Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre el vagabundeo
Calquera que sentase detrás dunha mesa de profesor tempo abondo ten que contar. E estes días, vendo que o tema de moda nas PAU, Abau, selectivo ou como lle chamen esta temporada, era o dos medios tecnolóxicos para evitaren a copia nos exames -incluso saíu neste xornal o outro día a foto dunha “chuleta”, malísima, por certo-, viñéronme á cabeza unhas cantas cousas de “copistería clandestina”.
Empecei con tratos con ese mundo alá por 1983 nos Salesianos, pois aínda que sempre fun bastante especialista en facer chuletas -logo llo aclaro- nunca as usei. Daquela, alí, un alumno un tanto despistado -por iso o cachei- usaba un método ben curioso. Tratábase dun pequeno aparello construído con dous anacos dun bolígrafo BIC cristal, unidos con dous arames ríxidos e unha goma elástica que facilitaba que unha megachuleta -un metro de longa por sete centímetros ancha- enrolada en ambos extremos, xirándoos fose pasando dun ao outro tantas veces como quixese o rapaz. Despois de collella estívena estudando ben e ao acabar a clase felicitei ao estudante, coa idea de darlle un notable no exame polo interese e a traballeira que pasara, aínda que a chuleta, como síntese de coñecementos, deixase moito que desexar... Pero todo o meu gozo nun pozo, pois díxome que el non a fixera, que “era prestada”. E deume certa pena cando me pediu que lla devolvese porque o prestamista “da outra clase” tiña exame despois e se non lla devolvía, íase cabrear. Pero non podía: eu era o único profesor dese nivel... Ademais quería ensinarlla aos meus colegas... E non lla devolvín. Que me desculpen ambos. 42 anos despois. Peza de museo.
A verdade é que sempre procurei ensinarlles a facer chuletas. Porque non se trata só de poñer en pequeno -imprimir agora- os apuntes, senón, sobre todo, de esquematizar, organizar, sintetizar e reducir os materiais de estudo. E se lles explicabas a necesidade de facer esquemas, non atendían tanto como se lles dicías que lles ías ensinar a facer chuletas. Que viña ser o mesmo. Método de facer chuletas: 1) Ler de corrido os apuntes para unha aproximación primeira; 2) Ler demoradamente, entendendo todo -consultas, dicionarios, etc.- subliñando e resaltando só os datos fundamentais con códigos de cores -data, amarelo; nomes, negrita; lugares, verde, por exemplo-; 3) Facer unha versión primeira, ampla, con esquemas individuais para cada tema, un folio; 4) Sintetizar nunha ficha A-6 (1/4 de A-4, un “folio”) por tema só a información, con chaves, abreviaturas, frechas... Só os datos clave, o esqueleto sen carne, sen redacción, mantendo os códigos de cores; 5) Desbotar estas primeiras fichas e pasalas a limpo, cotexándoas cos folios resume primeiros, mantendo os mesmos códigos e unindo con celo as novas fichas unhas a outras polos cantos para facer unha especie de acordeón manexable. E apostaba eu polo seu éxito, pois de seguiren o proceso, podían levar a “chuleta-acordeón-esquema” para repasar antes do exame, pero non a precisarían usar, porque seguro que xa terían aprendido a materia.
Por certo que “chuleta” é expresión moi do castelán peninsular -e das linguas na historia subordinadas, na penínusla- mentres que en México e Centroamérica lle chaman “acordeón”; en Arxentina, “machete”; en Chile, “torpedo”; en Perú, “plage”; en Cuba, “chivo”; en Portorrico, “bate”; en Bolivia, “chanchullo”, etc. Os irmáns de Portugal usan, sobre todo “cábula” -e o verbo “cabular”-, mentres que no Brasil son máis de “cola” -e de “colar”- ou de usaren “submarinos”.
Así pois, caros estudantes: facede chuletas con calma e método, sempre de produción artesanal e propia... E logo, non as usedes. O futuro non pode empezar con trampas. Nin o éxito nin a ética admiten atallos. Debedes ser mellores có mundo. E hoxe tédelo ben fácil.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Carlos Risco
LOS ASUNTOS IMPORTANTES
Sobre el vagabundeo
Antonio Nespereira
PERDÓN POR LA MOLESTIA
Su nombre no era para esa lápida
CUENTA DE RESULTADOS
De Cos y Knot, favoritos para el BCE
Victoria Lafora
La puntilla
Lo último