Unha disputa futboleira

Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

Como se cadra saben, pois xa o teño dito máis dunha vez, non lles sei nada de fútbol. Máis alá da cultura xeral, pois un non é impermeable á que está caendo. Sei que son dous equipos dunha ducia, máis ou menos, de rapaces que tratan de meter unha pelota de coiro na portería de enfronte e hai unhas regras moi simples: non se lle pode dar coa man e non se pode estar esperando ao lado da portería do outro porque lle chaman fóra de xogo. Así todo o mundo, claro, ten unha opinión. O árbitro, cando ve algunha mala intención fai unha advertencia ou pode botar fóra ao xogador. Cartón amarelo ou vermello. En xeral, os xogadores son bastante marraus, están sempre cuspindo sobre a herba e fan moito teatro. Pero é cousa vistosa velos correndo dun lado a outro, enredarse coas pernas e, ás veces, darse patadas. Os partidos de fútbol teñen moito de guerras simbólicas entre países. Xúntanse grandes masas de xente -agora tamén mulleres- e rin e choran e berran e choutan, segundo lle vaia aos seus.

Como ven, algo sei. E si. E máis me cumpría. Unha vez, hai moitos anos, coincidín nun hotel de Buenos Aires -La Perla del Once- cunha partida de rapaces italianos que ían montar alí unha fábrica de Ausonia. E ós fins de semana ían xogar cos camareiros. Algunha vez me convidaron, pero eu xa tiña a miña xente alá e non ía canda eles. E ocorréuseme dicirlles que non me gustaba o fútbol cando me preguntaran “de que equipo era”. Iso de manifestar tal desafección, só podería ter unha explicación: “Finocchio”, dixo un tocando a orella, e riron todos, e eu tamén, pero porque eles pensaran que eu non entendía a xerga italiana que, naquela altura, tiña ben fresca. O tipo usaba como en clave, a palabra dura, pailana “finocchio” -esa herba que sería o fiúncho en galego, ou o hinojo do castelán- que é a forma máis despectiva dos italianos para referirse aos homosexuais. A dedución era fácil, como non me interesaba o fútbol, mariconazo debía ser. Non lles aclarei nada, por suposto, porque hai que deixar a cada un coa súa idea, e así, de paso, deixábanme tranquilo.

Pero esta non é a disputa da que lles quería falar. Volvo ao rego. Un día, hai moitos anos, se cadra con motivo doutro Mundial ou dunha Copa de Europa ou algo así, coincidiume estar con dous sindicalistas que pertencían ao partido de Camilo Nogueira no que eu, moi mociño, participaba ilusionado. E a discusión era entre un vello e histórico sindicalista de Comisións de Citroen de Vigo e noviño moi radical de non sei que sindicato nacionalista de Astano. O tema era por quen había que ir naquela final onde xogaba España e non sei que outro país. O noviño quería, con toda a vontade, que perdese España. Dicía el que se gañaba, íase montar unha festa enorme e habería unha onda de españolidade tremenda. O rapaz angustiábase imaxinando todo cheo de bandeiras amarelas e vermellas e a xente feliz. O vello retrucáballe que non había que ser tan repunante, que había que alegrarse pola alegría e felicidade da xente e punto. Que as bandeiras eran aquí cousa de festa, como as que se colgaban nas aldeas o día do patrón. Non darlle tantas voltas ideolóxicas, que así, con ese comportamento permanentemente encabuxado non micaban nunca nada nas eleccións os da corda da que viña o rapaz.

Eu, despois de que eliminaran a Cabo Verde, pois volvo por España, a pesar do que sufrirían en Arxentina de perderen a final. Neses casos, sempre hai alí unha ducia de suicidios ou así. En fin, seica o Vozinha viña ás veces a Ourense con outros xogadores do Chaves a tomar uns viños. Non sei. Contáronmo. Por iso ía por eles. Dos españois gústame a sensación de conxunto, de equipo. Aínda que só lle poña cara a dous ou tres, quero que gañen. Xente nova e esforzada. Ah. E xa de postos, gustaríame que houbese só unha liga de fútbol na península, que xogasen na mesma os equipos españois e portugueses. Non cren?

Contenido patrocinado

stats