A vergoña, vergoñenta

Publicado: 26 ago 2026 - 00:55
Opinión en La Región.
Opinión en La Región. | La Región

Tiña vergoña de todo e para todo. Era unha moza preparada e intelectualmente moi cualificada, sensata, humilde e afable coas compañeiras e compañeiros de calquera das andanzas ou aventuras diarias. Non comprendía o dicir de Homero, cando aseveraba que “non lles convén ser vergonzosas” ás persoas e ás sociedades necesitadas. Detestaba a aquelas que empregaban descaradamente a mentireira e a estupidez para conseguir obxectivos espurios.

Ela, como a maioría das persoas, era traballadora honesta, rica en saberes e con grandes capacidades para esixir xustiza e transparencia. Era como ten que ser a xente nova, unha revolucionaria que admiraba a felicidade dos seus e dos outros. Era atrevida, valente e sensata. Era como hai que ser e sabía, como todos vostedes saben, que a vergoña cómpre conservala.

Cando a perden os de arriba, os que teñen a vara do mando, quedan lixeiros, quedan sen o respecto dos mandados ou “gobernados”; cando perden toda vergoña, a auga sae da canle e vai a borbullóns, anunciando o perigo da desfeita.

Era vergoñenta a situación á que sometían (e someten) á nosa xente, do pais ou de onde sexa

Ela lembraba a vergoña dos emigrantes galegos que non sabían a fala, que non coñecían o entorno, que non sabían onde estaban e que non gañaban para o retorno. Agrandase o corazón dos homes ao ver a realidade da emigración e da fatalidade dos emigrantes. Era vergoñenta a situación á que sometían (e someten) á nosa xente, do pais ou de onde sexa.

Parecíalle vergoñento ser de aquí ou de acolá, estar gobernados por estes ou polos outros. A vergoña da miseria e a de quen quere ser dono de máis, aínda que xa o teña todo. Dos que queren mandar en todo e mandan, retirando as cancelas, borrando os recordos, asubiando e, se é o caso, mirando ou paseando.

A Tía Manuela non descansa, e menos nesta situación, na que queren ser máis papistas que o papa. Mira para o ceo, volve mirar e esconde a cara. Dálle vergoña estar nun mundo asolagado polas bágoas da xente de ben, pola rabia dos que queren seguir gobernando e non gobernan, pola ira dos que queren e non poden. Por todo o que está pasando, pasa e segue pasando.

Aí está a vergoña, apelicada ao ser da xente que quere vivir con dignidade e desprezada polos que queren, perseguen e acadan unha forma de compartir e de ser máis vergoñenta. Incluso, repelente e, xa que logo, noxenta.

Contenido patrocinado

stats