The Boss’ a través da lente do trastorno da depresión. Ao igual que os temas do álbum Nebraska, a película fala da historia dun home roto por dentro mentres intenta reatopar un sentido e o seu sitio no mundo. A música flúe de forma natural sen impoñerse e así os restos dos elementos que compoñen esta película. Springsteen: Deliver Me From Nowhere é unha película imperfecta. E quizais xusto neste carácter incompleto e defectuoso consegue transmitir o auténtico espírito dese momento introspectivo e depresivo na carreira de ‘The Boss’.

O actor das series The Bear e Shameless interpreta unha versión bastante veraz de Bruce Springsteen e está acompañado por Jeremy Strong no papel do seu histórico manager, John Landau, e a actriz Odessa Young no papel de Faye Romano interpreta un personaxe clave na narración aínda que, neste caso, completamente inventado.

O biopic musical segue sendo un referente para a industria cinematográfica. Para principios do próximo ano xa está prevista a estrea de Michael, sobre Michael Jackson, con Jaafar Jackson no papel principal e outros biopics sobre The Beatles e Guns N’ Roses actualmente están en fase de desenvolvemento.

Contenido patrocinado

stats