Perder un partido, non a dignidade

Publicado: 26 jul 2026 - 05:25
Lalo Pavón
Lalo Pavón | La Región

Cúmprese unha semana da victoria da selección española sobre a de Arxentina. Dos pormenores do evento dispón vostede de información abondosa dende todos os puntos de vista por se se lle escapara algo do que alí se ventilou en directo. Así, é escusado volver sobre elo. Porén, merece a pena abrir a lente para deterse en asuntos que poderíamos considerar periféricos, mais teñen miolo no conxunto do espectáculo. Segundo algunha das empresas que se dedican á medición de datos, unhos 2.200 millóns de persoas repartidas polo mundo adiante viron o partido, aínda que o inefable Infantino elevou a sua estimación ata os 6.000 millóns. Se falamos de diñeiro, resultaría incontable o movemento económico xerado arredor dunha pelota durante unhas semanas.

Sen despeinarse -non era difícil-, abdicou de tal responsabilidade, decidindo amnistiar pola cara un incívico xogador estadounidense a petición do Tolo do Norte.

Dando por boa a cifra máis modesta, é evidente que quen preside a FIFA -a que organiza o campeonato do mundo- ten unha altísima responsabilidade en que todo saia ben, evitando calquera desvío ou desliz co que poida parecer que alguén sae beneficiado sobre os demais. Pois o tal Infantino, natural dun país que fai bandeira da neutralidade, é presidente dunha entidade obrigada a defender por igual a todos os equipos membros. Pois non. Sen despeinarse -non era difícil-, abdicou de tal responsabilidade, decidindo amnistiar pola cara un incívico xogador estadounidense a petición do Tolo do Norte. (A cambio, pensa o suízo que o tolo -que o é, pero non parvo- o vai empoleirar colocando á fronte da Secretaría Xeral da ONU, nada menos. Ou, se cadra é máis certo que o dos seis mil millóns de espectadores).

O enfrontamento pode librarse coa maior rivalidade, mais despois do pitido final, profesionais curtidos en enfrontamentos de alto nivel nas competicións máis prestixiosas non poden converterse en remedo de matóns de baixos fondos, nin perder a elegancia de respectar o éxito do rival con savoir-faire, a non ser que a mileización que sofre a Arxentina impulsada polo Tolo do Sur

Cinguíndonos á final, na que España foi digna ganadora e Arxentina moi mala perdedora, chama a atención que os membros da triple campiona do torneo -en 1986 coa axuda dun gol marcado por unha milagrosa “man de Deus”-, pero tamén derrotada en outras catro finais, non soubera asumir a derrota no campo de xogo nin na entrega de trofeos. O enfrontamento pode librarse coa maior rivalidade, mais despois do pitido final, profesionais curtidos en enfrontamentos de alto nivel nas competicións máis prestixiosas non poden converterse en remedo de matóns de baixos fondos, nin perder a elegancia de respectar o éxito do rival con savoir-faire, a non ser que a mileización que sofre a Arxentina impulsada polo Tolo do Sur, lles anulara a capacidade de raciocinio tamén ás estrelas do deporte rei. É mellor perder un partido, aínda que se xogue o título mundial, que a dignidade.

Fraco favor para países irmáns que en distintas épocas arrumbaron co aluvión de xente que marchou ou aínda chegan fuxindo de situacións que non crearon pero que padecen, cos seus brazos como único capital.

Contenido patrocinado

stats