Leccións afgás

Publicado: 28 ago 2021 - 01:44

Unha vez asumida e asinada a perda da guerra por parte de Estados Unidos en setembro de 2020 en Doha, só queda ver como se encara o futuro. A cousa, a recta final, comezou en 2018 cando Pakistán sitúa na capital catarí ao crego e militar Abdul Ghani Baradar, a pedimento de Trump, para consolidar a oficina diplomática do grupo Talibán no Golfo e ter así un interlocutor. Dous anos despois, o enviado dos EEUU, de Trump, o Secretario de Estado, Mike Pompeo, asina un acordo bastante simple: EEUU comprometíase a deixar paso libre aos talibáns a cambio de que non volvesen ser santuario para ataques aos seus cidadáns e intereses. Desde aquel momento o retroceso do réxime converteuse en implosión, pois soldados e a maioría dos políticos vían suicida continuar a loita sen o apoio norteamericano.

E por unha cuestión de real politica hai que tratar de aprender e, en paralelo, tratar de mover as fichas no taboleiro para que as cousas evolucionen da maneira menos mala posible. Por exemplo creo que deben volver os diplomáticos occidentais canto antes, para xogar no terreo do alí posible en favor do fundamental dos valores occidentais e non deixar o terreo libre a Rusia, China, Arabia Saudí e Irán. Sempre debe haber un oco pois o mundo non é o de 2011, e debemos asumir que o que nos levou a nós en occidente máis de 200 anos, non o podemos pretender que o fagan eles en 15 días. Un exemplo, o importante é que as nenas sigan tendo clases, aínda que sexan separadas. Así estudamos aquí ata hai poucas décadas, e non é o mesmo, desde logo, que non poder estudar.

Se a política de pau por parte de rusos e americanos está radicalmente esgotada -ninguén está disposto a máis guerra- ten occidente a obriga de intentar outros camiños por ríspetos que sexan, pois non é acorde cos valores que predicamos, escapar, facilitar a fuxida dunha insignificante minoría e desentenderse dos máis. Que teñen que ver estes talibán cos que dinamitaron os Budas de Bamiyán? Moitísimo obviamente. Pero se cadra, e dado que a guerra se perdeu, hai que intentalo todo. Para empezar a personalidade de Baradar pode ser clave. A paz é menos difícil con inimigos militares -como el- ca políticos. Lembremos o caso centenario -en xullo pasado- do pacto asinado entre Michael Collins -xefe do aparato militar do IRA- e a coroa británica que posibilitou o nacemento da república de Irlanda e a partición da illa a pesar da guerra civil posterior; ou as paces de Israel con Sadat e con Arafat.

Ademais, a dirixencia talibá desde a súa Oficina Política en Doha leva pisado moita moqueta nos últimos anos, tanta, que poida que algúns teñan aprendido que arestora poden gañar máis nos despachos que nese territorio árido e duro que lles cadrou en sorte.

As conversacións cara a cara de Pompeo co máximo responsable das forzas inimigas, Baradar, e o patrocinio qatarí, poden contribuír a chanzar camiños. Supoño que a especial relación que manteñen os norteamericano con Qatar -seis universidades súas teñen campus en Doha, por exemplo- poden chegar a facilitar a influencia sobre os talibáns do pragmatismo deste islamismo rigoroso pero integrado en occidente. Qatar, actual residencia de Juan Carlos I, patrocina, ao igual que a Oficina Política Talibá no seu territorio, o Paris San Germain, o Boca Juniors, a FIFA e organizará o mundial de fútbol en 2022. Supoño que esta mediación qatarí achanzou tamén o camiño da relación entre talibáns e as outrora autoridades inimigas de Irán.

En fin, se cadra convén deixarse de maximalismos e tratar de, superando o noxo, facer o posible en calquera circunstancia buscando a cooperación de aliados comúns como os qatarís. Aínda que sexa pouco, hai que intentar todo, descartada a vía militar.

Contenido patrocinado

stats