Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
O tempo transcorrido entre o mes de marzo do 2016 e marzo de 2017 é, sen dúbida, o ano máis difícil para o socialismo galego dende que se instaurou a democracia. Logo da dimisión do secretario xeral, por unha causa absolutamente persoal, a executiva federal do PSOE, con Pedro Sánchez á cabeza, nomeou unha xestora, que aínda hoxe segue presidindo o socialismo galego e ten unha gran responsabilidade neste longo e doente cabodano.
Un ano sen convocar aos órganos máximos do PSdeG. Sobre todo, o Comité Nacional Galego, composto por preto de 400 militantes elixidos en todo o territorio galego, máximo órgano de dirección entre congresos. Un ano no que se celebraron eleccións en Galicia e dúas veces en España, sen que se reunise a Comisión Nacional de Listas nin a Comisión Nacional de Garantías. Un ano, en definitiva, no que os resultados electorais, tanto a nivel nacional como en Galicia, bateron records negativos, pasando a ser a terceira forza política no Parlamento galego.
Por se a situación non fose o suficientemente grave, creáronse xestoras nas provincias de Lugo e A Coruña, incrementando o desconcerto.
Con este panorama é difícil crer que o Partido Socialista de Galicia siga inmerso nunha situación catatónica, vendo como medran os nosos problemas e incapaces de acadar ningunha solución. Polo contrario, seguen os mesmos tacticismos locais, provinciais e galegos, pensando máis na vida interna que en volver a ser un partido útil para Galicia.
Mentres outras organizacións políticas están traballando na estratexia das próximas eleccións municipais, o socialismo galego segue afondando na sangría interna e aumentando as liñas de fractura na súa organización. Entre outras causas, seguimos tendo unha xestora que representa a unha executiva federal que cesou hai catro meses, xerando un partido fragmentado en plataformas de apoio a favor… e contra…, que substituíu os seus órganos de debate polos comentarios nas redes sociais, case sempre insultando e descualificando ao seu adversario político.
Que máis ten que pasar para que todos e todas neste partido poñamos punto final a esta situación?
O que está en xogo non é quen gañe o próximo congreso federal, autonómico ou provincial; está en xogo a supervivencia do propio partido e sobre todo a recuperación da confianza da cidadanía.
Existe un risco real de fractura grave e irreversible que debemos conxurar entre todos, con xenerosidade, con cesións, poñendo o interese xeral por riba dos intereses individuais e locais.
Todos temos a obriga de traballar e facer achegas para que o PSdeG volva ao lugar que tivo sempre na política galega, coa ilusión de chegar a gobernar e transformar este país.
Non son tempos de tácticas persoais, de ocupar espazos para gardar a cadeira e de cálculos de curto recorrido. Son tempos difíciles nos que a única saída é o diálogo, a aposta a longo prazo por recuperar a ilusión nun proxecto compartido por todos os galegos, dende a esencia do espírito socialista e dende os valores que nos moven a militar neste partido.
Un ano despois, todos e cada un de nós temos que considerarnos responsables desta situación, individual e colectivamente, e poñer en marcha as canles para rematar esta situación tan grave.
Non chega con formulismos orgánicos; fan falla todos e todas, porque é posible reverter esta situación. É o momento de coincidir e non de competir, pois neste ano quedou claro que por este camiño non se vai a ningures.
Xuntemos a forza do partido: centos de concelleiros e concelleiras, alcaldes e alcaldesas, deputados e deputadas, integrantes das executivas e militantes. Recuperemos os órganos galegos: o Comité Nacional. Convoquemos reunións para apoiarnos, non para insultarnos. Este é o camiño que temos que percorrer para volver a sentirnos orgullosos do PSdeG, e para volver a ser útiles a Galicia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Xabier R. Blanco
CLAVE GALICIA
Portero de noche
Carlos Risco
LA CIUDAD QUE TODAVÍA ESTÁ
El empedrado medieval de la ciudad vieja
Chicho Outeiriño
DEAMBULANDO
Los más de mil apodos de Benchosey… y los nuestros
Ramón Pastrana
LA PUNTILLA
Nicolás
Lo último