“José Caride”… no solpor

Publicado: 28 feb 2026 - 02:55
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Facendo memoria das persoas que tiveron un impacto importante na cidade de Ourense, case sempre botamos man de escritores, poetas, músicos, pintores ou escultores. Quizais, apurando o argumento, lembremos algún arquitecto ou algún sacerdote ou bispo católico que destacara pola súa xenerosidade ou loitase polos dereitos dos máis pobres. Porén, poucas veces escrebemos de empresarios de prestixio. Parece ser que nesta microsociedade malenténdese a cultura empresarial, vinculándoa ao afán de gañar diñeiro e nada máis. Noutros países non acontece o mesmo, porque as familias, as escolas e institutos e mesmo o contexto social destaca moito máis a riqueza que xenera nunha empresa, que o diñeiro que gaña o empresario. Deste modo recordei a Cesario González no ano 2015 cunha historia inédita até ese momento, pero hoxe quero falar de José Caride, fillo do carroceiro Pegerto Caride que ademáis de ser empresario desde moi novo, a carón do seu pai, foi quen de extender as súas empresas por varios países en América. E todo isto vén a conto porque o día 28 de febrero de 2020 fai 6 anos que partiu á eternidade. José Caride será sempre un exemplo como cristiano comprometido pois nunca escondeu a súa fe en tempos moi complicados para os protestantes, e durante moitos anos participou como un membro e representante activo, responsable da congregación. Algo menos coñecido na cidade foi a súa implicación en asociacións sen ánimo de lucro nas que participou pola súa capacidade de xestión. Entre elas están multitude de organizacións protestantes que teñen como obxectivo difundir o Evanxeo de Xesuscristo. José Caride non se avergoñaba de ter a Xesús como Salvador e de comunicalo sempre que tiña oportunidade, facendo obra social en España Venezuela e Cuba.

José Caride será sempre un exemplo como cristiano comprometido pois nunca escondeu a súa fe en tempos moi complicados para os protestantes, e durante moitos anos participou como un membro e representante activo, responsable da congregación.

Os seus amigos cóntanme da ilusión con que se enfrentaba a novos retos empresariais. Lembro unha frase que nunha ocasión me dixo na súa casa: “ aínda que fagas un bo estudo do mercado, como empresario sempre tes que botarte á piscina”, facendo referencia aos riscos que sempre existen e que non lle importaba asumir con valentía. Por iso o exemplo deste e doutros empresarios debera ser motivo para que mozos e mozas tomen iniciativas que xeneren riqueza nesta cidade, na nosa terra. Hai claros exemplos na industria agroalimentaria, aceites, téxtil e construcción, pero o número de empresas non medra dabondo como para que os alumnos de Formación Profesional poidan elexir as súas preferencias nun amplo catálogo empresarial. Os modelos empresariais xa non son os mesmos que eran antes, pero detrás da creación de cada empresa, sempre haberá persoas que teñan a iniciativa para loitar e seguir adiante a pesares das dificultades. Como non atender aqueles que destacaron como empresarios na nosa cidade? As súas voces seguen a resoar no mudar dos tempos porque eles tamén viviron esa experiencia con menos recursos, no contexto dunha postguerra chea de miseria e carente de liberdade. Entre esas voces non podo deixar de ouvir os consellos de José Caride, lembrando as horas que traballamos e disfrutamos xuntos, nunha xenerosidade que nunca poderá esmorecer no solpor.

Contenido patrocinado

stats