Promesas, chotis e conciencia negra

Publicado: 21 nov 2026 - 00:40

Oito da tarde, que xa é noite. Faltan dúas horas xustas para o gran debate político e televisivo entre o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo. Pero xa pode faltar o tempo que sexa; este paisano non pensa ver tal debate. Hai moitos anos, moitos, que non teño dúbidas sobre a quen votar. Non necesito que ninguén me convenza.

Aínda que convencer, o que se di convencer, axiña se convence á xente. Somos moi propensos a deixarnos manipular. E se, ademais, lles facemos caso a aqueles que, hai que recoñecelo, ás veces son ben listos, pois mel nas filloas ou ouro sobre azul. Son listos á hora de prometer... o que nunca van cumprir. Ou, das vinte medidas que propoñen, como moito levan adiante unha ou dúas.

Á lingua sabémola manexar moi ben e, despois, xa se sabe: se te vin, non lembro

Lembro, por exemplo, o caso de Baños de Molgas. Desde que chegou a democracia ó noso país, en todas, absolutamente en todas as eleccións municipais celebradas ata o momento -ou, polo menos, ata finais dos anos noventa, que foi cando deixei de vivir alí-, un dos puntos máis destacados dos programas políticos era a creación dunha casa de cultura. Desde 1979, Baños de Molgas debería ter unha. Hoxe, polo que creo saber, a súa pequena e simple biblioteca permanece pechada.

E o mesmo que digo no ámbito municipal podo dicir, e digo, no autonómico e no estatal: as promesas bailan un chotis na pista dunha conciencia negra. Porque á lingua sabémola manexar moi ben e, despois, xa se sabe: se te vin, non lembro.

Oito e media da tarde, que xa é noite. Falta hora e media para o debate político e televisivo. No sentido figurado da expresión... que se maten entre eles! Este paisano vai gozar moito máis vendo unha película que escoitando, unha vez máis, as súas promesas incumpridas.

Contenido patrocinado

stats