A invasión en Ceuta

A TRIRITA

Publicado: 17 ago 2026 - 00:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Hai anos que non me refiro a Arthur Schnitzler, moitos; pero agora que xa acadei isa idade na que se nos perdoa e consinte caseque todo (ignoro se con total ou se só con certa e prudente amabilidade) regreso á lectura dos seus textos e atópome con este paragrafiño que me vou permitir reproducirlles: “Por que a benevolencia dos nosos conxéneres adoito se nos figura estupidez e a propia nosa bondade? E por que a bondade allea antóllasenos debilidade e a nosa un signo da nobreza da nosa alma?”

Esta miña recorrencia a un autor como Schnitzler posiblemente (digo posiblemente, tan so posiblemente, e xa verán o motivo) sexa consecuencia da relectura post partum do meu artigo de hai hoxe unha semana. Ó facelo, ó volver lelo, ofrecéuseme críptico en exceso; por non dicir confuso e mal escrito. Desculpe o amable lector que así saíra. Pero vaiamos ó que pretendía ir.

Ó pouco de reler o artigo e facer consideracións tais coma as que se deducen da relectura do autor vienés, chegoume a valoración dun meu vello e benquerido amigo do bacharelato; con ela deixaba anulada a miña e recente e quedaba en evidencia o escrito por Herr Arthur, pois o artigo resultoulle aceptable, mentres que o dito polo austríaco xa non se sostiña como eu pensaba. A benevolencia do meu compañeiro non se me ofreceu estúpida mentres que a miña malevolencia podería estar frisando no que non será preciso que reseñe. A risco de poder ser de novo críptico vouno deixar eiquí, déanlle voltas vostedes se non teñen cousa millor na que enredar.

Se o recordo, o artigo viña a conto do sucedido en Ceuta naqueles aínda nada lonxanos días. E tiña erros; por exemplo, eu daba a cifra de medio cento de miles de marroquís, malia que xa se citara a de setenta e dous mil deles. Era deliberado, pero non era oportuno. Durante anos, cando eu escribía un artigo cotiá os lectores podían expresar de contado o seu parecer de xeito que había un (pra min) nutritivo coloquio acerca dos meus erros e confusións. Xa non é así. Mesmo nesoutro recurso do Facebook non é doado que xurda o coloquio polas dificultades de acceso, as plúmbeas interrupcións publicitarias e as complicacións nacidas dos requirimentos de toda índole que o sistema nos ofrece.

Lévolles dadas algunhas voltas ás consideracións de Schnitzler e as valoracións do meu amigo e de paso ás miñas propias. Se mo permiten, vou gardar unhas e outras pra millor ocasión. Déanlles vostedes outras voltiñas, por se acaso. É indubidable que as cousas levan cambiado, pero tamén é certo que eu levo feito o mesmo e que o mesmo sucede coa miña capacidade de expresión. Non sempre acerto co que pretendo ou quero dicir pois non sempre a pretensión cadra coa certeza buscada a través da escrita. Todo é tan confuso, todo tan subliminal e incerto, que adoptar un punto de vista ecuánime ofrécese complicado cando non difícil ou imposible.

Sempre houbo dous principios da política a facer que se nos ofrecían intocables: o primeiro que, a política exterior do Goberno, non debería ser atacada pola oposición fóra das nosas propias lindes, e que tampouco non se debería meter baza na política antiterrorista o que non implicaba, nin pretendía, tragadeiras de rodas de muíño, prá oposición nin barra libre pró goberno, estivese quen estivese nun e noutro lado da política en cada oportunidade. A inexistencia actual dun centro político agrava sobre maneira a capacidade que temos, a maioría de nós, pra centrar as nosas opinións á marxe da estupidez e da bondade suscitadas pola valoración dos feitos que nos sobrecollen.

O sucedido en Ceuta non foi unha romaría; coma pouco, foi unha tentativa perfectamente planeada e levada a cabo sin que nin a oposición, nin o goberno, teñan estado a altura requirida, tampouco o estiveron non poucos comentaristas. Vivimos no país do díxome-díxome, do tumba taramba e do tal que sei eu, e, nin o goberno, nin a oposición, tampouco non poucos dos comentaristas asilados a un lado e outro de ambos, están a axudar na consecución do esforzo, común e necesario, pra afrontar unha invasión en absoluto espontánea de tantos miles de cidadáns marroquís e algúns subsaharianos que sí precisan de asilo e non andan de excursión.

Contenido patrocinado

stats