Bruxelas non pecha as tendas de Ourense

Publicado: 01 oct 2026 - 00:40

Gonzalo Pérez Jácome vén de anunciar nas redes unha iniciativa “nacida en Ourense” para supostamente defender o comercio de proximidade europeo. Remitiu, “como cidadán, non como alcalde”, unha proposta á Eurocámara para revisar a prohibición de que fabricantes e distribuidores fixen prezos mínimos de revenda. O asunto merece debate. As tendas especializadas poden asumir o custo de expoñer, asesorar ou deixar probar un produto que logo se merca máis barato en Internet. É o chamado free riding, o aproveitamento gratuíto do servizo alleo. Outra cousa é proclamar que unha norma da UE “mata” o pequeno comercio e dotar de transcendencia institucional unha proposta particular. Calquera cidadán pode dirixir unha petición semellante. Un alcalde dispón de vías moito máis ambiciosas.

Un establecemento non vive só das regras de competencia. Vive da cidade que o rodea. Un autobús tamén é política comercial, como o son unha rúa accesible, un mercado atractivo ou unha obra capaz de transformar un barrio sen asfixiar os negocios que pretende beneficiar. A OCDE observou en catorce cidades españolas vendas medianas un 33% superiores en áreas peonís, malia que outros estudos advirten de que peonalizar sen unha estratexia máis ampla pode empobrecer a oferta. O dilema non enfronta coches e peóns. Transporte público, estacionamento, accesibilidade, rehabilitación e calidade urbana forman un mesmo ecosistema. E Ourense afronta o final do mandato de DO sen resolver estruturalmente sequera a concesión do bus urbano.

A avenida de Portugal amosa como unha decisión aparentemente allea ao comercio pode condicionalo. Arredor de 70 negocios padeceron meses de obras, problemas de acceso e unha paralización provocada por impagos municipais. En Pontevedra, a reforma enerxética do Mercado de Abastos, financiada con NextGenerationEU, acordouse cos praceiros para que comezase despois do verán e fose compatible coa actividade cotiá. A obra planificouse pensando nos postos. A nosa Praza de Abastos segue, desde 2018, instalada provisionalmente na Alameda. O declive do sector ten tamén causas estruturais, como o avellentamento da poboación ou a venda en liña, que ningún concello controla. Porén, un goberno local ten instrumentos abondo ao seu dispor para actuar antes de que baixe outra persiana.

A UE non só regula. Tamén premia, financia e conecta cidades

Hai moitos máis exemplos. Vitoria-Gasteiz censou os baixos baleiros, creou axudas para ocupalos, dotouse dun observatorio e dunha mesa do sector e impulsa o relevo xeracional e viveiros de novos proxectos. Valladolid aprobou recentemente un plan trienal que integra o comercio na planificación urbana e na mobilidade. Braga une actividade comercial, patrimonio, turismo e innovación. Caldas da Rainha, no centro-oeste portugués, ao norte de Lisboa, combina mercado tradicional e negocios familiares con cultura e mellora urbana. Non hai receita única, pero si unha maneira de gobernar baseada en diagnosticar, planificar, dotar de recursos, executar e avaliar. Os bonos comercio animan puntualmente o consumo. Non poden substituír toda unha política municipal máis ampla.

A UE non só regula. Tamén premia, financia e conecta cidades. A mencionada Caldas da Rainha foi elixida Capital Europea do Pequeno Comercio, con Braga entre as finalistas. Os seus fondos chegan á rexeneración urbana, á dixitalización e á mobilidade. Ourense, pola contra, formalizou este ano a renuncia a case 1,8 millóns de euros NextGeneration para rehabilitación residencial e de barrios, tras executar só parte do asignado. A pregunta non é só que lle fai Europa a Ourense, senón que está a facer Ourense coas oportunidades que ofrece a Unión. Un alcalde pode tecer alianzas, implicar eurodeputados e decisores, captar recursos e levar os problemas locais aos foros comunitarios. Unha petición particular semella máis unha carta nunha botella que unha estratexia de influencia.

O blame avoidance (elusión da responsabilidade) describe a tendencia a trasladar a outros o custo dos malos resultados, algo doado cando concorren varias administracións e a cidadanía non sempre distingue quen decide que. Bruxelas é, para o repertorio euroescéptico e populista, un destinatario afastado onde concentrar culpas. A piques de pechar o segundo mandato, o rexedor repite unha idea: os problemas sempre veñen doutro lugar. Pode cuestionar unha norma europea, mesmo con parte de razón. O que non pode é explicar a situación das tendas prescindindo das decisións, omisións e oportunidades que corresponden ao Concello. Porque Ourense gobérnase desde a Praza Maior, onde se decide o groso das políticas que marcan o presente e o futuro da cidade, non desde Bruxelas.

Contenido patrocinado

stats