Tono Arias en Sabucedo, na rapa das bestas

ARTE ET ALIA

Ollando dacabalo e con disfrace.
Ollando dacabalo e con disfrace.

Dende os foguetes e a misa na parroquial de san Lourenzo, suben ao monte na procura dos cabalos salvaxes que, logo de xuntalos, son guiados para o cercado na vila. Logo no curro a faena da rapa cos tres ”aloitadores” que, con habilidade, deitan cada besta para reducirlle a crin e marcala, e ao remate todos os animais regresan aos montes. As noites da rapa son de festa rachada na carballeira do campo do medio. Manuel Cabada ten publicado a súa historia e antropoloxía en 1992. Así as cousas, Tono Arias fotografou o exterior do cercado do curro, e amósanos o seu proxecto na sala Alterarte do Campus de Ourense, que divide en dúas partes. Dun lado coloca os afeccionados que tratan de ollar polas regañas das vaias metálicas que pechan o espazo. Subidos nelas, sós ou con axuda, Arias documenta a acción de costas, sen que se decaten, agás do que vai nun cabalo con rechamante e extravagante vestimenta- disfrace, quen amosa parcialmente a faciana. Na parede de enfronte escolle figuras de persoas dacabalo das polas das árbores, entre as follas, tratando de coller algunha instantánea coas cámaras. Dun lado o luminoso metal, do outro a verde follaxe. Tódalas fotos son a media altura, estas de perspectiva de sotto in su, que dirían os pintores de academia, ou contra picados de cine. no exterior deste suceso anual de Sabucedo, unha consciente escolla e toma de postura.

Llibro acordeón.
Llibro acordeón.

Aí, segundo escribe, está “o punctum do meu traballo”, concepto en liña Roland Barthes, punto en latín, mais que se usa tamén en música, na escala, logo de definir a clave ao comezo do pentagrama. Crea así unha secuencia sendo desta volta a de Arias “Do, Re, MiRa (sic!, por Mi La), Sol, La, Si”, xogando-alterando a secuencia das notas para o título. É dicir, sinala o esencial: mira ou olla. E nesa periferia do balbordo quere capturar o oposto, a calma, o silencio. De aí que nos suxira para este ensaio un singular apéndice musical, a sinfonía do silencio de John Cage, músico e artista pluridisciplinar, dos Estados Unidos de América do N., famoso pola coñecida performance estreada en 1952, na que o pianista non toca tecla algunha durante os tres movementos da obra, o que transcorre durante 4’33”, outro nos nomes deste silencio que fala... Eis un feito de ruptura ao xeito do artista conceptual e xadrecista Marcel Duchamp co urinario, ao que lle da a volta en 1917 para chamarlle Fonte. Completa a mostra, nun pedestal en sala, un libro-folleto de formato acordeón e composición artesanal.

Curioseando o curro.
Curioseando o curro.

Tono Arias Duci (Allariz, 1965) é fotógrafo de prensa e documental desde 1984, e ten traballado en medios de comunicación e revistas de información. Vive na Estrada, Pontevedra, onde dirixe dende 2012 a galería cultural Dispara, coa fotografía como protagonista. Antes, dende 2006, traballa como independente de fotografía industrial, documental, publicidade, moda e arquitectura. Ten desenvolvido proxectos web, comisariado e participado en mostras individuais e colectivas, publicado varios foto-libros e editado Poéticas para a memoria dunha guerra allea de Miguel Auria, e Entidade Singular de Iván Nespereira, premio Ffoco 2024.

Contenido patrocinado

stats