Santalices, fillo adoptivo

Publicado: 25 jun 2026 - 02:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Xa o resaltou Baltar hai uns meses, nun artigo nesta mesma sección, baixo o título “Santalices ten”. Polo que sobra enxalzar, aínda máis, o seu xa de por si extraordinario currículo como profesional sanitario na xestión, ademais de político, pero de político dos escollidos, dos que apenas atopas hoxe en día. O sempre saber estar respecto ao que discrepa e adversarios, se é que os ten, forma parte do patrimonio conciliador de Santalices. Unha vez máis, con tanta xustiza como acerto, púxose de manifesto, con motivo da concesión do título de Fillo Adoptivo do Concello de Muíños, no paradisíaco complexo deportivo do Corgo, nun entrañable acto, rodeado de amigos, de colectivos sociais e do máis diverso signo, o recoñecemento a bonhomía de Santalices. En el faixe evidente o pronunciamento médico do anátomo patólogo Rudolf Virchow: “El médico es a sus pacientes lo que el político es a los ciudadanos”, dixo diante da pregunta de cal era o motivo de tantos médicos en política.

Coñecéndoo, e teño a sorte de coñecelo dende a década dos oitenta do pasado século, todo recoñecemento resulta explicable, nada é froito da casualidade nin de interese algún. Digo a cotiá, sendo moi válido para a ocasión, que cando existen conviccións, prestixio e seriedade, non fan falta loubanzas nin cargos. Miguel Santalices cumpre a perfección estes criterios, dos que decateime xa na primeira chamada oficial que me fixo, a principios do 1988, ao concello de A Merca, mentres pasaba consulta médica no baixo do concello, onde se situaba o consultorio. O teléfono estaba nas oficinas do concello, polo que cando un dos médicos ou a enfermeira recibía unha chamada dun paciente ou familiar subía a planta de arriba. Eu tiña advertido que só me deran aviso se a chamada viña dun paciente ou familiar, para non interromper a consulta. Pero nunha ocasión chamou alguén que dixo pertencer a Inspección da Delegación de Sanidade e quería falar co alcalde. Como estabamos esperando equipar o que ía ser centro de saúde, subín a toda velocidade e comecei: “Diga, quen é?”. “Son Miguel Santalices, de Sanidade, e quería falar co alcalde ou os médicos”. Ao que lle respondo: “Eu son o médico e o alcalde”. E me di: “Ben, economía do tempo”… O equipamento terminou en éxito. Ata podo dicir que foi dos centros de saúde pioneiros no dispor dun electrocardiógrafo, que na década dos oitenta non era fácil.

A partires de aí, a casualidade quixo que nos anos noventa, eu como xerente da Atención Primaria e despois como director do Sergas, coincidira con Santalices de xerente do Hospital Santa María Nai, que un tempo despois foi tamén responsable da integración do centro -titularidade da Deputación- na rede pública do Sergas, que baixo a súa responsabilidade resultou un éxito, cando non se presaxiaba fácil.

A principios do actual século, quen escribe de subdelegado do Goberno e Santalices xa parlamentario, tocounos presidir un festival taurino en Gomesende -cerca da Capela da Nosa Señora do Val, nos montes de Seixo Val-, ca presidencia e dirección de lidia respectivamente, como responsabilidades. O caso foi que a pouco de comezar o festival, una tromba de auga caída do ceo puxo o albero impracticable para unha mínima faena, polo que decidimos dar por terminado o festival. Vaia problemas e protestas! O representante dos rexoneadores, quería cobrar a todo tren; empezouse cun tira e afrouxa…, aquilo pintaba mal, ata que Santalices solicitou a palabra para desprazarnos á Capela, e alí, cerca do altar maior da igrexa, acordáronse gastos e porcentaxe a pagar aos rexoneadores ante o representante, chamado Curro, moi duro de roer e que quería cobrar íntegro. Unha vez máis, o Santalices pacificador, conciliador e resolta a disputa, tras un cheo ata a bandeira nunha praza con máis de tres mil asentos ocupados. Un referente para os colectivos sociais, os máis vulnerables, liderando a hemodiálise para Ourense, fillo predilecto da asociación de viúvas. Un amigo de todos, ao que Plácido, alcalde de Muíños, recoñeceu como se merece. Longa vida!

Contenido patrocinado

stats