Hamaca

O anxo Atheán

Publicado: 31 may 2025 - 03:20

Hamaca.
Hamaca.

Baixou canso e malhumorado. Non contaba con il. Bateu as ás de vagar e con parsimonia, noteille que viña abafado pola calor. “Este sol acaba comigo, en días tan claros coma hoxe boto en falta a sombra das nubes. Mira como me puxen de abermellado. Queimeime de máis. Nin te imaxinas o que pesan estas ás; son seis pares...” Eu apenas apuntei un medio sorriso, Atheán contraatacou de contado: “Busca por aí a ver se tes unha crema de máxima protección facial. Os anxos somos branquísimos, debémonos protexer dos raios UVA e UVB. Bule, déixate de monadas.”

O fundador da dinastía gobernante, Manco Capac, foi o primeiro en ter un dobre espiritoal. Unha sorte de irmau incorpóreo que actuaba como un anxo da garda.

Mentres procuraba o remedio requerido, lembrei que tiña unha loción de textura lene, nada aceitosa, antioxidante, carísima, por certo. Cando voltei co produto na mau, atopei a Atheán deitado na hamaca de algodón que mercara en Salvador de Bahía e que teño pendurada no patio da casa. Durmía profunda e pracidamente. As ás, pousadas ó seu arredor no chau, brindaba unha imaxe de paz celestial. Non se movía unha folla, O ambiente era de calmo e maino.

A historia das hamacas, tamén chamadas chinchorros -as dos navíos denomínanse coi que seica vén do neerlandés, kooi, cama a bordo-, remóntase ó descobrimento de América. Os tainos de Centroamérica durmían nelas, algo chocante para os colonizadores. Estas cómodas camas arrandeadoiras -ó ar libre ou dentro da vivenda- consisten nun anaco rectángular de tea tupida que se ergue a catro ou cinco cuartas do chau, aseguradas a dúas árbores polos extremos. Os materiais do tecido son o henequén, a cabuia e o algodón, tinguidos con tintes vexetais e anilinas. O deseño das mesmas sorprende pola súa creatividade. Desde o Caribe deberon pasar á península de Iucatán. Na Arxentina e no Uruguai reciben o nome de hamaca paraguaia. En Colombia, este artefacto chegou á alta consideración de símbolo cultural. O chinchorro está elaborado a partir de tres técnicas; tear vertical, anoado e macramé.

Cando Atheán acordou, despoixa dunha sesta de hora e pico, embarroutou o seu rostro, con delicada minucia, de protector. Pouco e pouco, de vagar, foi recuperando a brancura anxelical. Non así o seu carácter vivaz e curioso. Coñezo de sobra eses modos introspectivos e melancólicos do anxo. Ende ben, quitei adrede, na posterior conversa, a simboloxía do falcón no imperio incaico. O fundador da dinastía gobernante, Manco Capac, foi o primeiro en ter un dobre espiritoal. Unha sorte de irmau incorpóreo que actuaba como un anxo da garda. Representábano, segundo os crónistas da época, coa figura dun falcón. Por iso, nas hamacas dos pobos incas aparece a miúdo a estampa do cernícalo. O estraño é que recibise tamén o nome de Inti, o deus sol.

“Resulta evidente, obvio como repetides os riopratenses”, apuntou Atheán, “ que todas as aves rapaces, son tipos simbólicos solares, uránicos, machos e diurnos. Todas ascensionais, no sentido físico, intelectual e moral. Por exemplo, cando os exipcios pintan ou gravan un falcón, queren representar a un deus das alturas, un ser superior da victoria e da humillación do inimigo.”

Lembrei eu esta figura mitolóxica na idade media, seres intransixentes, duros, inflexibles, firmes, teimudos.. O falcón que mata e descuartiza a lebre. Estas son, como sabemos, símbolos da lascividade. Polo tanto, resultaría o triunfo do sol, a luz sobre a concupiscencia. Chegados a este punto, o anxo torceu o bico, virou a cabeza cara á esquerda e permaneceu mudo e impasible un bo anaco, preto de dez minutos.

Entendín, perfectamente, que daba a leria por rematada. Mais como son incapaz de compartir esas actitudes de Atheán, volvín á carga co asunto do comezo. Descansaches ben na miña hamaca brasileira, tiveches un lindo soño? A súa resposta foi terrible: “ O que me valeu foi a crema facial. Quédoche moi agradecido. Un anxo que chega ó ceo con manchas escuras na súa face, que debe ser impoluta, levanta grandes sospeitas”.

Contenido patrocinado

stats