Polos arredores da Auria

Publicado: 05 nov 2025 - 04:10
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Vivimos nun tempo onde podemos coñecer moitos países e lugares do mundo a través de diversos medios audiovisuais e tamén polos viaxes que hoxe en día podemos facer. Máis ás veces, por desdén ou e pensamos que non merece a pena, descoñecemos o que temos ó noso arredor. E xa se sabe que, quen descoñece o seu pasado en calquera dimensión non valora nin entende o presente.

Desta maneira cando o tempo o permite tratamos de reforzar os vincallos sociais visitando en grupo zonas deste Ourense e desta nosa terra. Esa é unha labor entre outras dos poucos colectivos culturais existentes nesta cidade. Pois ben, hai uns días un fato importante de membros da Asociación Música e Cultura de Galicia que desenvolve as súas actividades nesta cidade, concretamente no barrio de Mariñamansa, achegáronse nunha andaina á que foi a antiga Vila e Couto de Seixalbo. A intención era saber algo máis da historia deste lugar, catalogado polo Concello como Núcleo Etnográfico a Protexer. Núcleo que ten un pasado un tanto singular. Era domingo e a visita comezou pola refornada, a comenzos do século XX, Igrexa de San Breixo sita no que era o Camiño de Castela que pasaba polo centro da vila. Este templo relixioso mantén, ampliado un arco de estilo mozárabe e unha capela de estilo renacentista, xunto á copia da virxe do século once que se levou para o museo da Catedral de Ourense. Logo, de visitar a sé da Asociación Cultural Agromadas e escoitar unha explicación da historia deste senlleiro lugar, camiñamos por todo o conxunto do casco vello onde as placas que Agromadas xunto coa a Asociación San Breixo puxeron nas fachadas de casas moi concretas. Placas de pedra que lembran feitos e persoas salientables que deixaron pegada neste lugar ourensán.

Desta maneira ollamos a Placa que conmemora os 100 anos do reloxo que pagaron os veciños e que hoxe sigue a darnos as horas; a escultura que sinala o Camiño de Santiago de Alfredo Gutierrez; tamén vimos a que lembra que a maioría dos logros en servizos se acadaron co esforzo colectivo dos veciños, Seguiulle a que lembra ós músicos irmáns Guede Rodriguez que desenrolaron a súa vida artística en Cuba; tamén a que lembra o traballo das persoas que asistían os partos e facían de enfermeiras cando a Seguridade social era incipiente e moi precaria ese foi o caso de Benigna Pérez Amado; na rúa de Amendo a que sinala onde naceu o grupo de danzas Castro Floxo. Tamén Falamos do xuízo dos Foros que durou 20 anos; do pago de 500 moios de viño ó Cabildo da Catedral fronte o edificio da Tenencia onde se recadaba. Logo falamos da integración da vila e Couto no Concello de Ourense no 1839. Tamén de Fernando Freire Carril e do premio que leva o seu nome xunto co de Relevancia Veciñal que Agromadas puxo en marcha dende o ano 2009 o primeiro, e dende o 2024 o segundo. Logo lembramos a dura represión en Seixalbo despois de instaurado o réxime de Franco, e rematamos na estrada perto das obras do AVE tomando unha bica e un café nun lugar moi agarimoso, Alí despedimos ás case 30 persoas participantes que camiñaron cara a capital despois de coñecer algo máis deste núcleo hoxe restaurado seguindo as directrices do PERI. Nin que dicir que foi unha maña de domingo chea de engado, e unha visita moi interesante onde a curiosidade por saber e coñecer lugares do Concello animou unha xornada case primaveral. Dixen ó comenzo que coñecer o que temos ó noso arredor amplía o saber do medio no que vivimos, e permite valorar feitos que eran totalmente descoñecidas para nós. Mágoa que este núcleo medieval non estea incluído nos mapas do Concello nin nas follas de visitas, e moi pouco no Camiño da Prata que o cruza. Polo que non se lle dá a relevancia que lle pertence pois é ó único núcleo do Concello de Ourense que ten unha catalogación de protección. En fin, estou convencido de que moitos ourensás descoñecen moitos lugares e pobos importantes deste noso termo municipal, e iso é unha eiva que debía ser corrixida.

Contenido patrocinado

stats