O Dereito Civil galego e as súas especialidades fronte ao Dereito común

TRIBUNA

Publicado: 07 jun 2026 - 04:50
Vendima e carga de uvas en contedor no Pazo do Mar en Feá, no concello de Toén.
Vendima e carga de uvas en contedor no Pazo do Mar en Feá, no concello de Toén. | Rosa Veiga

España non conta cun único sistema civil aplicable de forma uniforme en todo o territorio. Xunto ao Código Civil estatal conviven diversos dereitos civís propios ou forais, entre eles o Dereito Civil de Galicia, que dispón de regulación específica en materias como sucesións, réxime familiar, propiedade ou aproveitamentos tradicionais.

O Dereito Civil de Galicia (regulado principalmente na Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia) recolle institucións xurídicas históricas que continúan plenamente vixentes e que presentan diferenzas relevantes respecto do réxime xeral previsto no Código Civil español. Moitas destas figuras responden a particularidades sociais, económicas e territoriais propias de Galicia e manteñen unha aplicación práctica habitual.

Unha das principais diferenzas aparece en materia sucesoria. O sistema galego establece unha regulación distinta das lexítimas hereditarias. Mentres que o Código Civil estatal reserva unha parte importante da herdanza a determinados herdeiros forzosos, o Dereito Civil foral de Galicia reduce a lexítima dos descendentes a unha cuarta parte do haber hereditario, o que permite unha maior liberdade de disposición do patrimonio.

Tamén existen diferenzas relevantes en relación coas parellas de feito, xa que a lexislación galega recoñece determinados efectos civís ás unións estables formalizadas conforme aos requisitos establecidos legalmente.

Institucións propias

En materia de dereitos reais e organización da propiedade, Galicia conserva institucións tradicionais propias. Entre elas destaca a serventía, figura característica do medio rural galego que regula o uso común de determinados camiños ou accesos entre predios lindeiros. A diferenza da servidume clásica do Código Civil, a serventía configúrase como un aproveitamento compartido e recíproco entre propietarios.

Outra institución singular é a compañía familiar galega, unha forma tradicional de comunidade económica e convivencia familiar mediante a cal varias persoas comparten explotación agrícola, traballo e patrimonio común. A súa regulación permite ordenar xuridicamente relacións familiares vinculadas historicamente ao ámbito rural galego.

O Dereito Civil galego tamén mantén figuras vinculadas ao aproveitamento tradicional de bens hidráulicos e agrícolas, como os muíños de herdeiros. Trátase de muíños pertencentes conxuntamente a varios titulares que participan na súa propiedade e utilización conforme a cotas ou dereitos históricos de aproveitamento.

Igualmente relevantes son os montes veciñais en man común, cuxa titularidade corresponde colectivamente aos veciños dunha determinada comunidade e cuxo réxime xurídico presenta características propias diferenciadas da propiedade privada ordinaria.

Estes pactos sucesorios deben outorgarse necesariamente en escritura pública e producen efectos xurídicos dende a súa formalización.

Dentro de todas estas institucións e particularidades propias do Dereito Civil galego, quizais unha das figuras de maior relevancia práctica pola súa frecuente utilización sexan os pactos sucesorios, instrumentos xurídicos que permiten ordenar anticipadamente a transmisión do patrimonio familiar e que constitúen unha das principais singularidades do sistema sucesorio galego. Especialmente na actualidade, ao estar vixente a reducción por parentesco, por exemplo, para descendentes, fillos/as, ata 1.000.000 euros, máis 100.000 euros por cada ano que o descedente teña menos de 21 anos, co límite de 1.500.000 euros).

Como dixemos, unha das principais singularidades do Dereito Civil galego en materia hereditaria é a posibilidade de formalizar pactos sucesorios. O Código Civil español prohibe con carácter xeral os contratos sobre herdanzas futuras. Porén, o Dereito Civil de Galicia permite que unha persoa poida ordenar parte da súa sucesión mediante acordos formalizados en vida cos seus futuros herdeiros.

Estes pactos sucesorios deben outorgarse necesariamente en escritura pública e producen efectos xurídicos dende a súa formalización. A lexislación galega regula fundamentalmente dúas modalidades: a apartación e o pacto de mellora.

A apartación consiste na adxudicación de bens concretos a un lexitimario, normalmente un descendente, quen queda separado da futura herdanza respecto dos bens e dereitos pactados. Mediante esta figura, o herdeiro recibe bens en vida e renuncia a futuras reclamacións hereditarias dentro dos límites acordados.

Bens concretos

Pola súa parte, o pacto de mellora permite atribuír bens concretos a favor de descendentes sen excluílos necesariamente do resto de dereitos sucesorios que poidan corresponderlles no futuro. Esta figura utilízase frecuentemente para anticipar a transmisión de determinados bens familiares, puidendo facerse con cargo á lexítima ou a mellora.

Os pactos sucesorios teñen unha especial relevancia práctica en Galicia debido á estrutura do patrimonio familiar, especialmente en relación con inmobles, explotacións agrarias ou negocios familiares.

A regulación galega permite que estas transmisións se realicen en vida do titular, facilitando a organización patrimonial e a continuidade de determinados bens dentro do ámbito familiar.

Ademais dos seus efectos civís e sucesorios, os pactos sucesorios presentan tamén unha importante dimensión fiscal. Precisamente por iso, a súa utilización aumentou de forma significativa nos últimos anos, especialmente en operacións de planificación patrimonial e transmisión de bens inmobles dentro do ámbito familiar.

Estas figuras non só permiten anticipar a organización da herdanza, senón que ademáis poden producir consecuencias tributarias distintas das derivadas dunha doazón ordinaria ou dunha sucesión hereditaria tradicional. O seu tratamento fiscal afecta tanto ao Imposto sobre Sucesións e Doazóns como, en determinados supostos, ao Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas.

Outra das particularidades do sistema galego é que estes pactos producen efectos sucesorios específicos distintos dos previstos para as doazóns ordinarias.

O peso dos pactos sucesorios

A transcendencia tributaria dos pactos sucesorios xerou unha notable actividade interpretativa e xurisprudencial e Galicia, especialmente en relación coas ganancias patrimoniais derivadas de posteriores transmisións dos bens recibidos mediante apartación ou mellora.

Na práctica, moitas operacións de transmisión patrimonial realizadas en Galicia combinan unha finalidade sucesoria e organizativa cunha planificación fiscal vinculada ás particularidades recoñecidas pola normativa civil galega e á súa interacción coa lexislación tributaria estatal. Por este motivo, os pactos sucesorios convertéronse nunha das institucións máis relevantes do Dereito Civil galego non só desde a perspectiva hereditaria, senón tamén desde o punto de vista económico e fiscal.

Outra das particularidades do sistema galego é que estes pactos producen efectos sucesorios específicos distintos dos previstos para as doazóns ordinarias. O seu tratamento xurídico deriva directamente da normativa sucesoria propia de Galicia e non do réxime xeral de transmisións inter vivos do Código Civil estatal. A utilización de pactos sucesorios incrementouse notablemente durante os últimos anos, especialmente en operacións relacionadas con vivendas familiares, inmobles urbanos e transmisións patrimoniais entre pais e fillos, seguramente polas dificultades actuais de acceso á vivenda.

Así con todo, o Dereito Civil de Galicia constitúe un réxime xurídico especializado que mantén figuras históricas adaptadas á realidade actual e con aplicación práctica en ámbitos especialmente relevantes como as herdanzas, a organización familiar ou a propiedade rural.

Contenido patrocinado

stats