Cambiar para rexenerar
Hai uns días, afirmei nesta tribuna que quero o cambio. Fíxeno convencido de que o 29 de novembro, os españois témo-la oportunidade de colle-lo temón da nave con decisión e reorienta-lo rumbo do noso futuro común, provocando un cambio político que abra unha nova etapa. Hoxe, a miña reflexión resúmese nunha pregunta moi simple: cambiar, para que? Coma conservador, defendo que o cambio non é unha finalidade en si mesma -non é cambiar por cambiar-; tampouco unha mera substitución d e siglas, caras e nomes. Arestora, dou resposta á pregunta con argumentos fondos, vitais e urxentes: precisámo-lo cambio para recupera-la confianza en nós mesmos, para reconstruírmo-lo que se deteriorou e para devolverlle á nosa sociedade a súa lexítima capacidade de avanzar. En resume, quero o cambio para rexenerar económica, política e moralmente a nosa sociedade.
Se volvo a ollada atrás, son consciente de que hai anos que veño alertando sobre os riscos de decadencia das sociedades occidentais, sobre o deterioro das súas estruturas esenciais e sobre a perda progresiva de determinadas calidades que, ó longo do último século, constituíron os alicerces da nosa convivencia. Neses textos, lonxe de alimentar pesimismos, anunciar catástrofes ou predici-lo fin da historia, expuxen que a sociedade, coma organismo vivo que é, tamén pode enfermar, perder facultades e deixar de cumprir axeitadamente as funcións que lle corresponden. E concluín que cando isto acontece, o que cómpre non é resignarse ó deterioro e deixarse caer ó baleiro, senón recupera-lo que se perdeu reparando as partes danadas; isto é, precísase rexenerar.
Hoxe, a sociedade española non é allea a este proceso de decadencia xa que dende hai oito anos, sufre un deterioro agudo que atinxe á vida económica, á convivencia política e ós seus fundamentos morais; por iso, considero que o cambio que reclamo debe acometer unha rexeneración integral; é dicir, unha reparación asentada nos tres ámbitos citados, dun xeito inseparábel.
En primeiro lugar, precisamos unha rexeneración económica alicerzada na reactivación da capacidade de crearmos riqueza, emprego e oportunidades, facendo da economía o motor que garanta o benestar social. Para isto, insisto, requírese estabilidade, seguridade xurídica, unha fiscalidade razoábel e unha administración facilitadora que, no canto de eivar, axude á iniciativa das persoas, dos autónomos e das empresas. Necesitamos unha xestión seria e eficiente dos nosos recursos e potencialidades e urxe que a macroeconomía pouse na cesta diaria ó tempo que fuximos do dirixismo e dun dogmatismo que penalizan a quen emprende, inviste ou traballa.
A segunda rexeneración é a política. A este respecto, as institucións teñen que recupera-la dignidade, a decencia e o sentido de servizo ó interese xeral; deben afastarse dun concepto de gobernar que consiste en sobrevivir cada día, en negociar permanentemente a propia continuidade e en utiliza-lo poder como patrimonio duns poucos. Necesitamos un goberno consciente das súas responsabilidades, que tome decisións, ofreza certezas e dirixa o destino común con realismo, representatividade, eficiencia e exemplaridade.
En terceiro lugar -talvez a tarefa máis urxente-, precisamos unha rexeneración moral que asegure a convivencia social en paz e equilibrio. Necesitamos que o diálogo desprace á polarización, que o insulto deixe paso ó respecto e que non todo sexa xustificábel en función de quen o faga. Eu téñoo claro: a liberdade de expresión leva parella unha responsabilidade legal e moral, a política non se concibe sen ética e a vida colectiva murcha sen un mínimo de principios morais aceptados por todos.
Velaí a rexeneración necesaria, velaí por que quero o cambio o 29 de novembro: para que aquilo que debe funcionar, funcione; para recupera-la confianza na nosa capacidade de crear riqueza e benestar; para devolverlles ás institucións a dignidade que lles corresponde e para reconstruír unha convivencia asentada no respecto, na responsabilidade e nuns valores compartidos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Itxu Díaz
BITÁCORA DE CAMPAÑA - DÍA 14
Esperando el “Plan Platita” en los sondeos internos
Lalo Pavón
A valentía que cabe nun maletero
Simone Saibene
¡BUONE VISIONI!
“Hermanas”
Lo último