Berto Manso
LA OPINIÓN
Es capaz de discutirlo todo
A TRIRITA
En Galicia houbo dous colexios menores: a saber, un en Lugo, o Eijo Garay, e outro en Ourense, o Calvo Sotelo. Eran do Frente de Juventudes e estaban feitos a imaxe e semellanza dos colexios maiores universitarios, pra ser ocupados por alumnos do ensino medio que asistían ás aulas nos institutos. A intención que os propiciou era a de crear elites políticas pró futuro. O conseguiron. De ambos xurdiron lideres políticos, si, pero non so de dereitas, tamén de esquerdas como non se esperaba. Noutras oportunidades xa se coñeceron nomes e apelidos xurdidos deses dous centros.
Isto de andar dun lado pra outro como andei eu, dende o berce deica o día da data, ten as súas vantaxes; en consecuencia, tamén as súas desvantaxes. Cursei o bacharelato interno no de Ourense, o sexto ano curseino en Pontevedra. Agora leo con certa frecuencia, malia que participe pouco neles, uns chats de antigos compañeiros de estudos. O de Ourense está composto por alumnos do Instituto do Posío, hoxe de Otero Pedrayo, pero os máis fomos compañeiros de internado; é dicir, que logo de catro ou cinco anos constitúen parte fundamental de algo que se asemella moito a unha familia, uns de esquerda, de dereita outros. O de Pontevedra é outra cousa, non os recordo a todos eles e, loxicamente, aínda participo menos no que non sei se chamar chateo.
O de Ourense estalles moi ideoloxizado, dun lado e doutro. O de Pontevedra, composto por ex alumnos do Colexio da Inmaculada, non o está. Mesmo o seu titulo é “avisos e felicitacións”. Porén levamos unha boa tempada no que un dos nosos compañeiros (grazas Fariñas) nos vai ofrecendo fotografías de como era a cidade daquela que nós eramos nenos; logo mozos, hoxe xa octoxenarios todos; xa saben que recordar é vivir.
Hai que amar os intentos de ecuanimidade e rexeitar a compracencia insolidaria cos sentimentos alleos
Todo isto venlles a conto de que hoxe vou comezar a ler os tres tomos que merquei de mañá cedo na miña librería de cabeceira, a Bandini. Trátase dos “Diarios da Segunda Guerra Mundial” escritos por Manuel Chaves Nogales. Chaves foi un home ecuánime, moi ecuánime, como tantos outros que viviron o exilio ou se quedaron en España padecendo todas as limitacións que, por repetidas, por inutilmente repetidas, afectaron e aínda afectan ó conxunto da sociedade española. Chaves morreu en Londres no 1944 ós corenta e sete anos. Foi a súa unha mente lúcida, quen de ollar o que sucedía dun lado e doutro, pois a condición humana sempre é a mesma e os mesmos son os erros e os acertos. De Chaves Nogales levo lido todo canto atinxe a España e, dígamoslle así, á súa circunstancia. Foi ver os tres tomos e collelos ó voo. Só me decatei de que atinxen á Segunda Guerra Mundial no momento de pagalos. Merqueinos igual. Esa Segunda Gran Guerra comezou en España.
Hai que amar os intentos de ecuanimidade e rexeitar a compracencia insolidaria cos sentimentos alleos. Hai que defender sempre os dereitos a que uns, pero tamén outros, veneren a memoria dos seus mortos. Hai que lamentar que, malia o tempo transcorrido, aínda haxa enterramentos nas cunetas e saber que non é abondo con gañar a guerra senón que tamén hai que gañar a paz e, aínda ó dia de hoxe, esa paz non se pode dicir que estea gañada. Se o estivese ninguén argumentaría criticamente que, logo de oitenta anos, se siga reclamando a memoria deses mortos, clamando por uns enterramentos dignos pró seus restos. Xente que o faga séguea habendo dun bando e doutro, mentres o número de foxas comúns segue deparándonos o segundo lugar do mundo logo de Camboia, a dos xemeres roxos.
En Galicia non houbo fronte bélico, só houbo represión e aplicación da chamada lei de fugas. En Ourense o eufemismo utilizado era o de cualificar os paseos como “levar ós presos ás claudias”. Claudiar é abatir. Xa claudiados, deixaron os seus corpos tirados nas cunetas. Tanto dereito teñen uns a lembrar ós seus mortos como teñen outros a facer o mesmo. So eran bos cidadáns uns, crentes nesto ou naquelo? Non consideralo así, nin ter procedido en consecuencia, explica a deriva política actual, a sociedade fracturada que novamente temos. Que difícil é gañar a paz! E que doado manter o estado mental de guerra.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Berto Manso
LA OPINIÓN
Es capaz de discutirlo todo
Pilar Falcón
DÍAS Y COPLAS
Se buscan Daoiz y Velarde
Pilar Cernuda
CRÓNICA PERSONAL
Ignorante o mentiroso
Eduardo Medrano
TAL DÍA COMO HOY
Acuerdo Schengen
Lo último
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que Jácome ya se da por ganador en 2027?
REHABILITACIÓN DE 13 TRAVESÍAS
Bispo Lourenzo se une a las zonas de arreglo de la Xunta