Antón Giráldez
TRIBUNA
Territorio emprendedor
A recente lectura dun artigo de opinión nas páxinas deste diario deixoume fondamente preocupado. O seu autor, físico nuclear, invocaba a John Locke para lexitimar a “rebelión” contra gobernos que o propio columnista considera “ilexítimos”. A lixeireza das afirmacións, a distorsión de eminentes referencias filosóficas e as ínfulas de sentar cátedra desde unha hipotética autoridade configuran unha perigosa deriva. Malia as reprobacións do lector de La Región que meu pai é cada vez que tendo a apuntalar argumentos con referencias académicas, vaia por diante que nesta achega farei abuso desta práctica, na medida do posible. O caso esixe rigor e alicerces da teoría e análise política. Non se trata de censurar nin negar o dereito a opinar, senón de alertar sobre como asertos populistas envoltos en pretendido prestixio contribúen á polarización, erosión institucional e preparan o terreo para fendas democráticas.
Locke desenvolveu a teoría da resistencia nun corpus de obras que deben lerse no seu contexto histórico. En Two Treatises of Government, nomeadamente no segundo tratado, establece que o poder político deriva do consentimento dos gobernados e que existe un dereito de oposición contra o despotismo. En A Letter Concerning Toleration defende a separación entre poder civil e relixioso, mentres que en An Essay Concerning Human Understanding formula a epistemoloxía que sustenta o seu pensamento. O británico escribía contra monarquías absolutas do século XVII, sen separación de poderes, sen control xudicial, sen pluralismo. Quentin Skinner demostra en The Foundations of Modern Political Thought que os criterios lockeanos para a lexítima resistencia eran rigorosos e limitaban a aplicabilidade a situacións extremas, pero que inflixir tal pensamento a democracias contemporáneas constitúe un anacronismo que ignora séculos de evolución.
As democracias non resolven problemas de xeito inmediato, pero ofrece un marco inclusivo, transparente, corrixible e resiliente que require respecto. Invocar a Locke para chamar a rupturas institucionais deturpa o seu pensamento e ameaza a estabilidade do sistema.
Calquera ten dereito a formar e expresar opinións sobre calquera asunto, ben que non todas merecen respecto cando carecen de fundamento ou contribúen á desestabilización da convivencia. Advertía Schumpeter en Capitalism, Socialism and Democracy que o cidadán medio precipítase a un nivel inferior de rendemento mental cando aborda cuestións da política. Non se trata de elitismo, senón de recoñecer con humildade os límites do coñecemento de cada un. Ter información sobre vacinas non nos converte en epidemiólogos, nin desfrutar dun partido de fútbol nos transforma en seleccionadores nacionais, como tampouco admirar edificios nos habilita como arquitectos nin padecer estreiteces como economistas. Xamais ousaría escribir arrogantemente sobre fisión nuclear, recoñecendo que non domino a disciplina. Tal sentido común debería aplicarse tamén ao saber político, ben que hai científicos que prefiren exercer de cuñados.
Popper formulou en The Open Society and Its Enemies un paradoxo fundamental: sociedades tolerantes que acepten sen límites aos intolerantes acaban destruíndo as súas propias bases. Opinións que lexitiman a desobediencia institucional en democracias consolidadas, que desacreditan aos poderes públicos ou xeralizan a corrupción transcenden o disenso construtivo e deveñen disruptivas para a convivencia. Mudde e Rovira Kaltwasser analizan en Populism: A Very Short Introduction como certas narrativas reivindican a auténtica representación do pobo, desacreditando a adversarios democraticamente electos. Cando alguén reduce o debate a mencións sobre “puteros” aludindo a casos moi concretos, incorre en groseira demagoxia que altera a realidade. En España existen preto de 68.000 cargos electos entre concellos, deputacións, parlamentos autonómicos e cortes xerais. Os casos de abuso ou corrupción obxecto de sentenzas son unha minoría estatística, non a norma susceptible de xustificar a emenda á totalidade.
Levitsky e Ziblatt alertan en How Democracies Die que a erosión institucional comeza cando actores lexitiman a violación de normas invocando ilusorias situacións de emerxencia ou suposta falta de credibilidade do contrario. Nancy Bermeo apunta directamente á deslexitimación mutua como unha das principais vías de deterioro dos sistemas representativos. España é unha das 24 “democracias plenas” do mundo segundo The Economist, por riba de países como Estados Unidos e Francia. Artigos que normalizan discursos de rebelión contra gobernos saídos das urnas ameazan esta calidade. Sartori alertaba que a erosión comeza nas palabras antes de manifestarse nos feitos, creando ambientes onde a violación das normas devén progresivamente aceptable. No seu recente discurso de Nadal, Felipe VI alertou precisamente sobre os riscos da polarización e chamou ao respecto das institucións, mesmo cando discrepemos das políticas adoptadas.
Convén lembrar que as democracias posúen mecanismos para contrariar gobernos: mocións de censura, recursos xudiciais, mobilización electoral e presión parlamentar. Dahl finca que a lexitimidade deriva de procedementos, non do asentimento subxectivo de cada decisión gobernamental. As democracias non resolven problemas de xeito inmediato, pero ofrece un marco inclusivo, transparente, corrixible e resiliente que require respecto. Invocar a Locke para chamar a rupturas institucionais deturpa o seu pensamento e ameaza a estabilidade do sistema. O meu desexo para 2026 é que o debate público recupere calidade e rigor, que non todo valga e se asuma que non todas as opinións merecen respecto. Que sexa un ano para transcender cuñados nucleares e afianzar as bases da convivencia nun Estado que, pese a quen pese, pertence ao selecto club das plenas democracias.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
ESPACIO TURÍSTICO Y CULTURAL
Nuevo impulso en 2026 para la antigua estación de tren de Baños de Molgas
887 INTERVENCIONES
Aumentan los accidentes y fuegos atendidos por el GES
APOSTA POLO COMERCIO LOCAL
O concurso “Allariz, Escaparate do Nadal” xa ten o seu primeiro gañador
TURISMO RESPONSABLE
Ribeira Sacra se incorpora a la Asociación de Ecoturismo