Curros Enríquez, alén do poeta

Publicado: 24 jun 2025 - 02:05

Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Manuel Curros Enríquez foi sen dúbida unha figura relevante da historia da Galiza de finais do século XIX e principios do XX. Naceu en Celanova o 15 de setembro do ano 1851. Morreu o 7 de marzo de 1908 na emigración, na Habana, Cuba. O enterro de Curros fíxose na Coruña, con moita polémica por medio. O debate xurdiu respecto de se o enterro debía ser católico ou laico. Acordouse que o fillo decidise, foi na súa procura Nan de Allariz, partidario do enterro laico. O fillo, decidiuse polo enterro católico, seica influído por Alfredo Vicenti. Din os xornais: “Á velada fúnebre, celebrada no Teatro Principal non asistiu a representación obreira, que desconforme cos actos, convocou un gran mitin de protesta, no que interveu Manuel Casas”. As opinións estaban tan enfrontadas que se temeu unha folga xeral. Ao cortello fúnebre asistiron unhas 40.000 persoas, o que amosa a súa conexión co sentir das clases populares.

En 1866 emigrou. Foi a residir co seu irmau Ricardo a Madrid, onde fixo o bacharelato. Apoiou a revolución de 1868 que derroca a Isabel II, sumándose aos ideais democráticos. Traballou como xornalista (La Gaceta de Madrid 1873, El Imparcial 1874, El Porvenir 1883, El País). Cubriu, entre decembro de 1875 e febreiro de 1876, a terceira Guerra Carlista, escribindo as Cartas del norte. En 1894 emigrou a Cuba por motivos económicos e políticos. Mais sempre mantivo un forte vencello co que acontecía na Galiza, tomou partido político e bateu contra as clases dominantes. Un destes enfrontamentos foi por mor da súa obra “Aires da miña terra”, publicado no ano 1880, que o bispo de Ourense condenou por conter “proposicións heréticas, blasfemas, escandalosas e algunhas merecentes doutra censura” (Curros Enríquez súa vida e súa obra, de Luís Carré Alvarellos). Curros será condenado a dous anos e catro meses de prisión, malia a moi boa defensa do avogado Paz Novoa. Non ingresa na cadea porque Serafín Temes deposita unha fianza de 1.500 pesetas.

No plano ideolóxico, ademais do seu anticlericalismo, denunciando a dobre moral que tiñan cargos da igrexa, e como esta contribuía a abafar as arelas das clases populares, salienta como defensor da causa republicana, cada vez cun acento máis galeguista, que se reforza coa emigración en Cuba. Esta evolución non é transitoria, nen está afastada do contexto. En 1887 celebrouse en Lugo unha xuntanza na que se elaborou o Proxecto de Constitución pra o futuro Estado Galaico, e en 1889 Brañas publica en Barcelona o seu libro “El Regionalismo”, e en 1890 fúndase en Compostela o boletín “Patria Gallega”. Curros participa deste ideario “regionalista” da época, que é un paso previo ao nacemento en 1916 das Irmandades da Fala, e do Manifesto Nacionalista en 1918, que consolidan os alicerces dos que nacerá o Partido Galeguista.

Curros tivo unha especial preocupación polo idioma galego, tanto do seu uso correcto como do seu futuro. Vilanova Rodríguez (no seu libro Vida y obra de Manuel Curros Enríquez) afirma: “Curros sentiu fonda preocupación polo destino histórico do noso idioma... sabia que o povo que deixa morrer a súa lingua non ten xa razón pra sobrevivir como ente histórico sobre a terra”.

Soubo entender e interpretar as inquedanzas do povo, polo que foi perseguido polas forzas conservadoras

Curros Enríquez foi un poeta e xornalista premiado en vida, recoñecido socialmente, que soubo entender e interpretar as inquedanzas do povo, polo que foi perseguido polas forzas conservadoras, o que agravou súa situación económica e os problemas familiares. En Cuba, na que tivo un papel relevante na colectividade, dirixiu o periódico “Tierra Gallega” e foi defensor dunha ampla autonomía da illa, o que lle trouxo moitos problemas coas autoridades españolas e unha parte da colectividade galega... Nun contexto no que os campos tinguíanse de sangue había décadas e o povo reclamaba a independencia.

Contenido patrocinado

stats