Sobre a construcción de mitos e identidade

Publicado: 25 abr 2026 - 03:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Como seica son precisos mitos de identidade para os colectivos, todos se esforzan en construílos. Amancio ou Butrageño, máis alá das súas persoas, son mitos do Real Madrid. O Cid Campeador, Numancia, de España; Viriato, Camoens, de Portugal. E en Galicia, pois Breogán, o apóstolo Santiago, os Irmandiños, Rosalía, Valle Inclán, Castelao... E despois outros, en cadanseu sector e división: o Padre Sarmiento, Murguía, Pondal, Pardo Bazán, Blanco Amor, Andrés do Barro, Iago Aspas, Amancio Ortega... Pero no mundo da política a cousa complícase. Porque poucas veces se poden converter en símbolos que a todos unan. Só se a súa vida se entrefebra con outras actividades: Un Castelao ben coñecido xa antes da súa dedicación á política e na que sempre impulsou encontros (ninguén pediu o voto non ao Estatuto de 1931), converteuse nunha referencia común. Como Otero Pedrayo. Mesmo Pablo Iglesias, que supón a orixe do movemento de defensa dunhas clases que nunca tivera valedores. Outros políticos, como Manuel Fraga, que se soubo pilotar desde o franquismo ata a xestión democrática da autonomía con grandes maiorías absolutas, é figura polémica, porque a esquerda dominante actual ten a peneira máis fina que a dereita e é centro de ataque, como o seu busto, por aqueles que se opuxeron ao advento da democracia parlamentaria, social, liberal, autonómica e coroada, ou sexa á Constitución. Si. E lembremos: É ben mellor que invoquemos e nos sintamos fillos da Transición que trouxo democracia e autonomía que netos da Guerra que só trouxo desgrazas e morte.

Ben. As armas cárgaas o diabo. E Ramón Reboiras foi encargado pola UPG do desenvolvemento primeiro do Frente Cultural pero logo do Frente Armado co que só roubaron multicopistas, atracaron bancos e fixeron o famoso roubo da oficina do DNI de Lugo. Eran tempos da Carta de Brest e das relacións con ETA, o PSAN (p) catalán, o IRA ou o LUAR portugués. Pero naquela altura, sen o respaldo social que había no País Vasco, e co amplo coñecemento que a policía tiña deles, o tema non foi a máis. A morte -asasinato, seica- de Reboiras, foi un punto de inflexión. E a medida que o UPG apostaba polo posibilismo a través da creación dun BNG sempre alleo á violencia, os máis radicais foron esgazándose (UPG liña proletaria, PGP, Galicia Ceibe-ONL, PCLN, FPG, APU, etc.) e participando dalgún xeito das mutacións armadas coa colaboración de xentes que foran do Grapo. Grupos como LAR, ERPGC, Resistencia Galega, mantiveron activa a chama armada con episodios como a voladura do chalet de Fraga en Perbes (27-maio-1988); o asasinato do garda civil Benedicto García Ruzo, en Monfero (2-2-1989), ou o atentado da discoteca Clangor en Santiago (12-outubro-1990), onde morreu a inocente estudante da USC María Mercedes Domínguez á parte de dous membros do comando terrorista; outro punto de inflexión. E os militantes de todos estes grupos foron os impulsores da mitificación da memoria de Reboiras xunto cos vellos camaradas da UPG que querían manter o difícil equilibrio entre gabar a súa lembranza e a xestión institucional. Como institucionais e oficiais foron os recoñecementos do noso Parlamento, en 1997 e 2006 en que se declarou o Día da Clase Obreira Galega, para manter a memoria de Amador Rey e Daniel Niebla asasinados pola policía durante unha manifestación en Ferrol, o 10 de marzo de 1972.

En fin, en 2018 unha exposición do Centro de Vítimas do Terrorismo , a Axencia EFE, a Fundación Miguel Ángel Blanco, o Ministerio do Interior e a Xunta, puxo cifras e caras: galegos mortos por terrorismo, 68 por ETA, 9 polo Grapo, 5 por grupos yihadistas e os 4 mentados polo terrorismo autóctono.

Creo que os dirixentes do BNG deben reflexionar, pois o seu éxito medra a medida que se afastan do mundo desa radicalidade, onde se acubillaron tiros e violencia. A estatua de Reboiras en Santiago é un intento de elevar a mito colectivo unha icona, obviamente, non inclusiva para o conxunto da sociedade. Ou sexa, un erro contraproducente. Creo.

Contenido patrocinado

stats