Delaiglesia e Nicolás Muller

ARTE ET ALIA

Publicado: 26 oct 2026 - 00:10
A ponte vella e a parroquia das Caldas, coa fábrica de madeira.
A ponte vella e a parroquia das Caldas, coa fábrica de madeira.

No ronsel do OUFF presente pasado mantense aínda, a estas alturas do outono, unha das mostras que en paralelo nas salas expositivas da Deputación adoitan producir e complementan a temática cinéfila específica de concurso. Así “Tierra del Anillo, un viaje entre Reinos”, inspirado na ficción novelada de John Ronald Reuel Tolkien (1892-1973), célebre dende a saga cinematográfica. Resiste “Ecosistema dunha rodaxe”, que é a terceira exposición do fotógrafo santiagués Esteban Delaiglesia (n.1970). Comisariada por Monse Cea (León, 1970), licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea na USC e artista plástica, crítica de arte e comisaria independente, da aso da exposición no CGAC, 2025, de Mar Caldas, pioneira da praxe artística feminista en “Galicia, Mulleres, traballo e memoria”, fundamental para acadar o Premio da Crítica de Galicia de artes plásticas que lle demos na pasada semana en Vigo.

Aquí, na gran sala superior do centro cultural e usos múltiples do organismo provincial exhíbese este proxecto do artista centrado no cine e comezado coa pandemia, voluminoso de seu, e dividido en dúas partes. Nunha, máis de sesenta fotos impresas formando grupos temáticos, e unha proxección, como non podía ser menos. Naquela, como refire o autor, homenaxea “aos currelas do cine, no que inclúo os actores”, son mans anónimas en B/N, dos que saen logo nos títulos de crédito, e as dos protagonistas das películas, xa en cores, sendo para el o súmmum da mostra é a dun “actor retratado cunha man por detrás: a man da dirección, que traballa sobre o actor e representa toda a xente que fai posíbel unha rodaxe”. Son, polo xeral, unha manchea de foto-fixas de películas durante seis anos, seleccionadas do traballo como fotógrafo de rodaxe, que se centra nos insertos, primeirísimos planos moi pechados. Non hai apenas corpos, ou rostros: son dos técnicos coas ferramentas, utilizadas nas rodaxes, e os oficios do sector audiovisual. Hai a maiores unha proxección que contén outras cento cincuenta imaxes. Xestos das persoas no traballo coral cotiá, fundamentais para poñer en imaxes as historias dos guionistas e escritores que transforman os textos, logo da rodaxe e pos produción, nunha narración visual.

Nicolás Muller en Galicia

Eis unha selección póstuma de cincuenta fotografías do arquivo deste autor, nado en Oròsháza, Hungría en 1913, nacionalizado español en 1961, e residente en Andrín (Llanes, Asturias), onde morreu no ano 2000. Unha oportunidade para coñecer aquela época en branco e negro da época da ditadura militar do Xeneral Franco de xeito amable e etnográfico con fotos daquela Galicia dos anos 60, moitas delas aínda inéditas, dun recoñecido fotógrafo do século XX. O comisario José Ferrero fixo no seu día “Nicolás Muller. Vento Norte”, de onde este proxecto xestado na Cidade da Cultura, nas aforas de Santiago de Compostela para o Museo Centro Gaiás en 2023. A mostra pasou logo ao Museo do Mar en Vigo, e xa dende alí foi roldando polas salas da división cultural Afundación, da entidade crediticia Abanca en Lugo e Ferrol, e que agora áchase na Praza Maior de Ourense. Unha fértil itinerancia expositiva institucional da Xunta que se podía tomar como exemplo a nivel provincial e que reflicte preocupación pola cidadanía e a súa cultura.

Contenido patrocinado

stats