Por suposto, Verín non se pecha

TRIBUNA

Publicado: 01 ago 2026 - 02:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Na sanidade hai problemas todos os días. Negalo non sería serio. E isto obriga a reorganizar o servizo, o que conleva a que haxa momentos nos que a atención non funciona coa axilidade que todos desexariamos. Unha realidade que non é exclusiva de Galicia. Toda España sofre a falta de médicos, consecuencia exclusiva dunha mala planificación durante anos do Goberno de Pedro Sánchez.

E unha vez máis, a incompetencia do Goberno central págana as comunidades autónomas. Por sorte, en Galicia afrontamos estes problemas e non os negamos, duplicando esforzos coa creación de prazas, a estabilización de profesionais, a reorganización de servizos e o investimento constante en sanidade pública. Iso é o que fai o Goberno de Alfonso Rueda: poñer o foco no que de verdade importa.

E mentres uns traballan por arranxar o que outros deterioran, hai quen emprega esta situación para sacar rédito político -curioso que sexan os mesmos que están e apoian o Goberno central-. Vémolo estes días co Hospital comarcal de Verín. Din que o están desmantelando e berran que Verín non se pecha. E por suposto que non se pecha, só hai que observar a realidade dos últimos anos neste hospital para comprobar que ninguén está desmantelando nada.

Dende 2024 creáronse 35 novas prazas estruturais, estabilizáronse 169 profesionais e incorporáronse 15 médicos especialistas. Medicina Interna mantén cuberta a totalidade do seu persoal e o hospital presenta unha cobertura próxima ao 98%. Ao mesmo tempo inaugurouse un novo edificio de Urxencias e PAC cun investimento de 4,9 millóns de euros, incorporouse novo equipamento, continúan as reformas e están en marcha novos servizos como o Hospital de Día e a Hospitalización a Domicilio. Esta, se mo permiten, non é a “radiografía” dun hospital que se pecha. É a dun hospital que continúa fortalecéndose.

Pero unha estratexia que para nada contribúe a mellorar a sanidade, non axuda aos profesionais e, sobre todo, non respecta o dereito dos veciños de Verín a recibir información veraz, completa e rigorosa.

Entón, por que existe tanto interese en convencer aos veciños de que o Hospital de Verín está en perigo? En maio de 2027 hai eleccións municipais, o que non deixa de ser curioso. Está claro que discursos e manifestacións, así como determinadas plataformas, buscan converter cada dificultade nun argumento electoral.

Unha estratexia que algúns ven útil para mobilizar e crear preocupación co fin de buscar rédito político. Pero unha estratexia que para nada contribúe a mellorar a sanidade, non axuda aos profesionais e, sobre todo, non respecta o dereito dos veciños de Verín a recibir información veraz, completa e rigorosa.

Reclamar melloras sempre será necesario. Utilizar ás galegas e galegos como reféns políticos con enganos e medias verdades, non. Precisamente por iso convén exercer un saudable espírito crítico. Non para deixar de reclamar melloras, senón para esixir que a realidade se conte enteira. Unha sanidade mellor constrúese sinalando o que falta, pero tamén recoñecendo o que funciona, o que mellora e o que avanza.

Os veciños de Verín teñen dereito a coñecer as dúas caras da realidade e a formar a súa propia opinión sen alarmismos interesados, porque as palabras poden manterse só durante un tempo, pero os feitos permanecen para sempre. De aí esta reflexión hoxe, Verín non se pecha porque Verín segue avanzando e medrando.

Contenido patrocinado

stats