Caldo de ósos para o futuro

Publicado: 21 feb 2026 - 02:40
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

A verdade é que mellor que teñan algo de carne pegadiña. E que sexan variados, de vaca e de xamón. E se lle vai algo de pita, pois tampouco está mal. E isto vén a conto de que lles quero falar da memoria do Padre Feijoo, de quen este ano se cumpren 350 anos do seu nacemento en Casdemiro, unha aldea do concello do Pereiro, no reborde da caída sobre o Miño. E como varias veces lles teño falado ultimamente de Lamas Carvajal, de Otero Pedrayo e doutras cousas doutros tempos, non quero que pensen que teño tortícolis cultural, que teño fixación co de atrás. E claro, algo de razón teñen, -sempre esta vai por barrios e segundo se mire- pero creo que os que andamos ás voltas coas cousas da historia máis que falar do futuro -esa cousa tan difusa e difícil de precisar e na que tantas variables incontrolable existen- debemos volver os ollos ás cousas e personaxes do pasado, non nunca, como deuses aos que adorar, nin estatuas ás que venerar, senón para arrincarlles ósos e carne de obras e exemplos, para preparar un caldiño limpo que contribúa á nosa alimentación para o futuro. Ou, máis polo besta, para moer os osos de clásicos e facer avecrem para o guiso do mañá.

Por certo que o concurso literario primeiro, o de 1876 tivo un desenvolvemento curioso

E si. Este ano, alá polo oito de outubro, será, como lles dicía, o 350 aniversario do nacemento de Feijóo en Casdemiro. E será, tamén, o 150 aniversario dunha explosión de actividade en Ourense ao redor da potenciación da súa figura como valor ourensán universal. Concursos literarios, de música, nese ano 1876 e posteriores, e inicio do proxecto para a realización dunha estatua na súa memoria. A cousa demoraría aínda uns aniños, ata o 7 de setembro de 1887, en que se inaugurou en medio de grandes festas populares, o que suporía dalgún xeito a entrada de Ourense na modernidade urbana, pois foi a primeira que se ergueu na cidade unha estatua en espazo público.

Por certo que o concurso literario primeiro, o de 1876 tivo un desenvolvemento curioso. Había catro premios: o primeiro, unha biografía do Padre Feijoo, quedou deserto; o segundo, o xuízo crítico da obra, acabou co xurado dividido entre tres obras, polo que requiriron o ditame da Universidade de Oviedo. Tampouco esta decidiu a quen irían os 4.000 reás do premio. Un dos tres candidatos retirouse da reviravolta oventense, e para os outros dous finalistas, recomendaron un accésit (ao traballo que era de Concepción Arenal) e unha mención de honra (ao de Emilia Pardo Bazán). Comunicáronllo á Comisión de Ourense que aforrou os cartos, e fixo pública a mención de honra a Emilia Pardo Bazán, dalgún xeito, gañadora. O terceiro premio, a un poema en galego sobre Feijóo, un pensamento de ouro e prata, por maioría, para Lamas Carvajal; o cuarto, para un poema en castelán, unha rosa de ouro e prata, directamente e por unanimidade, tamén para Emilia Pardo Bazán. Modesto Fernández, achegou unha pluma de ouro, para unha composición en honor ás nais, e gañou unha misteriosa moza, Arminda Flora Serrano, cun poema “Amor de nai”, pero non se presentou no Principal a recoller o premio, o 8 de outubro, como tampouco fora Lamas. Pero o tal poema aparece no libro de Lamas Carvajal, “Espiñas, follas e flores” como da súa autoría, polo que debeu concorrer con tal pseudónimo a un premio promovido polo seu xornal El Heraldo Gallego e dotado polo seu amigo, Modesto Fernandez. Se é que non foi escrito pola súa muller, Rosina Sánchez, que escribía moi ben. Hai que lle dar unha volta ao tema. Cousas que pasan.

Contenido patrocinado

stats