Victoria Lafora
Emergencia Nacional
RECUNCHO HEBDOMADARIO
O pasado sábado, 25 de xullo, Día da Patria Galega, cumpríronse 100 anos do pasamento de Mariano Díez Tobar. Nado o 21 de maio de 1868 en Tardajos, unha localidade situada a apenas dez quilómetros da cidade de Burgos, era fillo dunha familia labrega. Intúo que moi poucos saberán quen foi realmente este home ou, mellor dito, este frade paúl, nin tampouco porque asoma hoxe a este Recuncho Hebdomadario, que procuro relacionar, sempre que é posible, con algunha nova ou efeméride da miña contorna, é dicir, de Baños de Molgas.
Aproveitando que falta apenas un mes para as novenas dos Milagres, anímovos a visitar o Museo Etnográfico, Científico e Sacro do Santuario da Nosa Señora dos Milagres. Alí, poderedes contemplar un aparello composto por unha lente, unha manivela e un mecanismo de engrenaxes, construído polo propio Mariano Díez Tobar.
Díez Tobar foi un dos inventores máis singulares do seu tempo. Dotado dunha extraordinaria curiosidade científica, desenvolveu numerosos aparellos e solucións técnicas, aínda que nunca procurou a notoriedade nin o beneficio económico derivado das súas creacións. Entre elas destaca un cinematógrafo concibido a comezos da década de 1890, varios anos antes de que os irmáns Lumière presentasen publicamente o seu célebre invento. Aínda que a consideración de Díez Tobar como verdadeiro precursor do cinema continúa a suscitar debate entre os historiadores, a súa achega é hoxe amplamente recoñecida como unha contribución pioneira ó desenvolvemento da proxección de imaxes en movemento.
En 1889 xa chama a atención polo seu interese no estudo e desenvolvemento da proxección de imaxes en movemento
A súa figura segue a ser reivindicada como a dun inventor brillante que, pola súa modestia e polo seu desinterese en patentar os seus descubrimentos, permaneceu durante décadas practicamente á marxe da historia oficial da cinematografía.
En 1889, sendo profesor de Ciencias nun colexio da Congregación da Misión (os paúis) en Murguía (Álava), xa chama a atención polo seu interese no estudo e desenvolvemento da proxección de imaxes en movemento. Tres anos máis tarde, na mesma localidade e posteriormente en Bilbao, pronuncia unha conferencia que esperta notable interese baixo o título: O cinematógrafo: descrición do aparello polo que as imaxes das persoas, o mesmo ca das demais cousas, existan no momento ou xa desaparecesen, aparecen vivas e coma se fosen reais, coas súas cores, movementos, etc, ante a nosa vista.
Finalmente, en 1893, constrúe o cinematógrafo que hoxe se conserva e expón no museo dos Milagres. Unha peza de extraordinario valor histórico.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, domingo 26 de julio
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: lunes, 27 de julio