Amencer impulsa o seu “Camiño á fama” benéfico

CULTURA

O festival celebrarase o 26 de abril no teatro Salesianos de Ourense. Os rapaces poderán compartir a súa creatividade musical a través dunha coreografía ou unha interpretación vogal

Cartel do festival.
Cartel do festival.

A Asociación Xuvenil Amencer presentou onte un festival de coreografías no que poderán participar nenos e mozos de todas as idades. “Camiño á fama” chega á súa XV edición o vindeiro 26 de abril ás 18,00 horas, baixo a forma dun evento de carácter benéfico que destinará todo o recadado para os campamentos urbanos que organiza a entidade.

Os rapaces que se animen a participar nesta iniciativa poderán presentarse en dúas categorías diferenciadas: interpretación, para aqueles que prefiran cantar en directo un tema; e coreografías, para os que decidan bailalo. O obxectivo fundamental deste evento parte de que toda a mocidade conte cun espazo onde “desenvolver a súa creatividade musical a través das coreografías e a interpretación vogal”.

Entre os participantes, entregaranse diversos premios, establecidos atendendo cuestións como a mellor coreografía, creatividade, estilo, técnica, orixinalidade, expresión ou interpretación. Diferentes opcións para que os máis pequenos saquen o seu lado máis artístico e o mostren nun escenario. As solicitudes poderán enviarse ata o venres 11 de abril ás 14,00 horas.

Fila cero

O festival, que terá lugar no teatro Salesianos, permitirá mercar unha entrada na “Fila cero”, que permitirá colaborar economicamente coa entidade, aínda que non se poida asistir ao o propio día. Non obstante, por só 3 euros, todos aqueles que queiran formar parte desta iniciativa solidaria, poderán botar unha man á asociación que colabora coa xuventude, ao tempo que desfrutan dun espectáculo de entretemento para toda a familia.

Contenido patrocinado

stats