Victoria Lafora
Emergencia Nacional
O símbolo, para os gregos, era un obxecto partido en dous, servía para que dous contratantes conservasen cadansúa parte e así, coa súa ocasional reunión das pezas, recoñecían os portadores un compromiso ou débeda adquirido previamente.
Dalgunha maneiras, pois, os símbolos son ese compromiso entre unha parte, nós, e a outra, a que, perdóenme, simboliza o símbolo. Se alguén leva unha bandeira -palabra relacionada con banda, bando, pero tamén con bandido- nun pin na lapela ou ergueita no rabo dunha vasoira, falaría da súa proximidade afectiva ao que ese produto metálico ou téxtil significa, sexa o Celta de Vigo, calquera partido político, as motoserras Husqvarna... ou Galicia, por exemplo.
E claro está que todas as comunidades humanas, grandes e pequenas, usan os símbolos desde que o mundo é mundo, para apiñárense, para xuntaren vontades pois non en van somos animais gregarios. Estes días aí atrás víronse moitas bandeiras de España, por esa conxunción entre a paixón futboleira e a eficacia comercial dos chineses. E tal enchente tróuxome o pensamento os distintos comportamentos vexilolóxicos en Europa. Os alemáns, por exemplo, teñen moi clara a distinción entre a Bundesflagge, a bandeira civil, tricolor -negro, roxo, ouro- de uso libre, e a Bundesdienstflagge, a bandeira institucional que é a anterior pero co escudo do país. E en absoluto un cidadán pode ir a un partido de fútbol ou festexar algo na rúa cunha bandeira institucional. É delito. Os franceses non teñen problema porque non teñen escudo e a de uso popular é a mesma. Os británicos, tampouco. A Union Jack non leva o reservadísimo escudo da familia real que, por certo, inclúe un par de frases en francés medieval, froito da influencia normanda: “Dieu et mon droit” (Deus e o meu dereito) e “Honi soit qui mal y pense”(Mal haxa quen mal pense).
En Galicia, a lei de símbolos, Lei 5/84, non fai diferenza entre “civil” e “administrativa”
En España, a lei que rexe isto das bandeiras, a 39/81, reformada e amputada nos seus excesos alá por 1988, non é tan taxativa como a alemá, pero sinala que as bandeiras poderán levar o escudo e cita catro exemplos institucionais, e di no seu artigo 8 que “Se prohíbe la utilización en la bandera de España de cualesquiera símbolos o siglas de partidos políticos, sindicatos, asociaciones o entidades privadas”, co que unhas bandeiras que vin estes días de “Whisky Dick” estarían fóra da lei. En Galicia, a lei de símbolos, Lei 5/84, non fai diferenza entre “civil” e “administrativa”, e recolle no punto segundo do artigo 2: “A bandeira de Galicia deberá levar cargado o escudo oficial cando ondee nos edificios públicos e nos actos oficiais da Comunidade Autónoma”. Non di nada dos usos e aditamentos que se lle poidan poñer á bandeira. Por iso o seu uso é moi libertario, unha base de paleta creativa, pero o que resulte de superpoñer cousas xa non é, claro, a bandeira de Galicia senón do produto que queira publicitar. Eu vinas con xamóns cruzados, grelos, vacas -máis pacífica cá do touro da española-... E cunha estrela vermella pode un pensar en partidarios de ideas relacionadas coas que aferrollaron boa parte de Europa hai anos e que fixeron que tal símbolo -xunto coa fouce e o martelo e os símbolos nazis- estea prohibido en Ucraína, Letonia, Lituania, Republica Checa, Hungría, etc. Ou, tamén, en partidarios das zapatillas Converse ou da cervexa Heineken. A estrela de cinco puntas cevexeiras significaba nas confrarías medievais europeas as cinco bases do produto: auga, lúpulo, cebada, levadura e a mestría do artesán. Outros usábana de seis puntas engadíndolle, lume. Así, pola herdanza do símbolo medieval, moitas cervexas levan o nome e estrela: Galicia, Damm, Stella Artois, Star Lager, Sternburg... (O de poñerlle unha estrela vermella á bandeira de Galicia foi cousa de Xosé González González na primavera de 1976 para bandeira dun grupo, a AN-PG, pero, obviamente, non para bandeira de Galicia, que xa tiña a súa). En fin, espero que o pasaran ben no 25 de xullo e tómenlle dúas Estrelas. Si está de moda iso das dúas estrelas. E merecidas.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este lunes, 27 de julio
DENUNCIAS DE LOS LECTORES
Cronista local | Las denuncias de los vecinos de Ourense hoy, domingo 26 de julio