Conectados ao futuro

Publicado: 02 abr 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Os vinte e sete representantes cos que conta o PP de Ourense nas cámaras de representación política provincial, autonómica e xerais do Estado comparecimos, convocados polo noso presidente, Luís Menor, este fin de semana por segundo ano consecutivo para reunírmonos e falar do noso traballo a prol da provincia. Doce deputados provinciais, oito parlamentarios galegos, tres deputados nacionais e catro senadores estivemos no Arquivo Histórico de Ourense para poñer en negro sobre branco as iniciativas máis salientables que defendimos nos últimos doce meses na procura do máximo benestar da nosa veciñanza . Acompañáronnos a secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, e o secretario xeral do PP nacional, Miguel Tellado, por certo elixido en Ourense secretario xeral do PP de Galicia en maio de 2016.

Unha obriga para o partido de Ourense, a forza máis votada elección tras elección, render contas do encargo que recibimos do electorado: facer un Ourense mellor, “conectados ao futuro”, como expresa o lema desta segunda interparlamentaria. O día no que cumpríanse douscentos dezasete anos da Reconquista viguesa, cando o alzamento popular comandado por Pablo Morillo e o ourensán, de Cachamuiña (Pereiro de Aguiar), Bernardo González expulsaron ás tropas napoleónicas na Guerra da Independencia Española. E nun lugar, o Arquivo Histórico, gran realidade cultural de Ourense grazas ao empeño de Mariano Rajoy, que era ministro de Educación e Cultura cando impulsou o proxecto en San Francisco do que tamén formaba parte a Biblioteca Pública. E Rajoy culminou o proceso sendo presidente do Goberno, adxudicando en abril de 2016 as obras definitivas. Todo froito da coordinación política a tódolos niveis dun movemento, o popular, que tira sempre do interese xeral de Ourense.

Inmensa honra falar en nome dos meus compañeiros no Senado e presentar as conclusións do traballo conxunto nas catro cámaras denominado “Ourense con futuro”

A característica máis importante que debe ter, e proxectar, un Executivo é a estabilidade. Sin estabilidade non hai crecemento económico, social nin cultural. Menor e Rueda presiden gobernos sendo os máis votados. Sánchez non é o máis votado. Menor e Rueda aproban os orzamentos anualmente. Sánchez non os aproba e nin sequera os presenta. Menor e Rueda comparecen, como mínimo mensualmente, diante das súas cámaras para someterse ao control da oposición. Sánchez compareceu unha vez en tres anos ante o pleno do Senado: en 72 plenos que levamos celebrado apareceu nun (o día 12 de marzo de 2024). Sendo suaves, estamos ante unha auténtica anomalía democrática.

Precisamente a Cámara Alta está amosando nesta décimoquinta lexislatura das Cortes Xerais do Estado que é unha ferramenta valiosísima non só para visualizar a alternativa de goberno ao sanchismo, senón tamén para controlar a ese Goberno cosido a base de chantaxes e desprestixio internacional. A maioría absoluta popular (147 sobre 266) servíu para aprobar as 38 denominadas “leis Feijóo”, que a presidenta do Congreso conxela e aparca para impedir que se solucionen temas tan importantes como a ocupación das vivendas, a fiscalidade do sector agrario, a rebaixa do IVE nos servizos de perruquería e estética, o sistema alimentario español, a protección do patrimonio histórico fronte ao vandalismo… A maioría de Feijóo no Senado incrementou o número de sesións plenarias ao mes, fai funcionar corenta comisións parlamentarias –algunhas de nova creación como a específica de Pesca (tan importante para Galicia) ou a xeral de entidades locais- sen esquecer as de investigación tan demoledoras para poñer en evidencia ao Goberno como a da “Operación Delorme” (máis coñecida como “caso Koldo”) a do apagón, a da dana, a da rede ferroviaria española, a da xestión do CIS, a que analiza á SEPI… e próximamente a que ten por obxecto o funcionamento de Radio Televisión Española, para tanta xente “Tele Pedro”.

Inmensa honra falar en nome dos meus compañeiros no Senado e presentar as conclusións do traballo conxunto nas catro cámaras denominado “Ourense con futuro”. Oportuno lembrar cómo o 8 de outubro de 2000 redactei e expuxen no Congreso provincial a ponencia “Ourense, la provincia atractiva”. En 25 anos, moito progreso da man do traballo político popular con realidades inexistentes daquela como a autovía coa Meseta, a alta velocidade ferroviaria, o Auditorio, a puxanza do noso sector termal, a excelencia dos produtos agroalimentarios, o incremento das cifras en materia de turismo… Unha provincia atractiva onde medran a poboación, as empresas e os postos de traballo. Todo determina un incremento da autoestima que repercute moi positivamente en todo. En definitiva, unha provincia de Ourense “conectada ao futuro”. Un futuro que, como dixo Mahatma Gandhi, “dependerá do que fagamos no presente”. Continúemos pois facendo provincia.

Contenido patrocinado

stats