Alumnos do Campus participarán nunha simulación da ONU

CAMPUS DE FERROL

Un centenar de estudantes debaterán en Ferrol sobre temas de actualidade que están recollidos na axenda da ONU

Campus de Ourense.
Campus de Ourense.

Alumnado da Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense participa este xoves e venres en CouMUN, unha simulación do funcionamento das Nacións Unidas. Por segundo ano consecutivo esta experiencia vaise celebrar no campus de Ferrol, co que a Universidade de Vigo comparte este grao interuniversitario. A cita contará coa participación dun centenar de estudantes de catro universidades.

Na actividade, os alumnos participantes convertiranse en embaixadores dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura dun delegado, preparará borradores de resolucións estratéxicas argumentativas e realizará negociacións con países aliados e adversarios, ademais de resolver conflitos botando man das regras deste organismo.

Ao longo dos dous días, simularán un total de cinco consellos. No primeiro deles, o Consello Económico e Social, debaterán sobre os aranceis e o futuro do comercio global. No segundo, o Consello de Seguridade, afondarán no uso de armas nucleares e no proceso de desmilitarización do Ártico. Na terceira simulación analizarán o papel da organización internacional Unión Africana e estudarán como prever e resolver golpes de estado e conflitos internos en África. A Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas será a protagonista do cuarto consello, no que o alumnado analizará a crise humanitaria en Iemen e buscará o consenso para acadar unha resposta internacional para a protección das persoas refuxiadas. No quinto consello, titulado ONU Mulleres, debaterán sobre o impacto da crise actual en Afganistán no que atinxe aos dereitos das mulleres, e no sexto e último consello recrearán a asemblea xeral das Nacións Unidas.

O programa desta segunda edición do CouMUN inclúe unha conferencia inaugural, prevista para o xoves 27, ás 16.30 horas, da man da alta funcionaria internacional da Organización Mundial do Comercio (OMC) María J. Pereyra.

Ademais do alumnado de Relacións Internacionais da UVigo, nel participará estudantado de Relacións Internacionais, Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade da Coruña; de Relacións Internacionais, de Socioloxía-Relacións Internacionais e Experto en Desenvolvemento e de Socioloxía-Relacións Internacionais da Universidad Complutense de Madrid e de Farmacia da Universidad Francisco de Vitoria.

4o mini

Contenido patrocinado

stats