Un ourensán en Ormuz

Publicado: 07 mar 2026 - 01:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A verdade é que o da guerra de moda estes días causou a miña sorpresa por un par de cousas. Non porque me estrañase que Israel se revolvese de forma implacable contra a dirixencia dun país grande e poderoso que teima en falar sempre que pode da eliminación de Israel da face da terra e que ansiaba ter a bomba nuclear para borrar, de inmediato, ao país da vella Golda Meir. E que os israelís -e iso aprendino alí, entre eles- saben que cando alguén fala de eliminalos, hai que tomalos en serio. A maioría creron que esaxeraban con Hitler os que emigraran a EEUU a inicios dos trinta, como Einstein, ata que enfornou aos seis millóns aos que lle puido botar man. E as frases de Alí Jamenei sobre eles desacougábanos: “Cáncro malingo, tumor mortal que debe ser extirpado e erradicado”. “A destrución de Israel non é un soño, é unha certeza matemática e está cada día máis preto”. “Se decidimos ter armas nucleares, non hai poder no mundo que nos poida parar”. “Armamos a calquera grupo que loite contra Israel”. E, ultimamente: “Os nosos inimigos deben saber que a nosa paciencia ten límites e que as nosas armas estratéxicas están listas para o día do axuste de contas”. Moitas veces é prudente calar, pois pola boca morre o peixe. E sorprendeume que Jamenei tivese 86 anos; debía estar retirado, os gobernantes moi vellos son un perigo. Hai que deixar paso a xente que teña máis futuro que pasado. Miren ata onde chegou, que vaticinou a desaparición de Israel en menos de 25 anos e puxo un contador en 2015 nunha céntrica praza de Teherán do tempo que lle quedaba ao país dos xudeus. Xa non existe... o contador. Pero ese non é o tema de hoxe. Imos co lugar máis caloroso e inhóspito do mundo: Ormuz.

O primeiro, chamoume á atención que na maioría das linguas latinas -agás o italiano- escribamos Ormuz, mentres que no resto (inglés, alemán, e todas as demais que usa alfabeto latino) escriban Hormuz. A razón seica está en que é un topónimo discutido; uns din que vén dun deus da teogonía zoroástrica (Ahura-Mazda) e outros dunha palabra grega. De aí o do hache non hache. A min, o certo é que tanto me ten.

E sorprendeume que Jamenei tivese 86 anos; debía estar retirado, os gobernantes moi vellos son un perigo. Hai que deixar paso a xente que teña máis futuro que pasado

E hai unha historia moi curiosa dun ourensán naquelas terras nos inicios dos seus vínculos con Occidente. Poñámonos en situación. O macedao Xoán de Novoa labrouse un futuro en Lisboa. Dirixiu a terceira expedición lusa á India en 1501-1502, na que trouxo o seu barco Flor de la Mar, fretado por mercadores florentinos, ateigado de especias e tesouros, sen historias de conquistas nin farrapo de gaitas: facendo tratos. Uns anos despois, 1505, volve a Oriente coa idea de seguir comerciando, nunha grande armada que leva a Fernando de Almeida como vicerrei da India. Chega, comercia e trata de volver a Portugal, pero estrágaselle a nave e ten que invernar preto de Madagascar -na illa que hoxe leva o seu nome-. Alí o topa a armada de Afonso de Alburquerque, que o obriga a ir canda el á conquista de Socotora e Ormuz. E alí estalan as diferenzas. Albuquerque era bicho ruín. Cruel incluso para os estándares da época. Cortáballe orellas e nariz a todos os civís, nenos, mulleres e vellos e a todos os homes decepáballes un pé, para impedir que se arrepuxesen. O terror en vez do comercio. E inda por riba obrigaba aos mariñeiros de Novoa a faceren de obreiros na construción dun forte portugués, Nosa Señora da Vitoria, no norte da illa, a cincuenta graos. O macedao insubordinouse, e fuxiu co seu barco e outros afíns ata a India onde denunciou as tropelías do capitán. Albuquerque, sen xente, tivo que abandonar Ormuz e foi á India, onde foi preso, temporalmente, polo gobernador Fernando de Almeida, protector do ourensán. Alburquerque foi o artífice do control do Índico en tres puntos: Ormuz (portugués entre 1515 e 1622), Goa e o estreito de Malaca. Se trunfase o comercio do ourensán en vez do sadismo de portugués... Se cadra habería menos odios nos corazóns na zona. Vai ti ver.

Contenido patrocinado

stats