As propostas entrelas do OUFF: o festival presenta o seu programa completo

DEZ DÍAS DE CINEMA

Ourense prepárase para dez días de cinema cun OUFF que reúne estreas, grandes nomes e citas para todos os públicos. Coas entradas xa á venda, repasamos algúns dos momentos destacados dunha edición que convida a compartir a súa maxia

Presentación do programa do OUFF
Presentación do programa do OUFF | José Paz

Ourense conta os días para que se apaguen as luces. O OUFF está a piques de acender as súas pantallas e encher a cidade de historias que paga a pena descubrir. Do 25 de setembro ao 4 de outubro, estreas, clásicos, encontros e música convidan a reservar dez días para o cinema, con propostas para compartir afeccións e descubrir outras novas.

O festival presentou onte a súa programación completa e anunciou un novo recoñecemento: Uxía Blanco, protagonista de “Sempre Xonxa”, recibirá o Premio Honorífico AISGE na inauguración por unha traxectoria ligada á historia do audiovisual galego. A expectación xa se nota. A exposición “A terra do anel” sumou 2.000 visitantes en catro días. “En todas as seccións temos cine de moita calidade”, reivindica o director artístico, Óscar Doviso.

As entradas xa están dispoñibles en Ataquilla e Galicine, con sesións gratuítas e outras a catro euros. Ademais, seguir o festival ten premio. O Bono 10+ mantén a tarxeta física e incorpora unha versión dixital para levar no móbil. Ao completar dez filmes, convértese na entrada para unha película sorpresa o 8 de outubro, ás 20,00 horas, no Teatro Principal.

O convite está lanzado. Escoller unha historia, acomodarse na butaca e deixar que a pantalla faga todo o demais. A seguinte descuberta pode estar ao virar a esquina, nunha sala que agarda coas portas abertas.

A Palma de Ouro de Cannes estará en Ourense

Fotograma de "Fjord".
Fotograma de "Fjord".

A Palma de Ouro estará tan preto que case se pode tocar. “Fjord”, de Cristian Mungiu, encabeza a Sección Oficial Internacional con Sebastian Stan e Renate Reinsve á cabeza. Ao seu carón, “Historias paralelas”, de Asghar Farhadi, reúne a Isabelle Huppert, Vincent Cassel e Catherine Deneuve. Tamén competirá “Hold Onto Me”, premio do público en Sundance.

Dez películas e sete estreas en nacionais converterán o cine do Ponte Vella nunha xanela de excepción ao cinema de fóra das nosas fronteiras, con catro pases por título para que cada espectador poida organizar a súa ruta polo festival.

As series tomarán o Teatro Principal

Fotograma de Clínica Miranda
Fotograma de Clínica Miranda

As próximas conversas sobre series nas redes sociais poderán ter o seu xérmolo no Teatro Principal. “Clínica Miranda”, producida por La Región Televisión para TVG, estreará o seu primeiro capítulo o 1 de outubro. Unha clínica galega dos anos cincuenta será escenario de ambicións, disputas familiares e loitas por decidir o propio destino. O día anterior chegará o avance de “Las hijas de la criada”, baseada na novela de Sonsoles Ónega, con Carlota Baró e Martina Cariddi. Dúas citas gratuítas para descubrilas na pantalla grande.

O talento local para celebralo intensamente

Fotograma de "Todo puede esperar"
Fotograma de "Todo puede esperar"

O cinema tamén comeza ao mirar arredor. Made in OU reúne unha longametraxe no Teatro Principal e tres bloques de curtas no Cineclube Padre Feijóo, todos con entrada gratuíta. A primeira, “Todo pode esperar”, acompaña a César Morán, que aos 70 anos grava o seu primeiro disco con cancións propias. Entre as demais obras, “Cando o vento arde” retrata o incendio que transforma Manzaneda e “O felo” converte unha máscara do Entroido en motivo de inquietude. Paisaxes, lembranzas e soños que Ourense transforma en audiovisual.

Grandes persoeiros do cinema nacional

Jaime Lorente
Jaime Lorente

O festival ofrecerá a oportunidade de coñecer de preto algúns dos rostros máis recoñecibles do cinema. Entre outros nomes recoñecibles do noso cinema, Javier Gutiérrez, Calpurnia de Honra desta edición, compartirá un coloquio co público tras “La hija”, o sábado 26 no Ponte Vella.

Pola súa banda, Jaime Lorente presentará “El mal hijo”, a súa película como director, na clausura do 3 de outubro.

A travesía de regreso ao mundo da Terra Media

Exposición de "A terra do anel"
Exposición de "A terra do anel"

Hai viaxes que apetece repetir e coñecer a Terra Medía é unha delas. O OUFF propón regresar ao universo de Tolkien con “A terra do Anel. Unha viaxe entre reinos”, a exposición que acolle o centro cultural Marcos Valcárcel ata o 1 de novembro. A celebración de “El Señor de los Anillos” terá tamén a súa enorme cita musical co OUFF Film Symphony, onde preto de 120 músicos interpretarán a mítica banda sonora de Howard Shore o 27 de setembro no Auditorio Municipal.

Cinema imperdible con identidade galega

Fotograma de "Kiro"
Fotograma de "Kiro"

A sección Panorama Galicia, que mostra o mellor do cinema autonómico, reúne sete películas no Teatro Principal, con historias que viaxan das verbenas ao Camiño de Santiago. “Kiro”, o documental de María Yáñez, celebra a cantante e o vínculo co seu público. “Walking Holiday” propón acompañar a Elena Seijo nun encontro entre unha avoa galega e un mozo irlandés, mentres “A avó e o amor”, de Raúl Veiga, terá a súa estrea mundial. Música, encontros e herdanzas familiares nun cinema que dialoga con Portugal, Irlanda ou Arxentina sen perder a súa voz, idioma e identidade.

Unha butaca reservada para Billy Wilder

Fotograma de "Con faldas y a lo loco"
Fotograma de "Con faldas y a lo loco"

Marilyn Monroe, Jack Lemmon e Marlene Dietrich teñen unha cita na cidade. O ciclo Agarimo celebra os 120 anos do nacemento de Billy Wilder con cinco clásicos que poderán verse dun xeito gratuíto no Ponte Vella. “El crepúsculo de los dioses”, “El gran carnaval”, “Testigo de cargo”, “Con faldas y a lo loco” e “El apartamento” ofrecen motivos para volver ao cinema.

Para quen teña unha relación íntima con eles, o pracer do reencontro. Para o resto, a oportunidade de descubrir canto enxeño, emoción e comedia cabe nunha pantalla.

Os filmes inéditos medran sen fronteiras

Fotograma de "Napoli New York"
Fotograma de "Napoli New York"

A renovada sección Inédito amplía horizontes con cinco películas internacionais e dous pases por título nos cines Ponte Vella. Entre as propostas destaca “Napoli New York”, que leva á pantalla un guión perdido de Federico Fellini e Tullio Pinelli. Rami Malek protagoniza “The Man I Love”, mentres Carmen Machi, Blanca Portillo e Rossy de Palma comparten cartel en “Día de caza”. Para quen queira deixarse sorprender pola animación está “Iron Boy”, unha película francesa que o director do OUFF definiu como “unha preciosidade”

Contenido patrocinado

stats