Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Fillos da máquina
Aprincipios de setembro de 1918 chegou a Ourense “o soldado de Nápoles” que era a forma en que humoristicamente -ó principio non se viu a gravidade-lle chamaban á epidemia de gripe. O nome veulle de que a doenza era “moi pegadiza” tal como a música da canción “Soldado de Nápoles” da zarzuela “El olvido”, reestreada en Madrid en marzo de 1918. E se miramos “O Tío Marcos da Portela”, único xornal ourensán, de momento, subido á páxina de Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, do día 21 de setembro dese 1918, topamos un texto que di: “O ‘soldado de Nápoles’ afincou n-o cuartel de San Francisco; son moitos os soldados que do brazo do xiringado compañeiro foron ó Hospital onde se ven tolos pra alugar a tanta xente. Endeica agora non revista gravedade a doenza”. Pero a partir do número seguinte, as informacións sobre o tema, aínda que moitas veces con humor retranqueiro, van dando conta da gravidade. Así, desde o 7 de outubro, crean unha nova sección, “Páxinas de loito”, coas “novidades”. “A enfermedade que desde fai algún tempo pacede a môr parte d’España, y Ourense especealmente...” e segue coas baixas: un xornalista, Sr. Calvelo, un fillo de Benito Fernández Alonso, etc.
No do 21 de outubro, unha Carta d’O Tío Marcos, ou sexa unha especie de epístola a un veciño de Zarracós, e despois doutras desgracias, sinala: “Por eiquí tampouco che faltan amoladelas. O gripo -curioso o masculino, outras veces aparece “grippe”- chimpa en xente como se fora folla. Eu non sei que rabia ten iste mal. Acórdame cando fai us anos andivo po-lo gando que non faguía tantas avarías. Se cadra non é a mesma enfermedade, pro, chamar, chámanlle o mesmo. A xente non sabe qu’a faguer, e cantas medecinas tran os boletín, cantas toma...” E despois de dar un par remedios hiperbólicos e humorísticos -mascar tacholas, e un réxime de peche con mantas, fregas, viño, etc.- remata: “Pol-o que din, de cantos figueron tal, so morreron as duas terceiras partes. Boeno, non te canso máis. Enquirbe logo, e non se deixar morrer, que dispoixas sabe Diol-o que custa volver á terra”.
Logo desta retranca máxima, vén a sección “Páxinas de loito”, con dezaeis baixas producidas “pola epidemia reinante”: o dono do Café Royalti, a cuñada do dono do Café Moderno, empregados de Facenda, médicos, o director da Escola Graduada e outra moita xente coñecida; entre ela, unha familia ó completo de Ribadavia, o home, Maximo Rodriguez, promotor do Teatro Rey Soto e do xornal El Ribadaviense, a muller, e os dous fillos. Tamén se dá conta da solidariedade; “O pobo d’Ourense respondeu moi ben á suscriución aberta pr’ós gastos que orixine a asistenza de enfermos probes mentres dure a epidemia que padecemos”. E despois de gabar a actuación do bispo Ulundain -5.000 pesetas e apertura ao seu cargo dun asilo para nenos fillos de hospitalizados e orfos- e do industrial Perille, remata: “Con verdadeiro pracer, e co’a mór d’as sinceiridás, faguemos púbrica a conduta, diña d’o mais quente apruso, ouservada por cantas persoas veñen intervindo n-a campaña de loita escontr’a epidemea reiante. Dendesde o Sr. Gobernador, hasta o últemo dos axentes d’a autoridade, non se dan repouso pra alcanzar un estado de normalidade n-a saúde púbrica. O pobo, pola súa parte, tamén axuda canto pode, o mesmo c’o ausileo pecuniarios d’os ricos, que co’a prestaceón persoal dos probes. Ourense deu, coa sempre n-istes casos, valente mostra d’o seu grande curazón e d’os seus nobres sentimentos”.
Seguirmos o próximo día.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Fillos da máquina
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
La princesa ilustrada
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Arturo Maneiro
PUNTADAS CON HILO
El sanchismo paga bien
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 6 de mayo
DERROTA 1-0
El Atlético dice adiós sin coraje en semifinales
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 6 de mayo