Karate kid: a lenda segue

¡Buone visioni!

Publicado: 29 ago 2025 - 05:05
Karate Kid
Karate Kid | La Región

Talento galego en Donostia

Galicia estará presente na 73ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A sección ‘Made in Spain’ acollerá a estrea da longametraxe San Simón de Miguel Ángel Delgado, coproducida por Miramemira. O filme relata a historia do campo de concentración que en 1936 o rexime franquista situou na illa galega. Ademais a mesma sección contará coa película Sirat de Oliver Laxe.

A explotación dunha franquicia cinematográfica vai intrínsecamente da man da nostalxia. Como se fora un efecto colateral post pandemia, desde o 2020 multiplicáronse os amarcord biográficos e, sobre todo, houbo unha sobrexplotación salvaxe dos populares éxitos de Hollywood dos anos oitenta. Quizais a pandemia só fora o detonante, e isto só revela unha vez máis a pouca gana de arriscar por parte dos grandes estudos que apostan sempre por beneficios ‘case’ seguros - sobre estas dinámicas empresariais recomendo ver a brillante serie The Studio en Movistar+.

The Karate Kid (1984) foi unha película dirixida polo oscarizado director de Rocky (1976), John G. Avildsen, a partir do guionista e afeccionado karateka Robert Mark Kamen que, para escribir esta película, recurriu as experiencias de bullyng vividas cando era adolescente. Os produtores, que non crían plenamente no relato, lanzaron a película con certa suspicacia e pouca publicidade. Despois de asistir a súa estrea, fronte as reaccións entusiastas do espectadores, decidiron cambiar o rumbo. O filme converteuse pronto nunha franquixia, con dúas películas máis dirixidas polo mesmo director, uns cantos remakes, un spin off, e unha serie, Cobra Kai, que recupera os personaxes da triloxía orixinal sen o Mestre Miyagi – o actor Pat Morita faleceu na ficción e na realidade. Despois de dúas tempadas entretidas, incluso brillantes, tamén Cobra Kai acabou xuntando o efecto nostalxia coa lóxica serial, engadindo outras catro tempadas máis de recheo.

Agora, Karate Kid: Legends, dirixida polo director de series Jonathan Entwistle, cambia de escenario para volver á mesma historia. A nova promesa do kung fu esta vez chámase Li Fong. Tras un cambio de traballo da súa nai, Li vese obrigado a abandonar o seu fogar en Pequín e trasladarse a Nova York. O mozo loita por deixar atrás o seu pasado. Tenta encaixar cos seus novos compañeiros de clase e, a maior, cando un novo amigo necesita a súa axuda, Li preséntase a unha competición de karate, pero as súas habilidades non son suficientes. Así que o seu profesor de kung fu, o Sr. Han - familiar do falecido Sr. Miyagi - pide axuda ao Karate Kid orixinal, Daniel LaRusso…

Probablemente, sen coñecer a saga, Karate Kid: Legends resultaría unha película entretida e correcta. Sen máis.

O fío narrativo desta nova longametraxe é mais do mesmo pero o guión é aínda máis simple que as anteriores, tan básico que parece escrito pola Intelixencia Artificial. A fotografía e a posta en escena son funcionais ao relato, así que non hai sorpresas nin sobresaltos. O nova estrela do karate deste filme, Ben Wang, encaixa ben xunto con Jackie Chan, Ralph Macchio, Joshua Jackson e Sadie Stanley, pero todo é tan previsible que non é suficiente un cambio de escenario e uns interpretes inspirados para revitalizar algo que xa sabemos – despois de múltiples secuelas e unha serie de seis tempadas – como acabará. Probablemente, sen coñecer a saga, Karate Kid: Legends resultaría unha película entretida e correcta. Sen máis.

O efecto nostalxia pode xerar certa seguridade en tempos incertos e facernos revivir sentimentos que tiñamos esquecidos. Doutra forma, revolver sempre ao mesmo, unha e outra vez, sen variacións substanciais, pode acabar convertendo a nostalxia nunha estraña obsesión, nun bucle asfixiante, nun camiño estéril. Menos mal que durante estes últimos anos abandonáronse outros proxectos paralelos á saga como a absurda película que cruza The Karate Kid e Rocky, coa filla de Daniel LaRusso e Rocky Balboa Jr. montando un Dōjō

en Philadelphia. Pero a explotación da nostalxia parece incombustible e seguirá xerando monstros. Dos spin-offs que se están a desenvolver sobre Cobra Kai, creo que tampouco nos libraremos.

Contenido patrocinado

stats