Un Pérez Jácome fai un cento

Publicado: 23 jul 2026 - 01:10
La Región

As edís do grupo municipal socialista veñen de estrear “Nós, as Concelleiras”, un podcast descrito nas súas redes como “conversas sen filtros” baseadas na “política de proximidade”. A presentación fala de “mulleres comprometidas coa súa cidade” e “ganas de ilusionarnos con Ourense”, nun rexistro emocional, sen mención a proxecto ou programa. O primeiro episodio, de media hora, chega despois da proclamación oficial de Natalia González que, coa conivencia provincial e nacional do partido, “desalentou” toda opción rival e afogou o debate interno. Inmobilismo nunha formación co seu peor resultado histórico en Ourense -17,3% en 2023- e enquisas recentes xa a sitúan mesmo por baixo dese chan, o que faría esperar autocrítica antes que mercadotecnia baleira. No tramo final do mandato, quen levan varios ciclos optan por presentarse coma descoñecidas.

A elección dunha libraría para a representación tampouco é casual. Evoca cultura, sofisticación e distancia fronte ao resto da clase política local, fincando unha pretendida superioridade que non se xustifica. Dentro dese decorado, superficialidade e improvisación mediante, o rexistro é constante de risas e frases coma “ganas todas, ilusión a raudales”, “non teño medo” e “moi ben, fantástico”, expresións repetidas sen sustentar nada concreto. Cando se agarda máis substancia, chegan vontades xenéricas coma “soñar en grande” ou “política social efectiva”, fórmulas que calquera formación podería subscribir. A propia González chega a confesar que se sinte “bastante aliviada” tras confirmarse o seu liderado, denotando máis unha descarga persoal que unha vocación de goberno. Nada nese ton suxire a situación de emerxencia do Concello.

Cando se preguntan que farían gobernando, o baleiro é aínda máis osteníbel. “O primeiro é saber por onde empezar” responden e, sen querelo, recoñecen que non teñen nin idea. “Zonas verdes con acceso a perretes” é, literalmente, a proposta máis concreta de toda a conversa. O que se agarda dun grupo municipal non é que sirva de correa de transmisión dos Besteiro e Sánchez, senón que ofreza lectura propia dos problemas de Ourense. Só unha das concelleiras, con perfil técnico, albisca por un instante a xestión real cando admite a dificultade de “volver levar todo ao sitio” tras anos de irregularidades administrativas, nunha reflexión que ninguén retoma despois. Preferir o ton relaxado á explicación concreta xa é unha escolla política, e para quen agarda por servizos que funcionen, tal opción pesa moito máis do que semella.

Ourense precisa política e non espectáculo, perfís capaces e non figurantes, equipos á altura dos desafíos e non comparsas

Porén, nada disto é excepcional. Estes días, PP e BNG presentaron os seus “candidatos do cambio”, Ana Méndez e Luís Seara, ambos xa voceiros da oposición actual antes de seren proclamados. Ningún dos perfís é novo, e ningún pode citar un só logro acadado fronte a Pérez Jácome neste mandato, nin en anteriores. Denuncias, xesticulacións, plenos extraordinarios e comparecencias nin danaron ao rexedor nin se traduciron en xestión alternativa real. Este ano, con 17 concelleiros fronte aos dez do goberno municipal, tiveron outra oportunidade para desaloxar ao alcalde sen esperar ás urnas e, por enésima vez, non quixeron poñerse de acordo. Presentar as mesmas caras coma renovación exhibe sen complexos a continuidade e prioridade partidaria sobre o interese da cidade. Sen logros que amosar fronte a quen din combater, Pérez Jácome ten vía libre para a reelección.

Bernard Manin describiu no seu “The Principles of Representative Government” a metamorfose dos sistemas democráticos como tránsito dunha democracia de partidos cara a unha democracia de audiencia, onde a imaxe do candidato ocupa o lugar que debería ocupar o debate sobre o goberno. Pérez Jácome inaugurou ese modelo en Ourense, malia condenas xudiciais e orzamentos en quebra, arroutadas contra funcionarios e sectores veciñais, peito descuberto na neve, entre disfraces de superheroe. Os socialistas ensaian a súa propia versión, libraría, ton distendido, superioridade cultural implícita e comunicación banal, incapaz de diagnosticar o andazo, prognosticar solucións e mobilizar un electorado máis desconfiado. Son rexistros distintos, coa mesma lóxica de fondo: personalizar a política ata que a imaxe da candidata substitúa calquera necesidade de explicar que se fará cando se acade o poder.

Ourense precisa política e non espectáculo, perfís capaces e non figurantes, equipos á altura dos desafíos e non comparsas. O que precisa non é outro post en redes, é recoñecer que arrastra un colapso financeiro e administrativo, comezando por unha auditoría das contas municipais, proxectos paralizados e danos que se poden reverter. Require unha reforma seria do transporte urbano, deseñada cos usuarios e non anunciada de véspera, dinamizar a economía local e unha política de vivenda que mobilice pisos baleiros nun mercado de alugueiro inalcanzable para os soldos locais. E require implicar de verdade á veciñanza, con mesas de barrio permanentes e rendición de contas periódica, non con fotografías simbólicas semanas antes dunhas eleccións. Ningunha destas tarefas cabe nun podcast do clube da comedia. Se Pérez Jácome é o parvo orixinal, quen podendo ofrecer outra cousa opta por imitalo fai un cento.

Contenido patrocinado

stats