Obxectivo: mercar o voto

DENDE SEIXO-ALBO

Publicado: 23 sep 2026 - 03:10
La Región

Eu, como tantos galegos, sei que o voto no exterior, nalgúns casos, acadouse dando 50 euros por sufraxio. Iso fíxose hai anos coa xente da emigración alá na Arxentina. Tamén escoitamos nos primeiros tempos da democracia falar da carretaxe de votantes no rural, ós que se lle daba o sobre coa papeleta que tiñan que meter na urna. Tamén podería contar de como se controlaba en moitas mesas o voto nesas zonas. Con todo, nunca soubemos que nesta terra lle deran cartos a ninguén por emitir o sufraxio.

Pasados os anos, admitindo todas esas pequenas anomalías, moitos decatámonos de que o voto con carretaxe ou sen ela nesta terra é libre e ten unha forte implantación a prol dos conservadores. Tamén lembro cando en todo o Estado mirábase cara os EEUU con certa admiración, pois seica era o país a copiar da democracia. Era o modelo a seguir. Mais, como no mundo non hai nada que sexa eterno e perenne, hai culturas e países que eran admirados e que, co paso do tempo perderon prestixio, e comezan a seren cuestionados como lugares democráticos.

Pois ben, hai case catro anos, nesta cidade sen mar, o alcalde de Ourense, ese provocador e un tanto groseiro que pensa que os plenos fanse nun bar de mala morte onde se berra e se insulta, sacou, co voto dos demais grupos, unha axuda económica para os comerciantes locais. Mais a axuda rematou sendo un gancho electoral para o Sr. Jácome. Salvando as distancias, que son moitas, agora o ególatra, narcisista e belicoso Trump anuncia que lle dará a todos os americanos 5.000 dólares como pago da súa fidelidade ou, se o prefiren, para que o voten. Despois xa veremos se ten cartos para darllos a tanta xente.

Ourense, se ten a sorte de cambiar de alcalde, se os ourensáns se decatan e ven o que se agocha tras destes persoeiros, tomará conciencia e mudarán as cousas

A verdade é que a democracia americana estase a parecer a dunha república das chamadas bananeiras. Ou sexa: neses lugares do mundo onde os votos mércanse con cartos. Poderoso cabaleiro é don diñeiro. Mais líbrenos Deus de caer nas mans dun presidente coma o actual americano. Con todo, achegándome ós asuntos do noso concello, e despois de ver a quen ocupa a cadeira municipal ameazando, ríndose, chamando ó orde os compoñentes da corporación; velo entrando en descualificacións persoais e expulsando, para non escoitar as críticas, o concelleiro do BNG, o sr. Seara, lembrei as similitudes con Trump na súa maneira de actuar e de exercer o poder. Tamén lembro cando dixo que el era un pequeno Trump.

Ben sei que a distancia é abismal. Mais tamén sei que esta cidade está a atravesar un momento escuro de degradación da vida local. Anos que pasarán como un tempo negro na historia desta Auria. Adxudicar obras sen ter partida orzamentaria e logo pedirlle ós demais que apoien unha modificación de creto para pagalas é, cando menos, unha coacción sen máis miramentos. Desprestixiar á prensa e os funcionarios porque non interpretan como ti quixeras as cuestións que lle chegan e das que teñen que informar, ten certo paralelismo co que fai o americano que hoxe manda na Casa Branca.

Ourense, se ten a sorte de cambiar de alcalde, se os ourensáns se decatan e ven o que se agocha tras destes persoeiros, tomará conciencia e mudarán as cousas. Aínda que tardarase tempo en endereitar e repoñer o prestixio dunha institución, ademais de pagar as débedas que queden no caixón agochadas. E veremos, dentro duns meses, cando falte algún tempo para volver votar, se Jácome non propón facer un agasallo para que o voten os ourensáns de novo. Todo é posible. Andemos atentos, que todo pode acontecer. Manterse no poder segue a ser o obxectivo de moitos que viven moi ben a conta das arcas municipais. E o actual é un caso evidente.

Contenido patrocinado

stats