Regravando os confíns do mundo

¡BUONES VISIONI!

Publicado: 17 jul 2026 - 05:40
Fotograma de “Magallanes”
Fotograma de “Magallanes”

Algo que comparten o cineasta filipino Lav Díaz e o portugués Magallanes é sen dubida a obstinación. O primeiro, autor de máis de 50 películas, está moi ancorado na súa inamovible forma de entender o cinema: un estilo contemplativo moi lonxe das lóxicas das convencións comerciais, e fixado en temas relacionados coa memoria histórica de Filipinas. Por outro lado, Magallanes, agarrado durante boa parte da súa vida a unha viaxe obstinada, capitán dunha expedición que cambiou o noso concepto de entender o mundo.

“Magallanes” de Lav Díaz, protagonizada por Gael García Bernal, é unha epopea que desmonta o mito do explorador heroico movido por unha ilusión

Estreada no último Festival de Cannes e chegada as salas de cinema en España hai dúas semanas, a película “Magallanes” de Lav Díaz, protagonizada por Gael García Bernal, é unha epopea que desmonta o mito do explorador heroico movido por unha ilusión. Afastase da figura do navegador romántico descrita na biografía de Stefan Zweig para achegarse a un home teimoso, movido pola cobiza e o fanatismo relixioso, incluso pola tolemia. A historia que leva á gran pantalla Lav Diaz é moi lonxe tamén da aventura contada recentemente, por exemplo, na serie “Sin Límites”(2022) de Simon West, unha obra que facía entretido o documento histórico.

A través de longos planos secuencias fixos que escapan da espectacularidade -pero que non deixan de ter unha suxestiva forza hipnótica-, o cineasta céntrase sobre diferentes momentos da biografía de Magallanes. O cineasta retrata a vida doméstica do explorador e por suposto a escura travesía polos océanos marcada pola fame, a enfermidade, o delirio, os motíns e a crueldade. En cada momento, o filme desmonta a épica colonial e retrata as consecuencias humanas da súa travesía, tanto en mar como en terra.

O filme mantén un enfoque especial tamén no personaxe de Enrique (Amado Arjay Babon). Comprado como escravo en Malaca ao principio do filme, o servinte silencioso que se comunica cos deuses da natureza, acaba subvertindo a mirada eurocéntrica da expedición. O cineasta suxire unha teoría que xa está debatida por varios historiadores: Enrique podería ser o verdadeiro primeiro home en dar a volta ao mundo.

Outro aspecto fascinante da película é o traballo de fotografía. A proposta visual de “Magallanes” afástase da estética en branco e negro que é o selo da filmografía de Díaz. O cineasta filipino traballou conxuntamente co director de fotografía español Artur Tort, coñecido por colaborar habitualmente con Albert Serra. “Magallanes”, ademais de construírse a través de tomas fixas de longas duración e moi poucos primeiros planos, utiliza unha paleta cromática moi peculiar, como se a imaxe fora cuberta dunha néboa fantasmal. A nivel técnico, para a ‘‘regrabación do descubrimento’’ utilizáronse unhas cámaras Lumix GH7 no formato 4:3. O intento foi o de replicar a estética do cine mudo e, ao igual, reapropiarse dunha mirada máis pura, espida de artificios.

“Magallanes” non é un filme para todo tipo de público, máis ben vai dirixido cara aos que Pier Paolo Pasolini definía como a ‘‘nova élite’’. Non ás persoas ricas e privilexiadas, máis ben unha minoría conscientes, espectadores activos que se fan preguntas. “Magallanes” vai orientada aos que están dispostos a cuestionar a historia oficial a través dunha película cunha estética rompedora e feita grazas a fe inquebrantable do seu director.

Contenido patrocinado

stats