Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Un fontanero en la comunidad
Gonzalo Pérez Jácome rexe o Concello a golpe de constante polémica. Namentres, PP, PSdeG e BNG opoñen contemporización, xesticulacións e queixas sen artellar alternativas concretas. Á cidade fáltalle vontade para identificar os problemas reais da veciñanza, primeiro, e despois ideas para atallalos con eficacia. Cadansúa franquicia partisana actúa por separado, atenta á batalla polos titulares, sen asumir que gobernar implica propoñer, imaxinar e ensaiar solucións acaídas. Faltan “emprendedores da política”, o perfil que o politólogo John Kingdon introduciu en Agendas, Alternatives, and Public Policies, como alguén capaz de recoñecer o momento en que conflúen un problema, unha solución dispoñible e a vontade de goberno, ao que o autor chama “ventá de oportunidade”. En Ourense ese acoplamento nunca chega porque ninguén o busca.
As políticas disruptivas son as que redeseñan con certa intelixencia mecanismos xa existentes, sen esixir grandes orzamentos. O concepto, que provén da innovación empresarial de Clayton Christensen, describe solucións sinxelas que chegan a quen o sistema deixaba fóra por custo ou complexidade. Aplicadas localmente, irían dunha bolsa de vivenda baleira que active para alugueiro pisos pechados, até unha moeda dixital que incentive o gasto no comercio local. Unha enquisa de valores sociais en Barcelona, con serie dende 1998, acaba de detectar un xiro cara ao individualismo e á desconfianza. É o reverso da virtualidade das redes e do scroll infinito que nos illa en Ourense, non só entre veciños de rúa senón entre barrios e núcleos. Contra iso, unha suxestión pode pasar por un banco de horas cívico susceptible de transformar tempo veciñal en confianza mutua.
En decembro de 2021, por orde directa da Alcaldía, chegaban á súa fin os 111 anos da Universidade Popular de Ourense (UPO). Unha institución que impartía ducias de cursos en distintos espazos da cidade, vencellada desde 1910 a intelectuais como Vicente Risco e Otero Pedrayo. Profesorado e alumnado remataron na rúa, sen previo aviso, en pleno decembro. Algo máis de 3.000 ourensáns aproveitaban cada ano esta oferta formativa, con cotas simbólicas accesibles a quen menos ten. O peche non foi soamente un recorte orzamentario, senón unha declaración de intencións sobre o lugar que a cultura e a instrución ocuparían no mandato de Pérez Jácome. Foi a supresión de lugares de encontro entre xeracións, cuxas relacións continuaban fóra das clases. Ese baleiro segue aberto anos despois, inzado por pantallas que afondan a fractura humana que outras cidades miden.
A máxima marxiana “de cada quen segundo as súas capacidades -incluídas as de tempo- a cada quen segundo as súas necesidades” condensa o espírito dunha iniciativa disruptiva coma un banco de horas cívico. Un total modulable de tempo de servizo comunitario, rexistrado dixitalmente, bonificaría a taxa do lixo, IBI, imposto de circulación, abono do Pavillón dos Remedios ou entradas para o Auditorio. As tarefas irían do mantemento de parques ao acompañamento de maiores en citas médicas, titorías en calquera materia, obradoiros de oficios entre veciños ou alfabetización dixital fronte á burocracia. A idea provén do xurista Edgar Cahn, que desde 1980 desenvolveu o time banking, hoxe activo en máis de cen localidades. O relevante non é o aforro, senón que substitúe horas de pantalla por interacción real, recuperando o contacto que a UPO ofrecía entre alumnos, non simulado nunha rede social.
Aprender doutras experiencias, identificar con precisión eivas propias e avaliar solucións probadas resulta máis eficaz que idear respostas desde cero. Bolonia aprobou en 2014 un regulamento de colaboración cidadá impulsado polos xuristas Christian Iaione e Sheila Foster, que permite a veciños e municipalidade xestionar parques, prazas e edificios públicos mediante pactos de cooperación, dos cales máis de noventa seguen vixentes. Alí o obxectivo non pasaba por rebaixar impostos, apuntaba a organizar o coidado compartido dos bens comúns, un problema distinto ao noso pero coa mesma lección. Imitar e adaptar na casa o que xa funciona non é falta de orixinalidade. É método de goberno. Ningún exemplo requiriu investimentos extraordinarios. Esixiron vontade política e disposición a mirar máis alá do que en Ourense os nosos políticos nunca souberon levarnos.
Hai lustros que asistimos á xestión do noso declive coma destino inevitable, agardando en todo momento por un rescate que virá de fóra, en vez de exercer o poder real xa ao noso alcance. O banco de horas cívico non arranxa por si só o desleixo institucional e marasmo acumulado, pero demostra que existen ferramentas contrastadas en urbes similares capaces de comezar a revertelo. A Facultade de Educación e Traballo Social vén de amosar que esta lóxica pode funcionar, cun programa que conecta profesorado universitario xubilado con profesionais en activo e alumnado para transferir coñecemento entre xeracións. Recuperar o trato veciñal, con menos soidade, máis apoio mutuo e un maior sentido de pertenza, xustificaría de por si a medida, mesmo sen ningún incentivo detrás. Tan só faltan auténticos emprendedores da política ao rescate de Ourense.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
REPRESENTANTES DEL PP
“Non queremos caer no olvido”, claman los vecinos da comarca de Viana tras as riadas
TORNEO INTERNACIONAL
Vuelve a Ourense el mejor tenis femenino