Ourensanía

Publicado: 18 nov 2025 - 03:40
Opinión en La Región

En Ourense, ao chegar o mes novembro, temos unha data marcada no calendario: a do noso patrón San Martiño. Festa tradicional e querida, magostos, convivencia, encontros, exposición de San Martiño, que ano tras ano organiza a Sociedade Filatélica, Numismática e Vitolfílica Miño, no “Templo Cultural” que representa o Liceo de Ourense; neste ano para conmemorar o Ano Xubilar da Catedral de Ourense. Como ben di o catálogo da exposición: Viaxaremos pola historia da Catedral, símbolo da Cidade e testemuña da súa fe e cultura ao longo dos séculos.

Pero en Ourense, tamén ao chegar o mes de novembro, concretamente o día once -o santo patrón San Martiño-, dende a primeira edición un once de novembro do 2011, está instituido o premio OURENSANÍA. Celebramos polo alto a OURENSANÍA, ese sentimento de identidade, raíz e pertenza á provincia de Ourense. E por elo a Deputación de Ourense recoñece a aquelas persoas, nacidas en Ourense ou con especial vinculación coa provincia, que teñan destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

Todo ten o seu precedente. Non hai un hoxe sen un onte. Nunha entrevista en “La Región”, o domingo 20 de febrero do 2000 -xa choveu- de Antonio Piñeiro a Luis González Tosar, o titular é: Un remol de Ourensanía, referíndose a Ourense. Xa, ao final da entrevista, a pregunta de Piñeiro foi ¿Con que slogan a definirías? Ao que Tosar responde: Ía dicir que máis que de Ourense me gustaría falar de ourensanismo, pero, non, isto pode chegar a ter consideracións pexorativas de localismo. A mellor forma de definir a Ourense é con ese xeito especial de ser… con esa riqueza de matices…, que se define por Ourensanía.

Un grande acerto dende a primeira edición no 2011, que con toda a razón de ser continúa e seguirá, xa que a “Ourensanía” xorde dun sentimento, que está presente alí onde haxa un de Ourense.

O Proxecto “Ourensanía” co “Manifesto da Ourensanía”, foi presentado no ano 2005 na Casa dos Poetas en Celanova. A partir de aí, con data 7 de xaneiro de 2011, comeza a escenificarse o Proxecto “Ourensanía” co “Manifesto da Ourensanía” de Luis González Tosar. Foron xa galardoados coa “Ourensanía” bastantes ourensáns de pro, dende o xuiz Vázquez Taín no 2012, a Dra. Neira, Miguel Angel, Alejandro Blanco, Victoria Prego… ata este ano 2025 o Dr. Rafael López López. Se todos os distinguidos foron merecentes de tan alta distinción, nesta ocasión o Dr. López asombrou dicindo no seu discurso: “Ser ourensán é ter nos xenes esforzo, esperanza e dignidade. Porque esta terra non é só un lugar no mapa, é una forma de estar no mundo, é unha identidade que nos acompaña alá onde imos”. Un galardón acorde cos valores da “Ourensanía” que pregona o Dr. López, que non esquece as raíces, as orixes e que todo sae do esforzo dos nosos antepasados. Un grande médico, docente, investigador, humanista, que alcanza esas grandes cotas dende a humildade e a constancia.

Un grande acerto dende a primeira edición no 2011, que con toda a razón de ser continúa e seguirá, xa que a “Ourensanía” xorde dun sentimento, que está presente alí onde haxa un de Ourense. Ourensáns, como o Dr. López, con esa forza creadora e vital, pola que dende a ruralidade e a humildade alcanzou ser un referente das ciencias médicas e da investigación, estando nas preferencias dos que comezan o seu andar; de feito lanzou unha mensaxe ao futuro cunha perspectiva ampla, con coraxe, sen complexos, non temer, porque o fracaso forma parte da viaxe”. Pois si, “Rafa”, como acostuman chamarte os máis achegados, esta terra é unha identidade que nos acompaña alá onde imos; é a “Ourensanía”. ¡Parabéns!

Contenido patrocinado

stats