O charlatán e os “gorrones” que mantemos Ourense

Publicado: 29 oct 2026 - 01:40
O charlatán e os “gorrones” que mantemos Ourense
O charlatán e os “gorrones” que mantemos Ourense | José Paz

A piscina termal das Burgas leva pechada desde marzo de 2020. Antes do cerramento era de acceso gratuíto, pero o goberno local decidiu que reabrirá cobrando. O 19 de outubro, o pleno aprobou inicialmente a norma que regula ese pagamento, coa abstención do PP e o voto en contra de PSOE e BNG. Fixa unha entrada de 7 euros, un bono mensual de 25 e descontos do 50 % para pensionistas e persoas desempregadas. Na mesma sesión, o alcalde anunciou que tamén quere aplicar tarifa en Outariz e no Muíño da Veiga, pozas hoxe de balde. Máis de seis anos despois do peche, á falta dunha data de apertura súmase agora a disputa polo prezo.

Como adoita, Pérez Jácome respondeu ás críticas a través de Facebook. Segundo o rexedor, quen sostén que non debe cobrarse o acceso ás termas por seren un ben público tería que pedir tamén de balde auga da billa, trens, remontes de Manzaneda, paradores, Museo do Prado e campings. “Que un bien sea público no significa que no tenga gastos”, escribe, antes de enumerar persoal, vixilancia, amortización e reparacións, e conclúe que “pagar impuestos no significa que todo lo público deba ser gratis”. O noso cuñado omnisciente converte unha crítica ás tarifas nunha demanda de gratuidade universal, escolle exemplos que mesturan pagamento e acceso gratuíto, e evade a cuestión debatida: quen debe pagar e canto.

Xa de inicio, o adversario é inventado. No pleno non se pediron trens nin paradores de moca. As diferenzas xiraron arredor do que teñen que desembolsar os ourensáns. O PSOE defendeu que ir ás Burgas non debería ser un luxo para unha familia traballadora. O BNG foi máis concreto. Avogou pola gratuidade para a veciñanza e non vía mal que pagasen os visitantes, ben que admitiu que a xurisprudencia pon atrancos a cobrar distinto segundo o padrón. Por iso propuxo xa en febreiro abonos anuais en función da renda, de cero euros para quen ingresa menos de 10.088 ao ano a 30 euros para quen supera os 20.000. Cabe discutir a fórmula. Pero o post do alcalde arremeteu contra unha gratuidade universal que ningunha proposta reclamaba.

Debullada, a enumeración tampouco sostén a disxuntiva do seu autor. O Prado permite visitar sen pagar a colección nas dúas últimas horas e exime determinados colectivos. Renfe ofrece descontos a nenos, mozos e maiores de 60 anos, e tivo abonos gratuítos de Cercanías e Media Distancia ata 2025. Cobrar, rebaixar ou suprimir un prezo son opcións que cada administración decide e debería xustificar. O filósofo Harry Frankfurt distingue en On Bullshit (Sobre a charlatanaría) entre o mentireiro, que procura ocultar a verdade, e o charlatán, que busca causar impresión sen atender á veracidade. A mensaxe de Jácome é a dun leriante. Escolle fitos que soan concluíntes sen comprobar se realmente o son.

En redes sociais, o alcalde xustificaba a tarifa polos custos. No pleno recorrera ao insulto, cando acusou a oposición de querer “un mercado de gorrones”, falou de “free riders” (polisóns) e comparou quen acode aos servizos gratuítos con “buitres”. En canto algo é gratuíto, sentenciou, “vienen todos los gorrones de España”. O termo “free rider”, que Pérez Jácome equiparou a “gorrón”, ten un significado ben preciso. Mancur Olson analizou en The Logic of Collective Action (A lóxica da acción colectiva) o problema de quen se beneficia dun ben colectivo sen achegar nada para sufragalo. Os veciños sostemos o Concello cos nosos impostos, de xeito que utilizar as termas sen pagar entrada non converte ninguén nun aproveitado.

Se alguén non cumpre co común, é o goberno local, responsable do peche e dos tropezos da reapertura, incluída a ordenanza rexeitada en marzo. Cobrar nun recinto de 43 prazas, con persoal, vestiarios e mantemento, pode ter sentido. Tamén o tería adoptar a taxa turística, que xa aplican Santiago e A Coruña, para que contribúan os visitantes que pernoitan. O que non o ten é defender unha tarifa sen explicar publicamente os custos e as garantías de acceso para a veciñanza. O noso cuñado omnisciente compara a entrada ás Burgas coa do cine. Esquece que nestas augas xa se bañaban os romanos, que o recinto é de todas e todos os que aquí nacemos e vivimos, e que a pantalla leva apagada case desde que chegou á alcaldía.

Contenido patrocinado

stats